Juan Liñares Castro naceu en 1909 no seo dunha das familias máis
ricas e influentes de Ordes: os Liñares.
Foi o segundo dos dez fillos de Juan
Liñares Iglesias (1885-1951) e María
Castro Bao (1887-1961).
Juan Liñares Iglesias era un dos maiores
empresarios da vila, banqueiro e xerente dos autobuses "El
Noroeste" e da "Eléctrica de Órdenes". Politicamente
estivo vinculado durante as dúas primeiras décadas do século XX ao Partido
Liberal -como a inmensa maioría da elite ordense- o que lle permitiu ser xuíz
municipal aínda que non tivese título de avogado. A ditadura de Primo quebrou o
poder liberal e "don Juanito" buscouse a vida: en 1930 foi
brevemente alcalde e coa chegada da República militou no Partido Republicano
Radical de Gerardo
Abad, para logo pasar sen problemas ao bando franquista.
Juanitiño, tamén alcumado o manco dos Liñares por ter o brazo dereito case
inútil (cousa que non lle impediu facer actividades físicas como xogar ao
fútbol no equipo daquela época) foi un mozo guapo e de bo porte. Alumno
aplicado, acadou en 1927 o título de bachiller. Logo estudou dereito na USC e
rematou a carreira en 1931.
Comezou o seu labor de avogado. Nesa época,
segundo denuncia de Domingo A. Moar, Juan fai as presentacións dos mitins do
seu pai e comparte as ideas republicanas. Co estoupido da Guerra Civil toda a
familia alíñase (que remedio!) co bando nacional.
Juan convértese en secretario da FET y de las JONS e preside en outubro
de 1938 a Junta
de Subsidios pro-combatientes.
Neses anos comezou a relación con Ángela Stolle Ramos, mestra en
Visantoña (e posteriormente en Frades), unha das fillas do xefe de telégrafos Pastor Stolle García, que morreu en outubro de
1937. En 1938 casan nunha cerimonia íntima porque ela estaba de loito pola
morte do pai.
O matrimonio viviu en Alfonso Senra, en
fronte da carpintería de José da Calzada
(logo ultramarinos do seu fillo Higinio) e tivo dez fillos: Mª Jesús, Juan
Pastor, Julio Mario, Gemma, Ángel, Mª del Pilar, Ángeles, Manuel, Antonio e
Rosa María.
Juan, despois duns anos exercendo a avogacía,
pasou en 1940 a ser xuíz de Ordes interino e desde
1945 con praza en propiedade. En 1950 pediu a excedencia para volver dedicarse
á avogacía, actividade máis fácil de compaxinar coa de alcalde.
Seguindo a tradición familiar (o seu avó
Gumersindo fora perenne alcalde de Trazo) Juan Liñares comezou na alcaldía de
Ordes a finais de 1950 e ostentou o cargo (que tamén implicaba ser xefe local
do "Movimiento") uns 18
anos.
Foron tempos aínda duros pero xa lonxe da
miseria de posguerra. Construíronse a Casa Consistorial e o campo de fútbol e a
vila foi medrando pouco a pouco. En 1965 creouse o Círculo Cultural y Recreativo do que foi primeiro presidente.
Nesta época tamén foi deputado provincial ata
máis alá de 1970 (ano en que de paso tamén estivo na xunta directiva do Colexio
de Avogados).
1968
foi un ano clave na súa vida: en outubro morreu a súa muller Ángela, aos 55
anos, e deixou a alcaldía na que foi substituído polo seu familiar (era curmán
do seu pai) Antonio
Concheiro.
Nos anos seguintes abandonou a avogacía e
volveu á xudicatura como xuíz de distrito, sendo Ribeira o seu último destino.
Faleceu en Sevilla o 10 de marzo de 1989.
Está soterrado no cemiterio vello de Ordes
xunto á súa muller na tumba do seu sogro Pastor Stolle.
Só un
dos seus dez fillos, Julio Mario (avogado desde 1967), seguiu a carreira
paterna, e só tres fillas (Mª Jesús, Gemma e Pituca) permanecen en Ordes.
Segundo o tamén avogado Jesús Varela Fraga, Juan Liñares "era un avogado que lle daba
a todos os paus na súa profesión pero ao que lle gustaba especialmente o dereito
civil. Era un extraordinario orador que tiña o don da palabra e ao que era un
pracer escoitar no estrado. Era bo e xeneroso axudando e no seu bufete os
humildes atopaban comprensión e axuda".
Igualmente ben valorada é a súa figura en
Ordes. Manuel Moar recórdao como "eterno colaborador desinteresado en todo o relacionado coa nosa
vila [...] un home sinxelo, humilde, equitativo e xusto [...] e o do que gardo
unha profunda admiración e respecto".
No hay comentarios:
Publicar un comentario