Ardemil cos seus 21,8 Km2 é a parroquia máis extensa do concello de Ordes
e tamén a máis setentrional. A zona norte, onde está o Mesón do Vento (cos seus 300 habitantes, o lugar máis poboado) é unha meseta que
supera os 400 metros
de altura, mentres na zona sur, apropiadamente denominada a Baixa de Ardemil, o
terreo vai descendendo suavemente ata os 285 metros na confluencia do río Cabrón co rego Portomanteiga .
Máis aló da lenda popular sobre o seu nome
(mil sarracenos queimados polos cristiáns), Ardemil acumula máis historia que a
capital municipal.
Foi habitada desde os tempos máis antigos,
como testemuña o xacemento castrexo do Coto
da Croa, que aínda presenta restos de defensas artificiais no seu lado oriental e que podemos atopar a un quilómetro ao leste do Camiño Inglés.
Na Idade Media, foi berce da nobre familia
dos Moscoso (de feito aínda hai tres lugares asi denominados) pero da fortaleza
do fundador, Lope Sánchez de Moscoso,
(a 1,5 km
ao oeste do Camiño) xa non queda nada. Logo, a mediados do século XIV
construíron a Torre de Morgade, que
foi destruída totalmente nas Guerras Irmandiñas
e da que só queda o lugar.
No verán de 1836 a parroquia de Ardemil integrouse oficialmente no Concello de Ordes (antes pertencía á xurisdición de Mesía).
No verán de 1836 a parroquia de Ardemil integrouse oficialmente no Concello de Ordes (antes pertencía á xurisdición de Mesía).
O Camiño Inglés percorre de norte a sur a
parroquia ao longo de pouco máis de 5 km todos en descenso agás o primeiro
quilómetro e os últimos 400
metros .
Comeza no Seixo, unha pequena aldea de apenas 10 casas na fronteira con Bruma. Aos 2,5 km chégase a Cabeza de Lobo, o centro parroquial
onde está a igrexa de San Pedro. Como anécdota este é o lugar de nacemento do
lobo Ardemiro, a mascota do colexio
do Mesón do Vento.
A igrexa con fachada de cantería granítica, o
cemiterio anexo e, sobre todo, o cruceiro que está poucos metros antes, a carón
do campo da festa, son os monumentos máis antigos e interesantes da parroquia.
Uns 600 metros ao sur, no cruce
coa estrada que vai a Leira os viaxeiros poden tomar un café no tradicional
"Bar Porto" ou no máis moderno "Café Bar Uzal" e admirar as
esculturas e dinosauros propiedade de Orencio Uzal. Neste lugar, desde o ano 2006 a asociación
"Castro da Croa" celebra a principios de agosto a Festa da Malla.
Aos 4,2 Km do comezo da ruta, o nome da aldea de
Mámoas demostra que podemos atopar eses monumentos prehistóricos nas proximidades.
Medio quilómetro despois, o Rego de
Portomanteiga é o punto máis baixo (285
metros de altura) da ruta. Ascende logo a estrada ata a aldea da
Carballeira onde o camiñante ten que deixar o asfalto e seguir por corredoiras xa na parroquia de Buscás.
No hay comentarios:
Publicar un comentario