Outra das pequenas xoias descoñecidas de
Ordes, paradoxalmente está á vista de todo o mundo no adro da igrexa
parroquial.
  O cruceiro da vila data do século XVII, época
barroca, onde prevalecía o "horror vacui" -o medo ao espazo baleiro-,
o que desembocaba nunha gran profusión de adornos. Así podemos ver distintos
relevos no varal como unha santa face debaixo mesmo do capitel, un cáliz e unha hostia da que xorden raios
como os solares, imaxes dun bispo, do Anxo da Garda...
  A cruz, resolta con grande calidade
formal e compositiva, ten brazos con chafráns e remates con flores. No anverso (oeste) hai un Cristo crucificado e no reverso
(leste) unha Virxe coroada e levando un rosario, ambos os dous sobre un capitel
de volutas.
  No varal tamén hai unha inscrición coa data do ano 1631, o que o converte no máis antigo do concello por
diante do de Mercurín (1646), pero non no máis antigo da comarca, honra que
corresponde (que eu saiba) ao cruceiro próximo á igrexa parroquial de Campo
(Trazo), datado en 1614.
  No libro "Geografía
General del reino de Galicia" de Uxío Carré Aldao, a data que se lle
dá ao cruceiro é 1681. Supoño que foi un erro e confundiron o 3 co 8, pero
outra posibilidade -máis remota- é que algún golpe ao longo do tempo deformara
o 8 e que agora nos pareza un 3. En todo caso, a estas alturas, 50 anos máis ou
menos carecen de importancia.
  O cruceiro tivo unha vida bastante azarosa
con moitos cambios de "domicilio". Erixiuse á beira da antiga igrexa
parroquial (a Capela de Lourdes) e alí estivo 300 anos.
  O seu momento máis duro viviuno en xuño de
1936 coas tensións políticas prebélicas: foi derrubado e rompeu en tres anacos.
Trasladado á parte norte da Alameda, posteriormente foi levado á zona norte do
adro da actual Igrexa de Santa María. Nos anos 50 os mozos do pobo utilizaban o
adro para xogar ao frontón (moi de moda entón) e o cruceiro servía para
descansar aos que eran eliminados. Despois da reforma da igrexa, o cruceiro foi
trasladado á parte sur do adro na zona central e por fin ao seu actual
emprazamento preto da rúa.  Se queredes ver máis fotos do cruceiro e a
súa localización en google maps, podedes ir a Cruceiro de Ordes na excelente web Cruceiros de Galicia.
  E se vos interesa coñecer onde están todos os cruceiros da
comarca: 
cruceiros
  de Cerceda 
 | 
  
cruceiros
  de Frades 
 | 
 
cruceiros
  de Mesía 
 | 
  
cruceiros
  de Oroso 
 | 
 
cruceiros
  de Tordoia 
 | 
  
cruceiros
  de Trazo 
 | 
 

No hay comentarios:
Publicar un comentario