Co obxectivo de recadar diñeiro para as
festas e para a banda tivo lugar unha representación teatral o domingo 31 de xullo
ás 9 e media no Teatro-Cine Troche.
A obra representada foi "Mamá"
do dramaturgo Martínez Sierra.
Na foto podemos ver ao elenco (e nas esquinas
aos apuntadores: Arturo Viqueira e Celestino Concheiro). Na mesma velada,
despois da obra teatral, a Banda de Música de Ordes ofreceu seis pezas do seu director Higinio Cambeses: o pasodobre "El
Brujo", o valse "El Pi-pi",
o charlestón "El Yo-yo", a
xota galega "Camiño d-o matadeiro", a muiñeira "Morr-o
conto" e para rematar o pasodobre "Adelante".
A Comisión de festas estivo integrada polo
habitual Ezequiel Astray Mato, secundado por Manuel García Gerpe, Ángel
Concheiro, Rafael Álvarez, Segismundo Viqueira, Ángel Mariño, José Concheiro,
Mariano Amado, Manuel Arceo, Manuel Mariño, Leandro Veiga e José Abeijón (o
futuro alcalde de Negreira).
Por El Pueblo Gallego (16-08-1932)
sabemos que despois do día grande, luns 15, o martes 16 houbo comparsa de
xigantes e cabezudos, concurso de baile amenizado pola banda local e a de
Corme, carreiras pedestres e de bicicletas, cucañas e baile nocturno con
"sorprendente" iluminación eléctrica.
O mércores 17 habería concurso de bandas e
gaitas do país, elección de "Miss Órdenes", "brillantísima"
sesión de fogos e animada verbena ata a tres da noite.
O xoves 18 era o tempo da xira ata o bosque
do Outeiro e a última velada musical.
O domingo 11 de setembro houbo un banquete en
honor ao director da banda Higinio
Cambeses, ao que acudiron os VIPs da vila: o alcalde Antonio Concheiro, o
notario César Antonio Sánchez Paniagua, os avogados Manuel García Gerpe, Jaime
e Celestino Concheiro Iglesias, Juan Liñares e Arturo Viqueira Ramos, o
farmacéutico Rafael Álvarez, os industriais Manuel Mariño Vilela, Ezequiel
Astray Mato e Manuel del Río Pampín, o xerente de "La Eléctrica de Ódenes" Ángel Concheiro Iglesias, o
correspondente Julián Marcos Arenas, os membros da Banda de Música e moitos
máis.
Á hora dos discursos tomou a palabra Gerpe
(secretario da Banda). Logo serían Jaime Concheiro e o notario os que loarían a
figura de Cambeses rematando o alcalde Antonio Concheiro. Por último o
homenaxeado respondeu agradecendo os eloxios e declarando a súa intención de lograr
que a banda se puxera ao nivel das mellores.
O domingo 25 de setembro tivo lugar a festa
do Cristo da Agonía na "Calle
Nueva" (Os Lagartos). Incluíu unha misa custeada polos veciños que
oficiou o coadxutor D. Domingo Barbeito Veiras. Para a o casión
tróuxose ao rector do Seminario compostelán D. Manuel Capón Fernández quen
soltou un tremebundo sermón que versaba sobre a existencia de dous partidos: o do
ben e o do mal, capitaneados por Cristo e Satanás. Loxicamente animou aos
fregueses a que escolleran o bando correcto e de paso condenou a inmoralidade
da muller e alabou o pudor. Despois houbo
unha pequena procesión só polo adro da igrexa "ya que las circunstancias no permitieron hacerlo como el año
anterior".
Despois de tan edificante celebración os
veciños foron a comer e D. Manuel foi invitado á casa das irmás Carrero Cárdelo (María,
Pepita e Consuelo), fillas do famoso médico Marcial Carrero Ulloa (1842-1912).
Pola tarde houbo festa popular na rúa,
amenizada pola Banda de Ordes e pola noite verbena con luz eléctrica.
No hay comentarios:
Publicar un comentario