martes, 24 de enero de 2017

Higinio Cambeses Carrera

  Aínda que non naceu en Ordes e só pasou dous anos na nosa vila, o músico Higinio Cambeses é un personaxe destacado da nosa historia.

  Naceu no ano 1900 en Antas (A Lama) nunha familia humilde, dotado dun talento innato para a música, que aprendeu a executar e compoñer de maneira autodidacta. Tocaba a maioría de instrumentos bandistas, aínda que destacaría especialmente polo dominio do bombardino.
  Isto ía acompañado dunha gran intelixencia e dun carácter sensible pero inestable.
  En Antas fundou en 1926 a Banda CELTA e comezou a súa lenda como compositor, pois a maioría das pezas que tocaban eran súas. Unha en especial sería moi famosa: "Ard'o eixo carballeira".

  Tamén se dedica á política. En marzo de 1931 publica o artigo "¡La aldea despierta!" e preséntase ás eleccións municipais como radical-socialista. Isto parece que ocasionou que a súa banda non fora vista con bos ollos polos dereitistas.
 
  No mesmo ano 1931 ven a Ordes como ensinante e director da recén creada banda Agrupación Musical de Órdenes. Na súa directiva estaban os dous líderes políticos do concello: Antonio Concheiro Iglesias e Manuel García Gerpe. Ensaiaban no antigo matadeiro e na fábrica de curtidos.
 

  O 31 de xullo de 1932 debutan no coliseo ante moito público e tocan composicións de Cambeses. Logo tocarán de novo con moito éxito nas festas patronais. O 11 de setembro de 1932, o Concello de Ordes rendeulle unha cálida homenaxe en recoñecemento á súa labor artística.

  Marchou para Viveiro onde  deu clases no conservatorio e dirixiu a súa banda municipal. Alí sorprendeuno o Alzamento de 1936. Participou nunha comisión de axuda aos presos políticos capturados polas forzas nacionais, por iso foi detido e posteriormente ingresado no cárcere. Aínda que algunhas fontes din que foi á illa de San Simón, parece confirmado que estivo na prisión de Monforte. Unha vez rehabilitado polo Réxime franquista trasladouse a Cuntis, entre 1943 e 1948, e logo a Padrón, onde dirixiu a súa banda municipal e compuxo o seu derradeiro traballo: "Noches del Santo Cristo".

  Dende novo acompañárono as depresións e desequilibrios, aos que non axudou a súa traumática experiencia no cárcere. En Padrón agudizouse a súa enfermidade ata sufrir mania persecutoria. En 1949, logo de facerse un profundo corte na gorxa, saltou do balcón. Gravemente ferido, uns veciños conségueno trasladar ata o hospital de Pontevedra, onde quedaría ingresado. Non valeu de nada: poucos días despois, o 21 de febreiro, aparecería aforcado, colgado da saba da súa cama do hospital.

  Higinio Cambeses deixou escritas máis de douscentas composicións musicais. En agosto do 2009, a Agrupación Musical de Ordes rendeulle unha homenaxe dentro da décima Xuntanza de Bandas Populares de Galicia celebrada na nosa vila.
  Podes oír un vals seu premendo nesta ligazón (e logo na cara B).

4 comentarios:

  1. Sábese se Higinio tivo descendencia?

    ResponderEliminar
  2. Por se fose do teu interese. Na información sobre Higinio Cambeses sinalas que no 36 foi detido e levado ó cárce da Illa de San Simón (isto non está confirmado), neste sentido podo indicar o seguinte: no arquivo do coro Cantigas e Agarimos de Santiago de Compostela fai uns 10 anos atopamos a partitura dun pasodoble titulado "Mondoñedo: pasodoble gallego" dedicado a "D. Américo González, oficial de prisiones (Monforte)" e datada en "Carcel de Monforte, 23 de abril de 1937", asinada por "H. Cambeses".

    ResponderEliminar