O luns 24 de outubro de 1994 houbo unha pequena conmoción na vila de Ordes.
No que entón se coñecía como Chousas de
Mariño, á beira da Calle Generalísimo
(hoxe Rúa Nova), comezaba a construción dun novo edificio, cousa moi habitual
nos anos 90. Cando a pa mecánica estaba a escavar na rocha para sentar os
cimentos, os obreiros descubriron, a uns catro metros de profundidade, un túnel
subterráneo, feito con cicel e cunha lixeira inclinación.
A noticia correu como regueiro de pólvora e
varios mozos da vila non deixaron escapar a ocasión de investigar e vivir unha
aventura.
Algúns, tan ousados coma imprudentes, (incluído
o correspondente de La Voz de Galicia Manuel Calvo) percorreron o túnel e contaron
logo que había zonas cheas de auga e que a construción era irregular con tramos
de distintas alturas e anchuras. Tamén atoparon diversas entradas, todas tapadas.
O túnel parecía rematar nunha galería vertical taponada con pedras.
O outro final do túnel remataba no adro da
igrexa parroquial onde había unha abertura pola que mozos e nenos entraron ata
que as autoridades a pecharon debido ao perigo que podían supoñer os
derrubamentos ou posibles emanacións de gases tóxicos.
Conta Ignacio
Pereiro: José de Higinio máis eu (e alguén máis)
entramos o día que houbo un derrubamento a altura do Bestilleiro. Pola noite
entramos polo atrio da igrexa a carón da de Pepe de Betanzos e a finca de meu
avó Ignacio. A auga acumulábase no pozo da igrexa e chegábanos ao peito, pero
aos poucos metros xa estaba seco. Subimos ata que non puidemos máis, porque
remataba o túnel. Calculamos que estabamos na rúa das
arbóres ou baixo da finca dos Concheiro. Había una trampilla trabada.
|
Inmediatamente xurdiron varias teorías sobre
o túnel. A maioría pensaba na Guerra Civil e nos Foucellas, razoando que debera
ser feito para ocultalos, ou quizais para almacenar mercadorías na época do
estraperlo. Outros, dado que parecía empezar baixo o chalé do ex-alcalde
Concheiro e rematar na igrexa, buscaban explicación nisto. E finalmente non faltaba
quen se remontaba ás guerras carlistas ou aínda máis atrás.
Foi chamado o servizo de Arqueoloxía de
Patrimonio para investigar. A primeira arqueóloga veu xa o martes pero non ousou
entrar e declarou que, debido ás excursións dos mozos, sería difícil descubrir
mostras que axudasen a datar o túnel.
Pero entón, cando do asunto se foron
enterando os maiores, comezou a verse a luz e atopar explicacións. O túnel -que
tiña 179 metros- era simplemente parte dunha canle para levar auga ata o pilón
da alameda. Debido á súa antigüidade e a estar oculto pouca xente coñecía a súa
existencia pero non tiña nada de secreto ou misterioso. Mesmo un veciño, nado en 1925, lle contou a un
arqueólogo de Patrimonio que nos anos 40 se levaron a cabo traballos de limpeza
do túnel (posible explicación para un candil que se atopou nel).
Os funcionarios do Concello remataron con
todo o misterio. Buscando no seu arquivo atoparon varios documentos que demostraban a
orixe e destino do túnel.
Efectivamente era unha condución para levar
auga ao pilón que, orixinariamente, estaba no sueste da alameda case no que
agora é o aparcadoiro.
A igrexa parroquial e o chafariz foron
inaugurados o domingo 30 de setembro de 1877.
As obras para conducir a auga tiveron que empezar moito antes pero tamén houbo
outras posteriores, mellorando o xa construído.
Parece ser que nun pleno de 1868 xa se
menciona o tema, pero en 1885 atopamos
a primeira referencia directa á "mina de auga" pois nesa sesión
decídese a compra de tuberías de ferro para canalizar o líquido. En 1891 hai unha acta que di textualmente:
«Se acuerda abonar a Policarpo Bello 450 pesetas por 150 metros de mina
construida en la fuente de la villa». En
1892 faise constar «la existencia de un
registro en el atrio de la iglesia», e en 1905, sendo alcalde Antonio
Rodríguez Riveiro e secretario Pedro Concheiro Rodríguez*, decidiron non
presentar expediente de concesión da auga ao seu paso pola casa de Saturnino
Aller (que estaba onde agora o "Nogallás").
Todos estes documentos foran compilados no
Concello con motivo dunha actuación que ía
realizarse no ano 1964, sendo alcalde Juan
Liñares e párroco don José Fernández.
A pesar da limpeza dos anos 40, nos 60 a auga estaba cada vez máis
contaminada polas filtracións dos pozos negros á zona freática do subsolo, así
que finalmente esta auga da mina acabaría sendo desviada só para rego de
parques e xardíns mentres o pilón, agora xa noutra ubicación, foi conectado á
traída.
Esta explicación tan pouco romántica non foi
do agrado de moitos que non a acabaron de aceptar e seguiron imaxinando ocultos
misterios. Como sempre ocorre, o paso do tempo fixo esquecer o asunto e os
mozos actuais descoñéceno. Quizais dentro de 20 ou 50 anos volva saír á luz o
túnel e outra xeración poida gozar desa oportunidade única na vida de vivir
unha viaxe ao descoñecido.
* Pedro Concheiro Rodríguez
(1873-1922) era irmán do médico Antonio e tío do alcalde Antonio
Concheiro. Casado en 1900 con Juana García Mariño, foi pai dos de Carballo: Manuel
(Macoga), Choncha,
Luciano, etc.
No hay comentarios:
Publicar un comentario