viernes, 10 de abril de 2020

A primavera de 1932

  A primavera de 1932 estivo plagada de incidentes.

  O primeiro xa aconteceu antes da súa chegada oficial, o sábado 4 de marzo. Houbo un atentado con bomba na cociña da casa da escola de Beán que abriu un burato de medio metro. A hipótese máis probable era, dado que os veciños non estaban contentos co mestre Martín Pan Atañes que levaba alí desde 1917, que o estaban "animando" a pedir un traslado.
  Tamén a principios de mes morreu o mozo Gumersindo Ruíz Linares, fillo de Diego Ruíz Lago, un dos xenros do falecido ex-alcalde de Trazo Gumersindo Liñares, patriarca da familia Liñares.
  Pouco despois tivo lugar a habitual liorta nunha romaría, neste caso a Santa Lucía de Mercurín -que incluíu tiros de pistola!- e que levou ao hospital a dous mozos labradores: Antonio Varela Bermúdez (32 anos), de Mercurín, con dúas feridas de bala (no brazo e no mentón), e Ricardo García Campelo (20 anos) de Ordes, tamén con ferida de bala na íngoa.
  Doutra banda, os comerciantes andaban revoltos por un imposto sobre o consumo do viño que creara o concello. As augas volveron algo ao seu curso cando Facenda desestimou este imposto para alegría de taberneiros e consumidores.

  A finais de marzo por mor da prevista paralización das obras do ferrocarril tivo lugar unha folga xeral que comezou en Ourense e logo estendeuse a case toda Galicia. Manuel Verea Remeseiro, entón con 19 anos, tivo un aparatoso accidente no Cano (km 42 da estrada de Santiago á Coruña) dando unha volta de campá co coche do seu pai, aquel mítico Ford-A matrícula C-3413, levando de pasaxeiro a José Concheiro García. Dito así parece que foi un simple accidente, pero a causa foron uns madeiros de piñeiro colocados intencionadamente no medio da estrada polos membros dun piquete de folguistas de Vilacide (Ricardo Regueiro, Jacobo Calvo, José e Ricardo Viqueira, Jesús Cores, Manuel Brea, Eduardo Pinido?, José Sánchez e Antonio Cabanas), encargados precisamente de dificultar o tráfico. Todos eles foron detidos, aínda que pronto serían liberados.
  En abril houbo unha paréntese para celebrar o primeiro aniversario da República.

  Os comerciantes volveron a revolverse pero esta vez entre eles. O día 6 de maio tiveron un banquete no local social da "Unión Mercantil". Entre os asistentes estaban Cándido Seoane, Ramón Prado, Juan Linares Iglesias, Manuel Franqueira, Manuel Calvo, Julián Marcos ... e tamén os avogados Juan Liñares Castro e Manuel Astray Mato.
  Cando chegaron os brindes, Segundo El Pueblo Gallego (10-maio-1932), os ánimos exaltáronse. Somoza Patiño, molesto porque o acusaran de meterse en política estando á fronte do "Banco de La Coruña" dixo que sería político aínda que perdera o posto. Manuel Calvo sinalou como obxectivo da cámara acabar coa actual "política rastreira". Sousa Hermida* criticou o labor dos dirixentes e dixo que o único alcade que fixo algo foi Juan Linares porque "nunha ocasión mandou varrer a vila".
  "El inicial entusiasmo fue decayendo al extremo de producir riñas y disputas entre los concurrentes, ya que unos cuantos que estuvieron en las filas de la odiada UP pretendían hacer de la Unión un club político, lo que dio lugar a que la mayoría se opusiera y saliera del local. [...] Al querer nombrar abogado de la Unión al señor Liñares y procurador al ex-alcalde de la Dictadura señor García Rivas, ocasionándose tal escándalo que el secretario de la misma señor Astray, salió indignado como tantos otros, exteriorizándose el disgusto en la calle ante las carcajadas del público sensato que ya adivinaba en tal banquete de Unión el ardid preparado por cacicuelos de baja estofa".
  La Voz de Galicia publicou o 14 de maio unha carta onde matizaba os feitos: "Es cierto que algunos socios atacaron al imperante y odioso caciquismo que aquí padecemos, pero tales ataques no se basaron en fines políticos, sino en la censura a los dirigentes oficiales por el poco empeño y amor en logar mejoras para el comercio local, que agobiado por los elevados tributos que satisface al Tesoro, se ve oprimido, así mismo por la funesta y despiadada competencia que el comercio ambulante hace sin pagar patente ni matrícula alguna, amparado por la indiferencia de las autoridades llamadas a velar por los intereses de la Hacienda nacional a pesar de haberlo denunciado a la primera autoridad la Unión Mercantil.
   Otro de los oradores recordó el estado de salubridad que existía cuando el señor Linares ocupó la alcaldía [...]".
  Concluía o artigo de La Voz de Galicia: "[...] terminando el acto en medio de la mayor alegría y entusiasmo entre todos los asociados y acordando reunirse en otra fiesta a finales del presente mes".
  El Pueblo Gallego volveu a reafirmarse no dito noutro artigo (19-maio-1932): "Los elementos sanos y sensatos que fueron a la Unión Mercantil de buena fe, con el exclusivo objeto de defenderse contra el impuesto de vinos y alcoholes y su modo de cobrarlo, se dieron perfecta cuenta de la maniobra y concertándose por cuotas fijas con el arrendatario de contribuciones vieron logradas así sus aspiraciones, dando así un plante en plena calle a los ex-upetistas mangoneadores de la Unión Mercantil".

  No mesmo mes de maio quedou constituída en Ordes a Federación Agraria. O presidente sería -curiosamente- un obreiro de Santiago, Enrique Pérez. Tamén se aprobou o regulamento da "Sociedad de Agricultores de Sta Marina de Parada", que en xullo presumían de 400 asociados e estaban dirixidos por Jesús Raña e José Ascaso Hermesto.
 Ese mes de maio houbo outro atentado, este na estrada Ordes-Carballo. O xefe da liña da Garda Civil, o señor Alsate puido comprobar que dúas explosións fixeran un par de grandes buratos nunha pequena ponte, a "tajea de Lesta", das seis que había nesa zona. Un autobús quedou detido ata que un veciño prestou seis travesas para reparar provisionalmente a vía. Non se coñeceu autor nin motivación do atentado.
  Non foi o último dese ano. En xullo estalou unha bomba en Parada contra a casa de José Moure Noya que, supostamente, foi en castigo porque non querer unirse á sociedade agraria. A tensión seguía subindo.
 
* Manuel Sousa Hermida: Nacido en Ponte Caldelas, foi xastre e militante do Partido Socialista, mentor de Manuel Ponte. En xaneiro de 1931 casou en Tordoia con Sara Castro Mosquera (voda na que por certo un padriño foi o falangista Rafael Mariño). Participaría logo na Revolución de Asturias e na Guerra Civil. Exiliouse en México onde axudou aos revolucionarios cubanos irmáns Castro e ao arxentino "Che" Guevara.

No hay comentarios:

Publicar un comentario