miércoles, 29 de marzo de 2017

O Camiño Inglés

  Chamamos Camiño Inglés ou Camiño de Santiago dos Ingleses á ruta de peregrinación que vai desde Coruña e Ferrol ata Santiago e que foi usada maioritariamente polos peregrinos do norte de Europa.

  Como é ben sabido, o descubrimento da suposta tumba do Apóstolo Santiago no século IX atraeu durante toda a Idade Media a unha gran cantidade de peregrinos procedentes de toda Europa. A maioría usaban o Camiño Francés, pero moitos utilizaban unha ruta máis segura, chegando por barco a Coruña ou a Neda na Ría de Ferrol co que só tiñan que percorrer por terra ata Santiago uns 80 Km (ou 110 desde Ferrol). 


  Desde o século XVI a tradición das peregrinacións foi esmorecendo pero o Camiño Inglés ou Real seguía sendo a principal vía de comunicación provincial. No século XVIII, a partir de 1770, durante o reinado de Carlos III construíuse o Novo Camiño Real (O que hoxe é a Nacional 550). O camiño vello quedou só como vía local para comunicar poboacións cada vez máis decadentes. Pronto tramos enteiros quedaron en desuso.
  No século XX reemprendéronse as peregrinacións pero ao principio os peregrinos desde Coruña usaban a N-550. Foi na década dos anos 90 que comezou o interese por pisar o vello Camiño, o que trouxo como consecuencia a súa bastante rápida revitalización

   O Camiño Inglés cruza a comarca de norte a sur, practicamente polo centro, ao longo de pouco máis de 24 Km. Este tramo comeza na parroquia de Bruma (Concello de Mesía) e chega ata Sigüeiro (capital de Oroso). É bastante suave xa que descendemos desde os case 400 metros de altura de Bruma ata os 230 de Sigüeiro, pero por suposto, como é común en toda Galicia, hai continuos desniveis, o que os ciclistas denominan "terreo rompepernas".
  Se queredes ver fotos actualizadas de toda esta etapa premede en Pilgrimage Traveler,  en Más rutas y menos rutinas 4 ou en Más rutas y menos rutinas 5.

(Preme na imaxe para ver máis grande)

No hay comentarios:

Publicar un comentario