Ramón Ferreiro, máis
coñecido na súa xuventude como Ramón de Estrella e máis tarde como Ramón o
practicante, naceu en Ordes en 1923.
Era fillo do barbeiro Segundo Ferreiro
del Río (1896-1967), un dos dez fillos de Antón de Xan Ferreiro, e de Estrella Regos Caramelo (m.1975).
Ramón foi case fillo único porque o seu irmán, Segundo, morreu aos
sete anos, en 1936.
De neno estivo na
primeira banda de Ordes tocando o saxo. De mozo axudou ao seu pai na barbería
que estaba no que hoxe é Alfonso Senra 97, onde segue o estanco que rexentou a
súa muller.
Casou con Estrella Díaz Vázquez coa que tivo 4
fillos (3 mulleres e un varón), pero antes tivo unha relación con Susa de
Veiras da que naceu unha filla, Mª Jesús Ferreiro, que posteriormente
recoñecería.
Pero Ramón ten un oco
na historia ordense porque se fixo enfermeiro. Nos duros anos da posguerra,
cando as actuais estradas eran corredoiras cheas de lama en inverno e de po en
verán, os veciños enfermos podían contar con el a calquera hora do día ou da
noite. Un aviso e alí aparecía Ramón coa súa moto.
Atendía igual a ricos
que a pobres, que naqueles tempos eran a gran maioría, e non lle preocupaba que
a paga tardase en chegar ou directamente non chegase.
A súa
profesionalidade e o seu bo ollo eran lendarios. A súa consulta (na parte de
atrás do estanco) estaba sempre chea. Moita xente que non aturaba a ningún médico
confiaba nel cegamente.
Iso a pesar de que o
seu carácter non era precisamente doce e non andaba con cricadas. Criado en
tempos duros, non se preocupaba en exceso pola dor, nin era dos que dedicaban
carantoñas aos nenos, así que na súa consulta
había criaturas francamente aterrorizadas e algúns adultos que tampouco as
tiñan todas consigo. Pero en efectividade non lle gañaba ninguén.
Despois de máis de catro décadas
de duro traballo comezaron a chegarlle os recoñecementos. O 21 de febreiro de 1989 recibiu a medalla de ouro de Ordes
e ao mesmo tempo foi nomeado Fillo
Predilecto (o primeiro ao que se lle concedeu tal distinción estando vivo). En xuño de 1998 foi agasallado cunha das doce
medallas de bronce ao mérito profesional que concedeu a Xunta de Galicia aquel
ano.
En xullo de 2001, Ramón xa xubilado, tivo outra
merecida homenaxe. Coincidindo coa inauguración da primeira unidade de
Radiofarmacia de Galicia á que asistiu o conselleiro de Sanidade José Mª
Hernández Cochón, o Concello demostroulle a gratitude do pobo ordense, dándolle
o seu nome á rúa que vai ao Centro Médico. Alí mesmo recibiu o agarimo dos
veciños e a felicitación do conselleiro.
Morreu en setembro do
ano 2006 aos 83 anos e o seu enterro
foi unha auténtica manifestación de dó popular.
En marzo de 2024 foi homenaxeado de novo, sendo colocada unha estatua que o representa a carón da entrada do Centro Médico, acto que contou coa presenza do concelleiro de Sanidade en funcións Julio García Comesaña.
En canto á súa
familia, a súa filla maior Lola Ferreiro
Díaz (1957-2023) estudou medicina e estaba especializada en temas de educación e feminismo,
Estrella e Mª Carmen (Tana) dedícanse á docencia, e o menor, Ramón, traballa na banca.
No hay comentarios:
Publicar un comentario