miércoles, 27 de septiembre de 2017

Manuel Ponte Pedreira

  Manuel Ponte, o Xastre, naceu no Fontao, na parroquia de Abellá (Frades) o 20 de agosto de 1911. Era o 5º dos 9 fillos de Andrés Ponte (1875-1945) e de Juana Pedreira Rico (1881-1946). Herdou a profesión do seu pai, xastre ambulante pola zona de Ordes, Frades e Mesía.
   Trasladouse a Ordes e traballou no taller de Manuel Sousa Hermida. Este, militante socialista (e futuro participante na revolución cubana) converteuse non só no seu patrón, senón tamén no seu mentor político. Da súa man ingresou nas Juventudes Socialistas.

  Casou o 19 de novembro de 1935 con María del Carmen Rivas Vaamonde, curmá de Manuel Astray Rivas (futuro biógrafo en "Síndrome del 36"). Con ela viviu na Rúa Alfonso Senra fronte á igrexa nunha casa da familia dela. Tiveron dous fillos, Manuel Pablo (que morreu de broncopneumonía aguda en 1937) e María del Carmen Maruchi.

  Foi elixido presidente da Unión Republicana de Ordes en xuño de 1936 (días antes do Alzamento). Ao producirse a sublevación do 18 de xullo colaborou na defensa da vila co Comité da Frente Popular e uniuse aos mineiros de Lousame (a Columna Sanfins) cando estos chegaron a Ordes. Logo dirixíronse á Coruña a enfrontarse aos sublevados, resultando levemente ferido.

  Á volta refuxiouse en Abellá. Non obstante, grazas ás influenzas familiares da súa muller, pactouse un acordo coas autoridades militares polo cal a Ponte se lle respectaría a vida no caso de entregarse voluntariamente á Garda Civil. Así sucedeu: primeiro ingresou no cárcere de Ordes e logo foi trasladado ao de Santiago de Compostela. Foi xulgado por traizón e condenado a cadea perpetua. Permaneceu en prisión no cárcere da Coruña, participando en varios intentos de fuga, ata que obtivo a liberdade vixiada o 22 de maio de 1941. Na súa estadía na prisión coincidiu con presos de ideoloxía comunista e ingresou no PCE.
  A finais de 1943 Ponte obtivo a liberdade condicional e pouco despois contactou cos guerrilleiros máis destacados da IV Agrupación, como Benigno Andrade, comezando a desenvolver labores de enlace.

   Consegue un salvoconduto do alcalde Rafael Mariño para viaxar a Barcelona, que el aproveita para chegar a Toulouse e recibir instruccións. A finais de 1945 botouse ao monte incorporándose á guerrilla. Púxose ao mando do "Destacamento Manuel del Rio Botana" que se encargaba das zonas de Ordes, Mesía e Curtis. En xuño de 1946 morre Marcelino Rodríguez Fernández Marrofer e pouco despois, en xullo, Ponte accedeu á xefatura da IV Agrupación guerrilleira, o que supuxo un aumento da súa actividade. Segundo Francisco Rey Balbís Moncho, Ponte era temerario* e demostrouno en numerosas e arriscadas accións.
  En outubro de 1946 envioulle unha carta* ao embaixador británico Victor Mellet onde resaltan as súas conviccións pero tamén o seu alonxamento da realidade.
  O 3 de novembro o seu destacamento xunto co "Destacamento Xaneiro" dinamitaron preto do Mesón do Vento dous postes dunha liña de alta tensión, catorce da telefónica e dezaoito da telegráfica. O día 8 do mesmo mes asaltaron o cuartel da Garda Civil de Vimianzo onde morreron un guerrilleiro e un garda.
 
  Foi o canto do cisne. Apenas 5 meses despois, o 21 de abril de 1947, cando estaba na súa aldea natal para recadar fondos, viuse rodeado con varios dos seus homes pola Garda Civil, enterada grazas a unha delación. Abatérono sen contemplacións e a ese golpe sumouse que a axenda que atoparon ao rexistralo permitiu a detención de máis de 60 persoas (a metade en Bergantiños).


  A figura de Manuel Ponte Pedreira, quizais pola súa seriedade ou pola súa rixidez ideolóxica, quedou opacada polo moito máis mediático Benigno Andrade Foucellas. Non obstante, a súa importancia é innegable, e a súa morte supuxo o inicio do fin da guerrilla antifranquista galega. Para profundar no personaxe preme na seguinte ligazón:
 
* Cando ía reunirse co alcalde Rafael Mariño, nun desesperado intento deste por convencelo de non continuar coa loita armada, o día anterior el mesmo o comentou nunha taberna de Pontecarreira e un dos parroquianos avisou á Garda Civil. Noutra ocasión, en decembro de 1945, na que un garda civil de Ordes se suicidara, como burla póstuma, Ponte e os seus homes asistiron ao enterro (un día moi chuvioso) e logo foron tranquilamente tomar uns grolos ao bar do Ribacho.
* Esta carta sempre lle foi atribuída a Ponte, pero o profesor Bernardo Máiz sostén que o verdadeiro autor foi José Gómez Gayoso.

No hay comentarios:

Publicar un comentario