Un dos símbolos máis queridos de ordes é a
fonte da Alameda, coñecida popularmente como o pilón.
Non obstante non ten nada sobresaínte. É a típica fonte
de planta circular feita de pezas de cantería, con tramo recto na parte baixa e
cóncava na parte superior. Adosados no leste, polo lado do cano, dous chanzos
de pedra facilitan o acceso ao chorro de auga.
No centro hai unha columna de esquinas con chafráns, que vai diminuíndo de sección segundo ascende. As caras da
columna están decoradas con círculos e elementos florais. O cano para a auga é
moi sinxelo e sen adornos. O tramo superior e máis fino da columna conta cunha
placa de mármore que dedica o monumento ao político Antonio del Río. Sobre unhas
pequenas molduras que fan as funcións de capitel atópase un pináculo de pedra.
Este pináculo no ten a mesma antigüidade que
o resto da fonte, porque orixinalmente o que había era unha gran copa que se
debeu romper nalgún traslado.
A fonte data do século XIX. Foi inaugurada ao mesmo tempo que a nova igrexa parroquial o domingo 30 de setembro de 1877.
Para esas obras da igrexa construíuse un túnel
que levaba auga desde a zona da Mina ata o lugar do edificio e aproveitouse
para continuar ata o sueste da Alameda, preto da casa que máis tarde sería o
Nogallás e dunha ringleira de árbores que agora xa non existe.
Neses finais do século XIX e comezos do
século XX a fonte foi un avance impresionante para a vila pois como é lóxico
non había aínda auga corrente, así que a imaxe de mulleres collendo auga coas
súas sellas era frecuente.
En 1907 foi colocada a placa de mármore que dedicaba a fonte a Antonio del Río. Isto confunde a moitos, que pensan (erro comprensible) que é a data de construción.
En 1959, o pilón foi trasladado ao que entón era o centro do extremo oeste da Alameda. A auga
da Mina, cada vez máis contaminada polas filtracións dos pozos negros á zona
freática do subsolo, acabaría sendo desviada só para rego de parques e xardíns
e o pilón foi conectado á traída. Desde ese momento serviu para apagar a sede
dos rapaces e como lugar de bromas para que algún acabara máis mollado do que
quería. E por suposto, imitando a outros lugares, tamén como centro de celebracións
deportivas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario