Alejandro Ferreiro, máis coñecido como Janito,
naceu en 1932 no seo dunha das máis coñecidas familias da vila, os Ramechos
do Recreo.
O seus pai foron os panadeiros José Ferreiro Rama o Ramecho (1894-1980) e Carmen Recouso Conde (1896-1971),
matrimonio que tivo 10 fillos, dos que Alejandro foi o oitavo.
Janito empezou a súa vida deportiva moi novo.
Forte e alto para a época, con 16 anos xa disputaba partidos amigables co
equipo de Ordes do que era adestrador Ignacio Castro Ramos e o xogador máis
veterano Antonio del Río Toniño.
Cando a "SD Órdenes" se federou, na temporada 1953-1954, e empezou a xogar na categoria rexional, Janito era con
Toniño e Luis Astray un dos referentes locais daquel equipo. Na 56-57, a primeira temporada do
equipo en 3ª división, xa era o único xogador nacido na vila, no medio de
moitos xogadores que viñan das canteiras da Coruña e Santiago.
Na temporada 55-56 con 24 anos tivo a oportunidade
de fichar polo Fabril, pero a SD
Órdenes, entón baixo a presidencia de Antonio
Concheiro, non lle concedeu a liberdade. Isto sumiuno na desilusión,
non obstante refíxose e continuou xogando no Ordes, no que foron os tempos máis
gloriosos do club, ata que se retirou aos 32 anos cando de novo volvían a estar
en categoría rexional.
Aínda que sempre lle gustou o posto de
interior de ataque, as necesidades do equipo fixeron que xogara case sempre de
lateral coa camiseta número dous. Con bo
físico e excelente xogo aéreo Janito non carecía tampouco de técnica. Recordaba
con orgullo que lle marcara un gol ao Fabril de chilena desde o medio do campo.
Despois da súa retirada non se desligou
totalmente do mundo do fútbol e foi adestrador do Arzúa e do Ordes cando estaba
en preferente. Tamén os seus irmáns Gelos e
Jaime estiveron implicados no equipo de Ordes, tanto de xogadores como o segundo
de presidente.
Janito foi o mellor deportista dos anos 50 en
Ordes. Aínda que hoxe, acostumados a ter un campión mundial como Iván Raña,
poida parecer que o que acadou non foi tan importante, hai que valorar que
naquela época as oportunidades para destacar nos deportes fóra das cidades eran
moi escasas. El foi o referente indiscutible do deporte ordense nunha época na
que a paixón polo fútbol rexional era enorme (nada que ver co de agora) e movía
centos de persoas de campo en campo.
Na súa vida persoal casou con Mª Esther Costa
Alfonsín, filla do latoeiro Segundo, coa que tivo dúas fillas, Esther e Mª José, e traballou no ramo dos
seguros. Morreu o 8 de xaneiro do ano 2017 aos 84 anos de idade.
No hay comentarios:
Publicar un comentario