domingo, 26 de enero de 2020

A Banda de Música

  Hoxe Galicia é o reino das mil orquestras, pero a principios do século XX as gaitas tradicionais do país tiñan un único rival: as bandas de música (que se eran máis pequenas e con menos instrumentos recibían o nome de charangas).
  O musicólogo Enrique Alvarellos chegou a contabilizar ata 432 bandas que existiron en Galicia (algunhas aínda se manteñen na actualidade) e das que deu fe nun voluminoso libro. Ordes non foi alleo ao fenómeno e tamén tivo a súa banda de música.

  A finais de 1931, o ano do nacemento da República, un conxunto de mozos (algúns aínda nenos) uníronse para crear unha banda, fartos de ver como nas numerosas festas dos arredores había que contratar formacións doutras localidades (a banda de Arca ou a da Garabanxa viñan tantas veces que xa eran como da familia).
  Para iso contaron coa inestimable axuda de Higinio Cambeses, un prestixioso músico ao que a súa militancia politica lle causara desgustos na súa vila natal, o que ao final foi un golpe de sorte para Ordes.
  Baixo a súa dirección os integrantes da banda ensaiaron dous días á semana nas dependencias do Matadoiro municipal ou nun local da fábrica de curtidos da familia Faya no barrio do Recreo.
  A primeira actuación tivo lugar o domingo 31 de xullo de 1932 nun repleto Salón Troche e foi todo un éxito. Acudiu tamén Enrique Sánchez Guerra para fotografar á novel agrupación. Non obstante a estrea "oficial" (para todo o pobo), que tamén logrou a aprobación xeral, foi o 14 de agosto de 1932 nas festas patronais.
  Logo tamén tocarían na Romaría do Socorro, festexo que celebraban os veciños da zona norte de Alfonso Senra en setembro, e máis tarde comezarían as actuacións fóra da vila, comezando por Fornelos de Montes (preto de Antas, a terra de Cambeses) e moitos outros lugares como Buxán, Compostela, Conxo, Muros, Porto do Son, Corcubión, etc, a onde eran trasladados polo autobús de Rogelio. 
  Tiñan un repertorio de arredor de 23 pezas que incluían dianas, pasarrúas, pasodobres, muiñeiras, valses, xotas ...


  Higinio Cambeses marchou para Viveiro a mediados de 1933 e foi substituído por Bernardo del Río Parada (1893-1952) que estivo arredor dun ano. A agrupación era subvencionada polo concello con 500 pesetas ao mes e, aínda que os músicos non cobraban, esta cantidade era insuficiente. Houbo ocasións en que o administrador, Ezequiel Astray, tivo que achegar diñeiro de seu para axudar á banda.
  O declive comezou coa marcha de Bernardo del Río. O seguinte director, un tal Manolo (ninguén recorda o seu apelido), usaba unha faixa que baixaba notoriamente cando movía a batuta. Segundo as malas linguas abusaba bastante do viño.
  As últimas actuacións tiveron lugar en agosto de 1934 durante o paso por Ordes do presidente Niceto Alcalá Zamora e logo nas festas patronais. A banda acabou por disolverse aínda que durante meses un pequeno grupo comandado polo trompetista Antonio Maroño* seguiu actuando pola zona.
  E nun golpe máis para a música na comarca, en 1935 tamén desaparecería a Banda de Música de Abellá (Frades) que levaba funcionando desde 1908. 


FORMACIÓN da "AGRUPACIÓN MUSICAL de ÓRDENES"
Director: Higinio Cambeses Carrera (1931-1933),
Bernardo del Río Parada (1933-1934), Manuel ? (1934).
Clarinetes: José Sánchez Rey de Abellá, Eduardo de Penelas,
Cándido Fernández Castro do Picho, Pedro Rodríguez Gómez do Serrador,
José Villaverde Martínez Pepe da Xuliana, Antonio o Brigada Carreira.
Requinto: Pepe de Castrofeito.
Saxos: Ramón Ferreiro Regos o Practicante, Genaro Faya Vilariño da Fábrica,
Javier Verea Fandiño o Carceleiro, Luis Fernández Castro do Picho.
Fliscorno: José Fuentes Noya Pepe de Juana.
Trompa: Antonio Vilariño.
Bombardino: Ramón Faya Vilariño da Fábrica.
Trompetas: Antonio Maroño Rodríguez,
Ramón Veiga López, Antonio Liñares Rama.
Trombóns: José Mª Vázquez de Abellá, Cándido Seoane,
Benigno Sánchez Corbelle de Parente, José Liñares Rama.
Tubas: Jesús del Río Iglesias Chucho da Corveira, o Baixo de Adrán.
Tambores: José Pérez Díaz, Manuel Calvo Martínez do Peñasco.
Pratos: Pedro del Río Pampín do Carteiro.
Bombo: Manuel del Río Iglesias Lelo da Corbeira.
Fonte: OBRADOIRO da HISTORIA.
 
* Antonio Maroño Rodríguez: Nunha ocasión a banda, baixo a súa dirección, foi á Pobra do Caramiñal para tocar nunhas regatas, que se tiveron que retrasar ao non aparecer os músicos... porque estaban bañándose no mar. Maroño conservou toda a súa vida o 1º peso de prata que cobrou como músico da banda (unha moeda de 1876 coa efixie de Alfonso XII), pero a trompeta vendeuna por 500 pesetas para poder comprar unha cocha de cría. Finalmente a cocha tivo un mal parto e tivo que matala, quedando "sen cocha e sen trompeta".  

No hay comentarios:

Publicar un comentario