sábado, 29 de septiembre de 2018

Igrexa Parroquial de Ordes


  É o máis grande (660 m2) e o máis singular de todos os templos parroquiais do concello, pois mentres os outros son maioritariamente barrocos (aínda que teñan orixes románicas) e máis antigos, este é neoclásico e data de finais do século XIX.
  Débese ao arquitecto Faustino Domínguez Domínguez (1811-1890), unha das grandes figuras da arquitectura galega do século XIX e o mellor expoñente do neoclasicismo tardío. No seu proxecto orixinal a igrexa era máis pequena e tiña unha única torre central, pero a principios dos 60 sufriu unha gran reforma (ampliación da nave principal e construción de dúas torres laterais) que non desvirtuou o sentido da obra orixinal e mantivo a coherencia estética do conxunto.
  A igrexa actual ten planta de cruz latina coa nave principal cuberta cunha bóveda de canón en tramos divididos por arcos e cúpula semiesférica sobre o cruceiro (no exterior esta cúpula non se ve ao estar tapada por un tellado a 4 augas). A iluminación faise por medio de lunetos.


  Diversas imaxes adornan o interior. Destaca unha figura de San Bieito, de ferro forxado, obra do escultor noiés Ferreiro, así como dous pequenos retablos barrocos procedentes da antiga igrexa parroquial. Con todo, a imaxe máis venerada é a da Virxe das Dores, regalo de Rosa López, unha emigrante retornada de Cuba.


  A súa historia comeza en 1852 cando o párroco don Manuel Bérmudez informa ao Arcebispado de Santiago do mal estado e das reducidas dimensións da vella igrexa parroquial (futura Capela de Lourdes). Solicita que se constrúa unha nova máis ao norte e comunica que os fregueses comprométense a colabarar transportando pedra e barro.
  As obras foron aprobadas e contaron cun orzamento dunhas 34.600 pesetas da época. Comezaron en 1863 pero fóronse dilatando no tempo con varias interrupcións por falta de fondos e novos orzamentos, como os de 1865 ou 1877, ata que nese último ano o primeiro Arquitecto Diocesano Antonio Bermejo rematounas segundo o proxecto de Domínguez. A continuación foi aberta ao público a nova Igrexa de Santa María. A solemne inauguración (xunto co pilón da alameda) tivo lugar o domingo 30 de setembro de 1877.
  Non obstante a recepción provisional tivo lugar en 1879 e o acabado total retrasouse ata 1884 cando Domingo Rodríguez Sesmero executou as obras de pavimentación, peche do adro e altares.
  En diversos momentos como 1900, 1940 (cando se construíu a nova reitoral) ou 1956 houbo obras de restauración, pero a gran modificación tivo lugar coa chegada do sacerdote don José Fernández Fuentes. En 1962 remataron as obras que custaron uns 2 millóns de pesetas da época e que consistiron na prolongación das naves, construción das torres e redución da explanada de entrada.
  En 2009, co actual párroco don Jesús Codesido Ben, instalouse calefacción radial e aproveitouse para diversas obras de acondicionamento.
  Para coñecer outros templos do concello preme en Igrexas e capelas de Ordes.
 

No hay comentarios:

Publicar un comentario