É habitual dicir que os parques son os pulmóns das cidades, pero no caso de Ordes a súa alameda non é simplemente un pulmón, é o corazón, o centro sentimental da vila.
Quizá para os mozos do século XXI, coa existencia doutros parques, paseos e diversións, a alameda xa non sexa tan importante, pero nos maiores esperta unha morea de amor.
Non é só porque nela tivesen lugar todos os eventos importantes durante máis de 100 anos senón porque era o lugar de lecer os domingos e festivos, o lugar onde te citabas co noivo ou a noiva, onde se reunían as cuadrillas de amigos e, sentados nas varandas, contemplábanse os paseos do sexo oposto, onde os nenos xogaban despois de comprar o tebeo ou os cromos no Chocolateiro, e onde os anciáns descansaban nos bancos parolando e vendo pasar xente mentres gozaban do sol primaveral ou da sombra no estío.
Hai máis de 100 anos ...
De feito, xa no século XIX, non sabemos exactamente cando, alguén tivo a idea de plantar
tres ringleiras de árbores ao sur do edificio do cárcere.
Si sabemos que a fonte (o pilón) foi
inaugurada en 1877 -ao mesmo tempo
que a igrexa parroquial de Santa María-. En
1907 esa fonte sería dedicada a Antonio del Río, antigo cacique do distrito e
gobernador en Filipinas.
A alameda converteuse no que noutras vilas é
a praza maior, o lugar onde había mercado e todas as festas e celebracións. En 1925
eríxese nela a estatua de Vicente Carnota.
Víctor González Faya recordaba como na súa infancia, antes da
Guerra Civil, os domingos de feira achegábase un trileiro que barallaba tres naipes
acompañado por un colega que exercía de "gancho", recordaba tamén as representacións de pequenas
compañías ambulantes ou os concertos da Banda de Música local todos os
primeiros domingos de mes.
Así foron pasando
os anos e apareceu un chafariz de gasolina que atendía o
Sr. Velo do Churrero, un par de quioscos con froita e outros
artigos que vendían Amalia de Veiga e Estrella de Blanco, e ata o cruceiro estivo
colocado na zona norte antes de que o levaran para ao adro da igrexa.
O gran cambio
En 1965, coa chegada dos restos de Manuel Lois, o lugar converteuse oficialmente na "Alameda do Soldado Lois"
(nome que por suposto nunca se empregou popularmente), pero o gran cambio
aconteceu en 1967 cando se talou a
primeira ringleira de plátanos. Había que facer sitio para un aparcadoiro, xa
que o número de coches que paraban na vila era cada vez máis alto. Logo chegou
o firme de cemento que duraría moitos anos. Ordes entraba na modernidade ou así
o parecía.
A nova alameda
Xa en tempos do alcalde Teodosio Martino a alameda foi remodelada poñendo novo firme e
quitando as vellas varandas (o que foi para moitos un grave erro), pero no ano 2008 a
Alameda sufriu a maior transformación: unha ampliación de 1.280 metros cadrados
que custou 460.000 euros (200.000 para impermeabilizar o novo tramo e colocar
un chan semellante ao xa existente no resto da praza). Tamén se derrubaron os
antigos postos baixo da praza. As obras prolongáronse ata o ano 2009 e a inauguración oficial foi o 18
de setembro. Acudiu o presidente da Deputación, naqueles momentos o socialista Salvador Fernández Moreda, que recordou
os 400.000 euros que aportaba o organismo que presidía. O alcalde, Manuel Regos, alabaou ao seu
concelleiro de obras, Roberto González,
que "foi o auténtico alma-mater deste proxecto".
É certo que ese espazo extra de alameda serve
para poñer carpas ou a pista de xeo pero, na miña opinión, a alameda perdeu
intimidade e beleza, case a súa alma.
As árbores da Alameda
Non
son álamos, senón plátanos de sombra,
tamén chamados plátanos de paseo.
Son
fermosas plantas ornamentais, moi empregadas porque son caducifolias de
rápido desenvolvemento que dan unha magnífica sombra en verán, mentres en
inverno quedan totalmente núas e deixan pasar toda a luz. Por iso podémolas
atopar en plantacións lineais de rúas, avenidas e xardíns, en paseos e
estradas, ou, illadas, en prazas e xardíns.
De onde proveñen?
Segundo algúns autores, os plátanos de
sombra proveñen do cruzamento entre Platanus
orientalis L., orixinario do suroeste de Asia, e Platanus occidentalis L., nativo da zona atlántica de Estados
Unidos. Existen toda unha serie de formas intermedias entre ambos os dous, o que
en ocasións fai difícil a súa determinación correcta.
Canto viven?
Poden chegar a vivir ata 300 anos.
Que tipo de coidados precisan?
Requiren poda de formación e mantemento (para que o exemplar manteña unha forma e densidade axeitadas; así evítase un
crecemento desgarbado, unha ramaxe excesivamente frondosa e ramas
desproporcionadas), podando só ramas debilitadas, rotas, que se cruzan ou
enfermas. Debe evitarse podar ramas
grosas e en caso necesario convén protexer os cortes con mástic.
|
No hay comentarios:
Publicar un comentario