Os anos 90 foron unha época marcada
politicamente na Comunidade de Galicia polo liderado indiscutible de Manuel Fraga. O mesmo pasaba en Ordes a escala máis pequena: o PP,
encabezado por Teodosio Martino, dominaba a vida local aplastando aos seus rivais nas
eleccións (sacaba sempre máis do 50 % dos votos).
Isto non significaba que houbera acomodo. O
histórico PSOE e o novo BNG loitaron contra esa supremacía e tamén entre si con
todas as súas armas. Unha delas foi o lanzamento de "boletíns informativos",
ou sexa panfletos de propaganda, explicando aos cidadáns as súas propostas e
criticando o labor de goberno do Partido Popular.
O primeiro destes boletíns, chamado "O Portavoz" foi sacado pola
Agrupación Socialista de Ordes en decembro de 1992. Eran 8 páxinas fotocopiadas
cun saúdo do consello de redacción, unha editorial asinada polo voceiro do
PSOE, comentarios sobre a comisión de goberno do concello, noticias breves,
información sobre unha sesión extraordinaria e propostas varias.
Non tivo continuidade e o relevo tomouno o BNG.
O BNG
estaba vivindo un momento de puxanza, tanto en Ordes como en Galicia. Despois dun
histórico mitin de Xosé Manuel Beiras
na Biblioteca Municipal (que naqueles tempos estaba no baixo da Casa do
Concello) constituíuse unha asemblea local.
Esta 2ª formación do BNG (no ano 1979 cando
se denominaba BNPG xa houbera lista electoral), estaba maioritariamente
composta de mozos de vinte e poucos anos que procedían da ARO, aos que se engadiron xente como Ramiro Recouso, Manuel Recouso ou o veterano
Victorino Cores.
Nas eleccións de 1995 acadaron 4 concelleiros por 3 do PSOE. Produciuse o "Sorpasso" en Ordes dous anos
antes que no resto de Galicia.
Un par de meses despois, en agosto, saiu o primeiro "B.N.G. Informa" que era unha simple folla A4. O número 2 en febreiro de 1996 xa era un A3 dobrado formando 4 páxinas que sería o formato habitual a partir dese momento.
No número 3 apareceu por primeira vez unha viñeta
satírica de Xan Ferreiro. Estas viñetas, normalmente con caricaturas de Martino ou González, eran moi celebradas e serían un dos sinais de identidade do
boletín. Outro sería a tinta azul (en vez de negra) que apareceu por primeira
vez no número 5 en xuño de 1997.
Os números do 5 ao 9 son os máis
recordados, os que podemos considerar "clásicos".
Gran parte da confección dos boletíns recaía
na xente da antiga ARO, que xa tiña experiencia en publicacións. Sobre todo o
complicado tema da maquetación era a especialidade de Xorxe Pulleiro (futuro
propietario de ATX).
Os entusiastas militantes repartían os
boletíns polos edificios de toda a vila (non só bares ou comercios), o que
asegurou unha amplísima difusión en Ordes que ningunha outra publicación foi
capaz de superar.
Pero as tensións foron medrando dentro da
asemblea. Despois dos decepcionantes resultados das eleccións de 1999, a maioría dos antigos
membros da ARO deixaron silenciosamente o partido. Isto afectou ao boletín
porque eran a parte máis importante na súa confección e distribución.
A partir dese momento as publicacións
espaciáronse no tempo e ata mudaron de nome pasando a ser "BNG ORDES"
pero nunca volveron ter a presenza que tiveron nesa segunda metade dos 90.
O PSOE volveu á carga e, en marzo do ano
2006, lanzou outro boletín "de
información al ciudadano" xa en cor e papel satinado. Durou varios
números pero tivo moi escasa difusión.
Hoxe en día, coa omnipresenza da Internet,
parecen pasados os tempos dos panfletos poíticos. Ou non?
No ano 2015 José Ismael García Areoso
publicou e distribuíu un artigo con nada menos que 16 páxinas! cheas de
detalladas críticas ao alcalde Regos.
O 20 de xaneiro de 2016 saiu "O Centinela" (publicación cara e con publicidade) centrada sobre a aprobación do PXOM.
O 20 de xaneiro de 2016 saiu "O Centinela" (publicación cara e con publicidade) centrada sobre a aprobación do PXOM.
Hai algo que nos fai valorar máis o que lemos
sobre un papel que o que se ve nunha pantalla. Pode ser simplemente que
sabemos que imprimilo ou fotocopialo custou cartos.
O tempo dos panfletos periódicos pasou, pero
é posible que en determinadas ocasións, fagan como Lázaro, saían da súa tumba e
anden (por pouco tempo) de novo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario