lunes, 8 de enero de 2018

A familia Faya (Fábrica)

  Unha das familias máis ricas de Ordes a principios do século XX eran os Faya, máis coñecidos como os da Fábrica, pois debían o seu patrimonio á fábrica de curtidos que había no Recreo, no que hoxe é a Rúa Mirón.
  O patriarca familiar foi Ramón Faya Fernández (1869-1945), nado en Santa Cristina de Barro (Noia), fillo de Campio Faya Someso e de Carmen Fernández Rodríguez. Casou a finais do século XIX con Manuela Vilariño Fernández (m.1960) da mesma parroquia e filla de Pedro Vilariño Agra e Ramona Fernández Romero*.
  O matrimonio tivo 12 fillos (varios nacidos en Noia, antes de emigrar a Ordes a principios do século XX): Carmen, Ramona, Luis, Maruja, Segundo, Paca, Pura, Felisa, Ramón, Jenaro, Trini e Anuncia. A pesar de ser tantos, o número de descendentes en Ordes non é alto porque case todas as mulleres (agás Trini, solteira) casaron con forasteiros e instaláronse fóra e só 2 dos 4 varóns quedaron na vila.


  Carmen Faya Vilariño (1897-1969), a irmá maior, casou con Jesús Castro Castro (1896-1977), mecánico dos autobuses "El Noroeste" e logo fundador de "Talleres Castro SL" de Santiago. A pesar de vivir en Santiago construíron un chalé moi luxoso a finais dos anos 60 na Rúa Coruña (entón a esa zona aínda lle chamaban Vista Alegre e ao chalé "casa solariega") e tamén un panteón no cemiterio do Piñeiro onde están soterrados varios membros desta rama familiar. Eran chamados os do Padre Benito.
  Igual cós seus pais, Carmen tivo 10 fillos. Varios dos varóns (Pablo, Álvaro e Gonzalo) traballaron no negocio do motor paterno e o menor, Blas, de perito industrial en Bazán, o mesmo que o seu cuñado Benito Crego, funcionario técnico desa empresa. Sagrario casou con José Albarrán (1931-2011) da familia propietaria de "Albarrán", uns grandes almacéns que había en varias cidades galegas.
 
Alvaro Castro Faya naceu o 25-07-1926 na rúa da Senra en Santiago. Xerente de Talleres Castro. Tamén foi conselleiro da Caixa de Aforros, presidente da Asociación local de Talleres de reparación de automóbiles e presidente nos anos 70 de Cantigas e Agarimos. Casou con Generosa Noya Éxpósito (m.2000) coa que viviu en Cacheiras (Teo) e tivo unha filla, Luisa Fernanda Castro, profesora. Morreu o 12-12-2022.
Gonzalo Castro Faya naceu o 04-04-1933 en Ordes. Administrador de Gonzacar SL no Cruceiro da Coruña. Viviu en Romero Donallo coa súa muller Mercedes Seijas Salgado, coa que tivo 3 fillos: Marcial (economista), Felisa (doutora) e Mercedes Castro Seijas (avogada).
 
  María (1904-1932) casou moi nova en 1923 con Manuel Regos Caramelo (1897-1961), propietario dun serradoiro nos anos 30. Ramona (1901-1987) casou en 1925 cun industrial de Noia, Domingo Vieites, e instalouse en Santiago. No mesmo ano, pero un pouco antes, casou Francisca (m. 1968) co coruñés Celestino Izquierdo. Purificación casou en 1928 cun mozo santiagués e marcharon a Arxentina. Felisa (m.1965) casou con Paco Fernández (1909-1979) de Noia, vila onde rexentaron o famoso restaurante "O Ferrador" (aínda funcionando nas mans da 4ª xeración familiar) e tiveron un único fillo, Francisco, que foi mestre e notable debuxante. Anunciación (1917-1983), a filla máis nova, tamén se instalou en Santiago.
  A única que quedou na vila foi Trinidad (1915-2015) que non casou, ensinou o oficio de modista a numerosas mozas da vila e chegou a centenaria.

  Luis Faya Vilariño (1903-1988), o maior dos varóns, continuou co negocio familiar e viviu na casa da fábrica, na Rúa Mirón. Casou con María Rodríguez e tivo 8 fillos: Mª Luisa, Luis, Herminia, Hortensia, Euduviges, David, José Antonio e Roberto.
 Segundo Chundo (1905-1983), que viviu na casa familiar en Alfonso Senra, tamén se dedicou ao coiro. Casou con Carmen Lamas e tiveron 4 fillos: Ramón o Roxo, Óscar (das máquinas de coser), Carmiña e Lourdes Faya Lamas.
  Ramón (1911-1960) e Jenaro (1913-1991), os irmáns máis novos, formaron a principios dos anos 30 con dous amigos (Chucho do Corveiro e Pedro do Carteiro) o grupo de música galega "Os da Fábrica" -logo todos eles integraríanse na Banda de Ordes-. Ramón casou con Plácida, a filla maior de Ramón da Ponte, e Jenaro con Felisa Chas. Ambos os dous instaláronse na Coruña.


  Pero o patriarca Ramón, procedente de Noia -lugar que exportaba zapateiros en gran cantidade- non foi o único que veu a Ordes:
  Irmán seu foi José Faya Fernández (n.1871), alcalde brevemente en 1910, que compaxinou o coiro cunha empresa de autobuses. El foi o pai de Gloria Faya Mariño (1902-1984), que, do seu matrimonio con Antonio Casas Grela, tivo a Manuel, Lino e Suso, os do supermercado "Casas Faya", de Concepción Faya Mariño, quen casou con Pedro Graña Blanco (1897-1952) sendo nai dos Grañas da maquía do Recreo, de Dolores e de varios varóns: Lino, Toñito, Angelito e Campio.
  Tamén irmá de Ramón foi Manuela Faya Fernández (n.1978), a muller do Capitán e nai de Víctor González Faya de "Calzados Capitán".
  E aínda houbo outra irmá (polo menos) chamada Mª Carmen (n.1880) da que non temos máis información.


* Datos aportados por César Fernández (neto de Felisa Faya).

No hay comentarios:

Publicar un comentario