miércoles, 4 de marzo de 2020

Suicidios

  O suicidio non é evidentemente unha das maiores causas de morte (nada que ver os seus números absolutos cos do cancro ou as enfermidades do corazón), pero si é rechamante e causa un gran impacto e preocupación social.
  En Galicia, lugar moi afectado, no ano 2015 as mortes por suicidio (318) dobraron ás causadas por accidentes de tráfico (151).
  Temos varias certezas:
- Hai unha diferenciación clara por sexos. 7 de cada 10 suicidas son homes.
- O illamento é un factor crave. Nas cidades e vilas moi grandes hai menos suicidios, mentres nas aldeas ou lugares de poboación dispersa é ao revés.
- Hai unha relación directa co envellecemento da poboación.
- O método preferido en Galicia é aforcarse (máis do 50 % de casos), seguido do salto desde un lugar elevado.

  En canto á súa distribución xeográfica, o MAPA de mortalidade, realizado con datos obtidos do Instituto Nacional de Estadística (INE), a partir de 10 millóns de falecementos entre 1989 e 2014, permítenos coñecela e, contra o que se puidese imaxinar, non é en absoluto homoxénea.

  O primeiro que destaca no mapa son dúas zonas moi separadas entre si, unha no noroeste de España que inclúe Asturias e o norte de Galicia, e outra totalmente ao sur no centro de Andalucia.
  Precisamente Andalucía é a primeira comunidade en números absolutos, (máis de 600 suicidios ao ano) debido á súa gran poboación. As terras altas que se achan no medio das provincias de Córdoba, Granada e Málaga son a zona que ten lugares cun índice de suicidios máis alto.

  Villanueva de Algaidas en Málaga (+353) e Iznájar en Córdoba (+302) están por diante doutros cinco municipios de Málaga, Granada e Jaén que superan o +200 (o triplo da media española).
  Pola contra, Madrid, a zona centro oeste de Extremadura e unha pequena área ao redor de Barcelona son lugares con índice de suicidios inferior á media.

  Asturias é a comunidade con maior índice de suicidios (preto de 13 mortos por 100.000 habitantes), basicamente porque case todo o seu territorio é un lugar propicio. Galicia é a segunda (con máis de 300 suicidas anuais, case 12 mortos por 100.000). A diferenza con Asturias é que a distribución galega de falecementos é moi desigual.
  Mentres case a totalidade da Coruña e a metade norte de Lugo son zonas de alta densidade de suicidios, Pontevedra e Ourense teñen números máis similares á media española. A Coruña é ademais a 4ª provincia española en números absolutos e supón case a metade das cifras galegas.


   A comarca de Ordes é o centro dunha zona que inclúe varios concellos adxacentes cun número altísmo de falecementos por esta causa. De feito Cerceda (+215) é o líder e Ordes (+188) o segundo de toda Galicia.
  No transcurso da primeira Xornada de Prevención do Suicidio, Alberte Xavier Araúxo Vilar achegou datos concretos de suicidios rexistrados na Partido xudicial -que non inclúe a Cerceda e si ao Val do Dubra- entre o 2007 e o 2013. Neste período constatou que 64 persoas (47 homes e 17 mulleres) puxeron fin á súa vida (uns 24 mortos por 100.000 habitantes). A maior parte deste tipo de mortes -entre 35 e 60 anos de idade- foron de homes, mentres que a medida que a poboación envellece case igualan a proporción os dous sexos.


 A QUE SE DEBE ISTO?
  O primeiro que hai que descartar é o clima. O feito de que a serra andaluza con clima mediterráneo lidere esta triste clasificación por enriba de Galicia-Asturias de clima oceánico indícanos que o suicidio non é culpa do frío ou da choiva.
  O despoboamento por emigración é unha posible causa. Algúns expertos sosteñen que iso provoca que quede a poboación máis envellecida e por tanto a máis enferma. Julio Bobes, catedrático de Psiquiatría da Universidade de Oviedo, explica que quedan o que chaman "bolsas suicidóxenas", é dicir, persoas enfermas (tamén mentalmente) con maior risco de cometer suicidio.
   Que pasa entón con Extremadura? Por que ten menos suicidios que a media? É posible que a súa forma de vida en grandes vilas neutralice os efectos da emigración. Pero, de novo, que pasa con Ourense ou o sur de Lugo? Por que hai esa diferenza co norte?
  A miña teoría é que funciona o efecto contaxio. É ben sabido que é máis probable o suicidio dunha persoa se antes se suicidou algún familiar ou veciño próximo. Isto provoca o que chamariamos unha "cultura do suicidio" que é visto en determinadas zonas como algo bastante habitual, un recurso máis ao que acudir, e non como algo extraordinario e ao que practicamente non se recorre nunca como noutros lugares.

No hay comentarios:

Publicar un comentario