martes, 26 de enero de 2021

Informe meteorolóxico 2020

 
TEMPERATURA
  O programa europeo de observación terrestre Copernicus declarou que o ano 2020 foi o máis cálido en Europa desde que hai rexistros, con 1,C por encima da media do período de referencia 1981-2010 e 0,4°C por encima de 2019, que ata o de agora fora o máis cálido no continente. Como podemos ver no mapa, a maior diferenza de temperatura deuse no Ártico e o norte de Siberia, con 6°C por encima da media. 
  Ademais Copernicus destacou que este feito foi especialmente notable por coincidir o segundo semestre do ano co fenómeno La Niña, asociado normalmente a condicións máis frías. A razón do quecemento é o aumento da concentración de gases de efecto invernadoiro na atmosfera. A de CO₂ segue subindo a un rimo de 2,3 partes por millón (ppm) ao ano e en 2020 alcanzou un máximo de 413 ppm. 
 
  España, por suposto, tamén rexistrou unha temperatura máis alta e Galicia non foi a excepción, aínda que a subida non foi homoxénea, sendo máis elevada en zonas coma os Ancares, Carballo ou Culleredo-Betanzos. Na comarca de Ordes a subida estivo entre 0,5 e 1°C. 
  Quere isto dicir que todos os meses en xeral foron máis cálidos? En absoluto. Esta nova era está a caracterizarse por unha maior variabilidade do tempo. Así, febreiro, maio e xullo foron meses extremadamente cálidos (comparados co que é habitual) e abril e novembro moi cálidos, pero como contrapartida xuño e outubro foron bastante fríos. 
 
PRECIPITACIÓNS
  2020 foi un ano seco, especialmente a principios do verán, pero logo nos tres derradeiros meses a situación recompúxose e acabou sendo un ano bastante normal nas súas cifras. Tanto maio como, sobre todo xullo, foron moi secos pero en cambio agosto entre os días 12 a 19 tivo valores moi por enriba dos habituais. Decembro, que xa adoita ser o mes máis chuvioso, chegou nalgúns lugares a dobrar as súas medias.
 
  Pero o máis destacado foi a enorme cantidade de auga nalgúns días concretos. Por exemplo, houbo un tremendo chuvieiro o día 16 de xaneiro (máis de 60 mm en pouco tempo). O 14 de marzo houbo que engadir á choiva unha colosal riada de saraiba. O 12 de agosto caeron 50 litros por metro cadrado en Ordes e 90! en Mesía. E por se iso non fose suficiente, o 20 de setembro as rúas de Ordes eran auténticos ríos que non podían conter a cantidade de auga que levaban.
 

No hay comentarios:

Publicar un comentario