A abundancia de tratantes de gando* que houbo
historicamente na parroquia de Poulo ocasionou que todos os seus habitantes
fosen alcumados vaqueiros*. Un dos máis destacados gandeiros de Poulo foi Evaristo Gil Calvo
(1873-1964), que nos anos 20 e 30 era o maior contribuínte da parroquia. Na súa
casa (a uns 300 metros
da Calle) era onde se poñía a urna cando habia eleccións e el mesmo foi
concelleiro nos convulsos anos 30. Evaristo casou con María Viqueira Figueira
(1878-1956), coa que tivo polo menos 6 fillos que chegaron á idade adulta:
María, José, Manuel, María Jesús, Hermenegildo e Elisa Gil Viqueira.
De María só sabemos que casou na
igrexa de San Pedro de Mezonzo en agosto de 1932 con José María Botana
Varela, un mozo que acababa de volver de New York. A parella marchou de
novo para América e alí se estableceu.
José Gil Viqueira (1901-1994) foi o herdeiro da casa familiar. Casou
con María Veiras Botana (1899-1979),
tamén de Poulo, e con ela tivo 9 fillos, os moi coñecidos Gil Veiras. Tres
deles (Gumersindo, Manuel e Ricardo) emigraron, José, o maior, Germán e Carmen,
a menor, seguiron en Poulo mentres os outros establecéronse en diversos lugares
do concello. Francisco casou para Folgoso, Pura para Ordes e Concepción con
José Conde do Bidueiro.
María Veiras Botana (1899-1979) era
irmá de Avelino -que casou con
Manuela Veiras Veiras-, e de Manuel,
casado con María Veiras Veiras, e pai de Concha, a propietaria da Casa Antón Veiras,
herencia materna xa que María era filla de José Veiras Mosquera (1884-1059), e este de Antonio
Veiras Camba Antón (1845-1930) -dos
Veiras de Pardiñas- e de Mª Mosquera Uzal (m.1925).
|
Manuel (1903-1995), Mª Jesús (1907-1995) e Hermenegildo Gil Viqueira
(1915-2001) non casaron e viviron xuntos nunha casa da Calle.
Finalmente Elisa Gil
Viqueira (1917-2001), a máis nova, casou co mozo de Buscás Ramón Moar Lata (n.1914), un dos moitos
fillos do antigo alcalde Antonio Moar Veiras (non confundir co seu irmán
Domingo Antonio). Con el estableceuse en
Santiago, na rúa Algalia de Abaixo e con el tivo tres fillos: Mª Ángeles,
Isabel e Pilar.
* Había moitos tratantes en Ordes (non só en Poulo). Unha noticia de 1927 infórmanos que foron denunciados pola Garda Civil 8 tratantes do concello de Ordes por comprar gando na feira de
Cerceda sen ter a matrícula correspondente. Foron Evaristo Gil Calvo e o seu fillo José
Gil Viqueira (entón en Lavandeira), ademais de Antonio Gestal Calvo de Ardemil,
Antonio García Varela de Pereira, Pedro Fraga Rodríguez da rúa dos Lagartos, Gerardo
Morales Varela, José Vieites López e Miguel Remuiñán del Río (ou Ríos?).
Outros alcumes parroquiales son os caciques
ou caciquillos de Ordes, os crouchos de Mercurín e os pacholetas
de Santa Cruz.
No hay comentarios:
Publicar un comentario