martes, 5 de enero de 2021

Os Reis Magos

   As tradicións asociadas ás festas de Nadal e Reis cambiaron moito co tempo. O máis sorprendente é que algunhas estaban moi lonxe de ser familiares. Por exemplo nos templos coruñeses a Misa do Galo celebrábase a porta pechada e con invitación porque era habitual que moitos asistentes chegaran beodos e coa bota de viño e remataran por berrar e facer falcatruadas. A xente, para combater o frío típico da estación, pasábase co alcol.

 

   Unha tradición moi antiga era a de cantar panxoliñas de Nadal e de Reis. Pequenos grupos ían pola mañá de casa en casa cantando os reises, romances tradicionais coa historia dos Reis Magos. Algúns ían acompañados de gaitas e outros instrumentos. Eran pagados cunha propina, algunha lambetada ou invitación a beber. Se o resultado obtido era bo, o grupo podía rematar cunha copla de agradecemento: «Bos reises!/ Esta casa é moi decente/ Bos reises!/ Que aquí vive boa xente». En caso contrario a copla non deixaba en bo lugar aos donos da casa.


  Pola tarde, nas casas aristocráticas da cidade era costume celebrar a festa da torta de reis (hoxe chamámolo roscón). Segundo a importancia e grandeza dos salóns das devanditas casas, o número de invitados variaba e as reunións podían incluír baile, concerto, declamacións e unha árbore de Noel con agasallos para os nenos dos amigos. A concorrencia era convidada a unha espléndida merenda co aliciente de atopar a sorpresa -unha faba- oculta no interior da torta. Pero o máis concorrido acontecía na noite e estaba relacionado co tradicional baile de Reis. Con el inaugurábase a tempada de bailes e sería o elemento que se mantería máis invariable no tempo. Eran organizados polas diversas sociedades e círculos existentes na Coruña, como o Liceo Brigantino ou o Círculo Coruñés, aínda que o máis importante sería o do Circo de Artesáns. A eles só podían acudir os socios, as mulleres das súas familias e os invitados que tivesen billete de presentación. Adoitaban empezar sobre as dez ou once da noite e terminar sobre as dúas ou catro da madrugada. Tiñan un enorme éxito

 

  O día dos Reis Magos sempre foi unha festa de ilusión. A tradición dicía que na véspera, antes de deitarse, nenas e nenos debían deixar na xanela ou na porta un zapato coa esperanza de recibir ao espertarse algún agasallo ou lambetada. Pero non todos querían esperar aos Reis na cama.

   En Madrid no século XIX a noite de Reis era a festa máis grande do Nadal, pero non tiña nada de familiar. Os madrileños saían en tropel, moitos deles disfrazados, a enganar a algún asturiano ou galego recentemente chegado á cidade, facéndolle crer que os Reis Magos eran de verdade e levando unha escaleira para velos. Era unha noite de troula e alcol. Os moitos incidentes e falcatruadas que ocorrían esa noite provocaron que en 1882 o Concello empezase a cobrar cinco pesetas (unha barbaridade para a época) a todos os que quixesen ir de esmorga polas rúas madrileñas. De modo que os chulapos quedaron sen diversión ata que decidiron adoptar a moda das uvas dunha maneira festiva e popular: coméndoas diante do reloxo de Gobernación da Porta do Sol, colocado en 1866. O mesmo reloxo que agora vemos durante a retransmisión das badaladas.

 

 

  Notros lugares si se deixaban ver os Reis. Foi en Alcoy onde por primeira vez se organizou una cabalgata. Aconteceu en 1866 pero non tivo continuidade. Non sería ata 1885 en que se convertería nun evento anual. Contábao o xornal La Discusión de Madrid en 1886: «En Alcoy existe una sociedad compuesta de gentes de buen humor, titulada El Panerot, que ha organizado este año la entrada de los Reyes Magos (?). La comitiva entró en la ciudad en esta forma: Estrella, acompañada de la banda de música Nueva; Reyes Magos con su acompañamiento de pajes y carroza de doña Violante. La cabalgata recorrió las calles de Alcoy hasta la sede dicha sociedad donde había un portal de Belén».

  Esta iniciativa foise estendendo, con maior ou menor fortuna, por outras cidades sendo organizada por diferentes sociedades ou ateneos locais, xa que os concellos, nesa época, apenas gastaban en festas. Nalgúns casos, como en Granada desde 1910, ou en Sevilla desde 1918, mantivéronse no tempo; noutros lugares tiveron un carácter esporádico ou intermitente. Na Coruña o primeiro desfile aconteceu no ano 1909. A Liga de Amigos de La Coruña preparou unha «fastuosa cabalgata». Os Magos repartiron xoguetes a domicilio aos nenos que vivían nas rúas do traxecto. Os pais deberon "avisar" con antelación á Liga que custodiou os paquetes «convenientemente lacrados ostentando el nombre del niño que ha de recibir el regalo [...] ¡La novedad que significa que los Reyes vengan de veras, en forma real y efectiva a entregar los juguetes a los chicos!». A pesar do seu éxito e do apoio da prensa coruñesa non tivo continuidade.

 Nos anos seguintes hai noticias de cabalgatas en toda Galicia (Santiago, Ribadeo...) pero sempre de forma illada, porque a súa organización recaía sobre a voluntariedade e o esforzo da respectiva sociedade, liga ou ateneo. Iso cambiou en 1938. En plena Guerra Civil, cunha España dividida, na zona dominada polo réxime ditatorial de Franco, a Falange Española Tradicionalista de las JONS organizou unha celebración xeral da cabalgata de Reyes. A súa finalidade foi propagandística: nin un só neno sen xoguetes na nova España nacional.

  As ordes dadas pola dirección da Falange conlevaron a realización dunha intensa campaña en radio e prensa exhortando á xente para doar xoguetes para a cabalgata, a instalación de caixas de correos onde os nenos podían depositar as súas cartas de petición aos Reis poñendo a súa dirección, a contestación a esas cartas indicando o lugar onde deberían acudir eses nenos para recoller os seus agasallos, e a execución da cabalgata, cos tres Reis Magos, que se detería nos centros benéficos e da Falange para entregar os devanditos agasallos. Cada repartición de xoguetes remataba cos nenos co brazo alzado cantando o Cara al Sol.

  Se a partir dese momento as cidades contaron con cabalgatas máis ou menos fastosas, houbo que esperar ás décadas dos 70 e 80 para que empezaran a chegar ás vilas máis grandes. Normalmente estaban organizadas por organizacións veciñais que poñían gran esforzo e ilusión mentres pelexaban polas habitualmente rácanas subvencións municipais. En Ordes comezaron as cabalgatas na década dos 80 organizadas pola Asociación de Amas de Casa, axudadas por "Sementes do Arte", "Troula", o Padroado Municipal, etc.

No hay comentarios:

Publicar un comentario