Gustav Henningsen naceu no ano 1934 en Slagelse, unha vila
de bo tamaño no oeste da illa de Selandia (Sjælland), a maior de Dinamarca. O seu pai fora
emigrante a Arxentina pero volveu a Dinamarca e traballou como inspector nunha
empresa de sementes e grans. Desafortunadamente morreu en 1941 deixando á súa
muller viúva e con 35 anos. Para ir tirando, ela puxo na casa unha pensión para
alumnos da Academia Sorana que quedaba preto. Deste modo os irmáns Henningsen
criáronse con moitos amigos. Gustav tiña unha lixeira dislexia e foi un escolar
lento. Mellorou no instituto, onde compartía aula con poucos alumnos porque
escolleu a rama de linguas clásicas, e tivo de profesor a Henrik
Haarløv polo que sentía gran admiración.
Despois do bacharelato, en 1953 solicitou a
bolsa Peter y Emma Thomsen, que lle foi concedida e da que recibiu cartos ata
1959. Na Universidade de Copenhague estudou lingua danesa e cristianismo. En 1954 a súa nai comprou unha
casa na cidade, o que facilitou os seus estudos.
O ano 1956 foi fundamental na súa vida. Na
primavera Gustav e o seu amigo Bengt Holbek asistiron a un curso de narrativa
popular do profesor Laurits Bødker que os impresionou. El traballaba no Instituto
do Flolclore onde os contrataron aos dous como auxiliares. No verán coñeceu a Marisa
Rey, unha española que estaba
de vacacións e da que se fixo noivo. No Nadal prometéronse e casaron en maio de
1957. Nesta época aprendeu o idioma castelán, mentres Marisa aprendía o danés.
En 1959 escribiu a súa tesina e publicou o seu primeiro artigo na revista Danske
studier. No 1961 acadou o posto
fixo no Instituto e en 1962 rematou a carreira. Antes diso, nunha viaxe
á illa de Ærø en 1960 descubriu que alí a crenza nas bruxas
seguía viva. Despois de escribir un artigo sobre o tema e de facer o servizo
militar plantexouse escribir a súa tese comparando a bruxería en tres países:
Dinamarca, España e Irlanda.
En principio pretendía traballar no País
Vasco pero Julio Caro Baroja recomendoulle que o fixera en Galicia. En 1964, equipado cunha gravadora Eltra
que pesaba varios quilos e acompañado de Marisa, achegouse á
romaría do Corpiño e alí quixo a sorte que coñecese ao panadeiro Andrés
Blanco que o invitou a visitar Ordes. Despois dunha breve estancia de dúas
semanas marchou e o primeiro que fixo foi mostrar as gravacións a Caro
Baroja. En 1965 conseguiu unha
bolsa de 3 anos e, despois de visitar a Carmelo Lisón Tolosana en Pontevedra
e aprender dos seu métodos, volveuse a instalar en Ordes o 25 de agosto, en
Vilar. Ordes era entón unha vila medio moderna e ben comunicada grazas á
N-550 pero as parroquias vivían case como no século XIX. Gustav percorreunas,
especialmente Ardemil, entrevistou ás súas xentes e logrou centos de
fotografías que documentan as supersticións pero tamén as casas, os traballos, as festas...
Este labor levouno a cabo sen especiais atrancos a pesar da reticencia
inicial dos paisanos. Estivo en Ordes ata setembro de 1968 en que regresou temporalmente a Dinamarca.
|
Ata 1972 estivo
investigando en España sobre inquisición e bruxería. En homenaxe a Julio Caro
Baroja publicou en 1978 un magnífico traballo sobre Alonso
de Salazar y Frías. Tamén foi o tema da súa tese doctoral «The witches’ advocate» que
defendeu en 1981. Unha síntese da
mesma deu orixe ao libro "El
abogado de las brujas. Brujería vasca e inquisición española" publicado en 1983 en castelán, un dos cinco idiomas
nos que é posible atopalo.
En
1992 realizou unha mostra
itinerante, The European Witch Craze,
Fact and Fiction, que foi presentada en Londres e nas catro capitais
escandinavas.
Xubilouse do Danish
Folklore Archives en 2002 e desde
ese momento o matrimonio residiu en España.
No ano 2010, con motivo do 4º centenario do Auto de las Brujas efectuouse en Logroño unha versión española da
mostra de 1992.
No ano 2015 unha exposición no Museo do Pobo Galego descubriu ao
gran público os seus anos en Ordes dos que practicamente ningún profano tiña
coñecemento. Todo ese material con máis de 2.000 fotografías e máis de 250
gravacións sonoras foi doado ao Museo e está custodiado polo Instituto Galego
da Lingua. Paralelamente editouse o libro "Galicia Máxica. Reportaxe dun
mundo desaparecido" e posteriormente "O danés curioso en
Ordes", libros altamente recomendables para todo aquel que queira saber
como era a vida cotiá dos campesiños ordenses nos anos 60.
|
No ano 2021
doou o seu fondo documental e bibliográfico á Universidade Pública de Navarra,
institución que lle rendeu homenaxe e que publicou en castelán o libro "En busca de la verdad sobre la brujería. Los memoriales
del inquisidor Salazar y otros documentos relevantes sobre el auto de fe de
1610", ata ese momento só dispoñible
en inglés.
Morreu en Lyngby, un suburbio de Copenhague,
o 18 de outubro de 2023.
E non quero rematar sen unha
reflexión: A pesar de ser un etnógrafo recoñecido de fama internacional con
varios libros publicados, no momento de subir este artigo non existía biografía
súa na Wikipedia, o que fala moi ben da súa humildade (el non se molestou en
facelo) e mal dos responsables desa enciclopedia.
|
No hay comentarios:
Publicar un comentario