miércoles, 15 de diciembre de 2021

Javier Veiga López

 
Durante os últimos 30 anos do século XX era imposible vivir en Ordes e non coñecer a Javier Veiga. Víase en todos os eventos, organizando ou simplemente botando unha man porque, como escribiu Xorxe de Xan Ferreiro: «O seu era participar na construción de pequenas obras que chegaron a ser grandes no eido da cultura que tiña lugar en Ordes, fosen as que fosen. Aí sempre estaba él. E o mais importante, nunca lle dixo que non a alguén que precisase da súa axuda».
 

  Os Veiga eran unha familia de boa posición no Ordes dos anos 30, que vivían no que hoxe son os Parques Municipais. Eran cinco irmáns: María (1896-1982), Élida (?), Ramón (1907-1980) que foi axente xudicial na Laracha, Amalia (1910-1995) e Celestino Leandro Veiga López (1912-1985), secretario do xulgado de Ordes. Este último casou con Adela Maroño Rodríguez de Sar coa que tivo 4 fillos, e remataría por establecerse na Coruña.

 

 Javier naceu o día 5 de setembro de 1940, fóra do matrimonio, feito entón moi habitual. A súa nai, Amalia Veiga López (1910-1995), tivo un quiosco na alameda onde vendía froita e lambetadas, e logo un ultramarinos nos baixos da Casa do Concello. Co tempo fixo unha casa no Recreo 14, a carón do Bar Puente, onde tamén viviu a súa irmá María.
  Cando era apenas un adolescente, Jaime comezou a traballar, sempre vinculado á Administración: na Extensión Agraria, no Xulgado e no Concello, onde foi responsable do departamento de Censos e Quintas.
 
  Casou cunha moza dunha coñecida familia do Piñero, Concha Noya Villaverde, coa que tivo catro fillos: Elena, Javier, Pablo e Jorge.
  Paralelamente participou en todas as actividades que tivesen que ver coa vida social do concello.
  Afeccionado ao fútbol como case todos, xogou na "SD Órdenes" e logo, nos anos 70, sendo presidente Jaime Ferreiro do Ramecho, ocuparía o posto de tesoureiro para rematar presidindo el mesmo o club en agosto de 1980.
 
  Foi tamén delegado da OJE, impulsor da Festa do Queique e do Bolo Preñado, organizador da primeira Xura de Bandeira do Tercio Norte de Infantería de Marina en homenaxe ao Soldado Lois, socio de "Sementes do Arte" (era un dos 4 bailaríns varóns que estiveron na 1ª mítica actuación do grupo en 1970 na Alameda xunto con Verea, Marcial e Galán) e correspondente do xornal El Ideal Gallego e de emisoras de radio. Polo seu traballo como presidente da Cruz Vermella recibiu en decembro de 1992 unha medalla de prata en Madrid.

 

 
E por suposto colaborou en toda canta procesión, cabalgata, festa de Entroido ou celebración que houbese, normalmente de mestre de cerimonia.
  Ah! e tamén foi posiblemente o primeiro ordense que saiu en televisión, pois participou nun concurso que patrocinaba a empresa "Gallina Blanca", emisión que concentrou a toda a xente da vila nos bares que tiñan televisor.
  Morreu na madrugada do luns 15 de abril do ano 2004 no Hospital Universitario de Santiago onde estaba ingresado, despois de padecer varios meses unha grave doenza.
FONTE: Xorxe de Xan Ferreiro

 

  Nos primeiros anos 70, cando aínda asistía á misa dominical, o cura don José Fernández Fuentes estaba dando o sermón (que como de costume eu non atendía, ocupado en contar as pedras da bóveda). Segundo oín despois, dixo algo que molestou enormemente á maioría dos oíntes. Un home levantouse e abandonou a igrexa en silencio pero ostensiblemente enfadado. Cando rematou a misa e saiu a xente, vin que moitos se achegaban a felicitalo. Ese é o meu primeiro recordo de Javier Veiga.
  
Unha das moitas comisións nas que estivo Javier Veiga, neste caso a do ano 1974. Preme para ver a imaxe máis grande.

7 comentarios:

  1. Noreboa e gracias por mencionarme. Un saludo.

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Home. Practicamente usei todo o que puxeras ti en "Xente do Recreo" e pouco máis engadín. Un abrazo.

      Eliminar
  2. Como fillo de Javier , so dar as gracias por acordarse de meu pai.El so era un veciño mais que amaba o seu pobo .Un saudo

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Pola parte que me toca, foi un humilde pero sentido recordo a súa figura. Javier merecía que nos acordáramos de él. Saudos.

      Eliminar
  3. Conocí a Javier durante mis veranos en Ordes por los años cuarenta y cincuenta, cuando ayudábamos juntos a misa a mi tío, el entonces párroco Joaquín Andrade. Guardo desde entonces el mejor recuerdo de él como amigo y como persona. Compartímos traje de gallego, juegos y compañeros de aventuras como Suso de Viriato, Pepe Aller y Vitin y tantos otros. Nos vimos por última vez en A Coruña cuando acudió al funeral de mi tío. Pase por Ordes en 2004 y me sorprendió tristemente la noticia de su muerte cuando pregunté por él. Tal vez Segis a quien veo en la foto todavía se acuerde de mi.

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Agradecido polo comentario. Eu non coñecín a don Joaquín pero deixou moi bos recordos na vila. Agradeceríalle que me enviase información para facerlle tamén un artigo. Lamento dicirlle que Segis morreu a finais dos anos 80 aos 41 anos de idade. Un afectuoso saúdo.

      Eliminar