Se no ano 1965 as festas estiveron a piques de non celebrarse ata o último
momento no que se formou unha comisión de mulleres encabezada por Josefa Conde Ferreiro, en 1966
pasou algo parecido: ata poucos días antes (concretamente o 4 de agosto)
ninguén quería facerse cargo. Afortunadamente apareceu Kilé, funcionario municipal que
aproveitou o seu período de vacacións para presidir a comisión que integraron personaxes moi coñecidos da vila.
|
Ademais de Ramón Abeijón Amado Kilé, participaron Ángel Lamas Gutiérrez Lito (vicepresidente) e Viriato Lamas Fernández o Vello (secretario). Os vogais eran Laureano
Iglesias del Río, Viriato Lamas Gutiérrez, José Escariz García Pepe o Canteiro (que ese agosto sería pai por 1ª
vez), Manuel Rilo Mosquera, José Villares Sánchez, Antonio Liñares Seoane,
Roberto González Amado, Ángel Lamas García Lito
e Pedro Vidal del Río. Aínda que oficialmente non figuraba na comisión tamén
lles axudou o funcionario Javier Veiga.
|
Igual que en 1965 o orzamento foi de entre
125 e 130.000 pesetas, que se pensaba lograr cun pequen donativo do Concello, a
achega popular e as taxas das atraccións. Por certo que os coros galegos que
actuaron os dous días grandes viñeron gratis, só se lles aboaron os gastos. Un
par de detalles curiosos foron que a comisión pediu ao capitán xeneral da
rexión militar un permiso colectivo para todos os soldados da zona e que Ángel
Lamas, nese momento emigrado en Alemaña, dedicou as súas vacacións (igual que
Kilé) á organización das festas.
As festas duraron 4 días e comezaron o domingo 14 cos tradicionais gaiteiros, xigantes
e cabezudos e disparo de bombas. Pola noite houbo a primeira verbena na Alameda
coa Banda de
Arca e a orquestra Los Deibys.
O luns 15, día grande, empezou tamén con dianas,
alboradas, bombas e xigantes e cabezudos. Á unha foi a procesión e logo o
concerto. Pola tarde o tradicional partido de fútbol e pola noite verbena
amenizada por banda e orquestra. O casino, pola súa banda, tamén tiña o seu
propio baile os dous días grandes co conxunto Los
Samar´s.
O martes 16, día de San Roque, tamén houbo dianas,
pasarrúas, gaitas do país e a habitual Banda de Arca, pero cambiou a orquestra
que sería Los Galaicos de Pontevedra
(igual que o mércores). Esa tarde foi a quenda das cucañas.
O mércores 17 houbo outro partido de fútbol pola
tarde e remataron coa última verbena e unha gran sesión de fogos de artificio.
La Voz de Galicia dedicoulles un especial de dúas páxinas. Na entrevista co concelleiro
José Galán
este, exactamente igual que en 1965, volveu a falar dos dous problemas
fundamentais da vila: o aparcamento na rúa Alfonso Senra, que só se paliaba
permitindo que entrasen algúns coches na Alameda, e a traída de auga porque
eran necesarios 7 millóns de pesetas para levala a cabo. En cambio consideraba solucionado o tema educativo
pois había un total de 24 escolas e estaba constituído un Padroado de Ensino
Primario baixo o cal funcionaban 10 centros, ademais das escolas nacionais, e
tiña proxectado outros 2 máis. Existía tamén un CLA para o Ensino Medio.
Pola súa banda o xornal santiagués La Noche tamén lles dedicou 2
páxinas onde había varios artigos: o habitual de Víctor Gónzalez Faya -que
aparecía igualmente en La Voz- sobre "El
valor de la fiestas", outros máis xenéricos sobre o tráfico e os
visitantes ou a forma lineal da vila, e por último o de Máximo Sar onde se
centraba nas delicias gastronómicas da comarca (keikes, churrasco e troitas).

No hay comentarios:
Publicar un comentario