lunes, 12 de marzo de 2018

Pilar Martínez Viqueira

  Pilar Martínez, máis coñecida como Pilar do Sanatorio, naceu na parroquia de Mercurín o 27 de decembro de 1917. Os seus pais eran José Martínez Cancelada e Jesusa Viqueira Martínez que tiveron... 14 fillos! (11 mulleres e 3 homes) dos cales Pilar era a 8ª. Era unha familia moi pobre que vivían no lugar de Vilar nunha casa propiedade de D. Manuel Batanero Maseda (residente en Madrid) de quen era apoderado Leis Carlés de Santiago de Compostela.

  Todos os fillos tiveron que buscarse moi cedo a vida como xornaleiros ou empregadas do fogar. Pilar, desde os 13 anos, traballou na casa do médico Antonio Concheiro Iglesias. Cun gran esforzo e dedicación, despois do traballo, foi instruíndose coa profesora Ramona Pérez Arcay (Doña Moncha) conseguindo acabar o bacharelato elemental e logo estudar a carreira de practicante.
    Foi compatibilizando as tarefas da casa coas de aprendiz de enfermeira no Sanatorio Concheiro. Esterilizaba o instrumental cirúrxico e asistía aos cirurxiáns que operaban no sanatorio, xente tan destacada como Concheiro, Baltar e os seus fillos Fernando e Luis, Fidel Taboada, Pellit, Novo González e numerosos médicos especialistas como o neurólogo Celestino Blanco, Besada, Sánchez Mosquera e Sánchez Salorio.
  Tamén atendía aos enfermos e feridos, moi numerosos entón polas leas de lindes ou augas, pelexas de mozos nas festas e accidentes de tráfico.

  Se algo tiña Pilar era tesón. Con gran esforzo logrou o título de enfermeira. Xunto con Ramón Ferreiro Regos Ramón o practicante, 6 anos máis novo ca ela, foron os máximos responsables da impensable calidade asistencial que tiña o concello de Ordes naquela época. Nos durísimos tempos da posguerra cunhas corredoiras impracticables para un coche, sen máis luz que a de carburo ou dun candil de gas e a auga dun pozo, Pilar e Ramón aparecían de día ou de noite dispostos a atender a quen fose, rico -raramente- ou pobre.
  Ao ser muller o seu labor prioritario foi o de comadroa. Pódese dicir sen temor a esaxerar que axudou a traer ao mundo a varias xeracións de ordenses. Durante tres décadas asistiu á maioría dos nacementos da zona de Ordes (máis Mesía e Cerceda onde non había parteira), especialmente os das familias máis pobres e humildes, aquelas que non tiñan medios económicos para poder levar ás mulleres aos hospitais da Coruña ou Santiago.
  Pero se a profesionalidade e a entrega de Pilar e Ramón eran similares, diferían nun punto: mentres o mal carácter de Ramón era lendario, Pilar era tranquila e apracible, ata tal punto que algúns enfermos comentaban que xa se sentían mellor só estando na súa presenza.
  En certa ocasión, atendendo a un parto nunha casa da aldea, as podrecidas táboas do piso cederon e todos caeron ao baixo. Pilar foi a máis magoada e a propia parturiente tivo que axudala a incorporarse. Como se non tivese pasado nada, Pilar continou imperturbable co seu labor e afortunadamente a criatura chegou ao mundo sen máis problemas.
  Así foi a súa vida desde a posguerra ata que logrou por oposición a praza de A.P.D. (Asistencia Pública Domiciliaria) no Concello de Frades, traballo que desempeñou ata a súa xubilación.
  Residiu a maioría da súa vida en Alfonso Senra 79 (o primeiro Sanatorio Concheiro). Durante moitos anos tamén viviu alí a súa irmá Josefina (1908-1991) que tiña unha mercería no baixo.
  Morreu o 11 de outubro de 2007 aos 89 anos de idade.


  Recordando as súas propias palabras: "A miña carreira foi froito das circunstancias, non da vocación, pero logo o meu traballo foi o máis importante para min e deume as satisfaccións máis grandes da miña vida".
  Apenas un ano despois do seu pasamento, en xuño de 2008, dedicóuselle un parque no barrio do Paraíso, pequeno honor para os seus merecementos.  
FONTE: Manuel Xosé Moar Martínez

No hay comentarios:

Publicar un comentario