martes, 17 de noviembre de 2026

Díaz-Ambrona no Abelar


  A finais dos anos 60 houbo unha decidida aposta polo desenvolvemento gandeiro de Galicia. Dous bancos como o Banco Urquijo e sobre todo o Banco del Noroeste, e a entidade estatal INI colaboraron nese desenvolvemento. O Banco del Noroeste promoveu diversas empresas como Tecnagro (Ingeniería y Técnica Agropecuaria), Propecsa (Promociones Pecuarias), Mafriesa (Mataderos Frigoríficos Españoles), Pinsa (Piensos del Noroeste), etc.
  O Ministerio de Agricultura creou as directrices e os obxectivos e apoiou todas estas realizacións, como demostra a visita do propio ministro AdolfoDíaz-Ambrona o sábado 17 de agosto de 1968 ás obras do matadoiro de Mafriesa e posteriormente á granxa El Abelar.
  A comitiva que o acompañaba incluía varios cargos secundarios do ministerio, o gobernador civil da provincia e o alcalde da Coruña. Foron recibidos polos executivos das firmas promotoras Joaquín Menéndez Ponte e José Luis Páramo Neira.
 
 
  O matadoiro de MAFRIESA en Suevos empezara a construírse en 1966 e prevíase que antes dun ano estaría en funcionamento, pero na realidade sería inaugurado en 1971, dous anos despois. A capacidade de sacrificio diario chegaría a ser de 360 cabezas de gando vacún, 800 porcos e 10.000 aves. A súa capacidade frigorífica sería de 25.000 metros cúbicos e disporía de túneles de conxelación rápida para 50-60 toneladas por día. A instalación de refrixeración rápida sería a primeira en funcionar en España. Contaría con fábricas para aproveitamento de subprodutos, amplas salas de despezamento, salgadura e a pesar do seu alto grao de mecanización traballarían na planta uns 400 produtores. Tamén estaba en periodo de montaxe unha ampla rede de comercialización, non só para a Galicia senón para o resto de España.
 

  Dentro do plan para promocionar a gandería galega e avanzar en modernos métodos de explotación, o punto de partida (a chamada "finca piloto") foi El Abelar. Era unha granxa de 415 hectáreas no concello de Abegondo, pero moi próxima ao Mesón do Vento. Nela, cunha moderna maquinaría despexáronse os toxais e creáronse prados para soster vacas de razas selectas (sobre todo Hereford) dedicadas á carne -non se apostaba entón polo leite-. O obxectivo era o máximo aproveitamento industrial. A previsión era que a granxa chegara a manter entre 1.500 e 2.000 cabezas de gando, aínda que no ano 1968 non chegaban ás 700. Ademais habería un núcleo de vivendas para os traballadores, club, escola de formación profesional, etc.
  O ministro como non podía ser menos mostrouse moi complacido nas dúas visitas.
 
  De propina aquí tedes os prezos da feira de Ordes en setembro daquel ano.
  O vacún de cría vendíase entre 10.000 e 15.000 pesetas e para abasto entre 25 e 30.000 por cabeza. Os porcos para cría entre 2 e 2.500 pesetas e para abasto entre 4 e 5.000 por cabeza. As fabas 13 pesetas o kg, o trigo 8 pesetas, o millo 6, os pementos de Herbón 8, os pementos vermellos 3 pesetas por unidade e as cebolas 12 pesetas a ducia. A froita estaba entre 5-8 pesetas/kg.

No hay comentarios:

Publicar un comentario