viernes, 6 de noviembre de 2026

O último baile en 3ª

  En 1967 o equipo de fútbol de Ordes regresou de novo á 3ª División.
  No especial que o xornal La Noche lle dedicou ás festas patronais de agosto apareceron dúas entrevistas, unha ao xogador Liste e outra ao o secretario do club, Carlos Espiñeira, onde este comentaba as novidades do club con vistas ao próximo desafío. A primeira e máis importante era o cambio de adestrador: Alfonso, o home que levou ao equipo á 3ª, deixaba o posto por asuntos particulares (o seu traballo era incompatible coa dedicación que esixía adestrar ao Ordes), e foi substituído por Mantido, outro adestrador de moi boa traxectoria.
  Nese momento o Ordes contaba cos porteiros Diego e Suso, os defensas Espiñeira, Roberto e Benigno, os medios Souto, Pita e Chas e os dianteiros Amancio, Casado, Linares, Machín, Liste e Músico, seguindo a buscar novas fichaxes.
 
  Na tempada 67-68 competiron 16 equipos na 3ª División. Da provincia da Coruña había 5 equipos: Arsenal do Ferrol, Brigantium de Betanzos, Fabril, Órdenes e Compostela. Lugo aportaba 3 equipos: Calvo Sotelo das Pontes, Lugo e o Lemos de Monforte. Da provincia de Ourense só participaban dous equipos: o Orense e o Atlético Orense. Pontevedra era a provincia máis representada con ata 6 formacións: Arosa de Vilagarcía, Atlético Pontevedrés, Alondras de Cangas, Rápido de Bouzas de Vigo, e Gran Peña e Turista, ambos os dous do barrio de Lavadores tamén en Vigo.
 
  O 10 de setembro de 1967 o Ordes fixo o seu regreso oficial á 3ª División no campo de Santa Isabel nunha tarde de sol fronte ao Compostela. O equipo formou con Carballido, Espiñeira, Lalo, Benigno, Souto, Chas, Amancio, Linares, Casado, Machín e Liste. Un gol de penalti de Julián Álvarez foi contrarrestado por Linares que tivo a honra de ser o primeiro goleador do Ordes esa tempada. Logo o equipo tentou manter ese resultado pero a falta de 14 minutos para o final chegou o gol en contra. O marcador final foi de 3-1 para o Compostela.
  O domingo seguinte o Ordes recibiu ao Lemos con Manteiga, Varela e Villamor de novidade na aliñación e o resultado foi un empate 1-1 a pesar do dominio agobiante do Ordes.
  A continuación xogou en Pasarón contra o Atlético Pontevedrés. O porteiro nesta ocasión foi Ríos que levou 4 goles para o zurrón. O gol da honra ordense foi metido por Julio.
  En outubro o Ordes perdeu na casa fronte ao Fabril 1-2 e o Gran Peña 0-1. A diferenza foi que no primeiro partido os verdes dominaron e perderon por fallos illados, en cambio o segundo foi un desastre total. A partir deste momento xa se albiscou que non había equipo para manter a categoría.
  Unha victoria en novembro contra o Arousa 1-0 e un empate fronte ao Lugo en Vista Alegre 1-1 en decembro foron escintileos fugaces.
  A finais do ano 1967 había tres equipos que destacaban na clasificación, que eran o Orense, Compostela e Fabril. Tamén había outros 3 que destacaban negativamente: o Atlético Pontevedrés, o Órdenes e o Rápido de Bouzas que aínda non chegaran á decena de puntos.
  Na parte alta as cousas non cambiaron e Orense, Compostela e Fabril serían 1º, 2º e 3º respectivamente ao final da competición. Na parte baixa en cambio houbo modificacións: o Atlético Pontevedrés realizou unha segunda volta fenomenal e escapou das posicións de descenso, o Órdenes subiu un posto na clasificación pero logo volveu perdelo, mentres o Rápido de Bouzas lograba superalo. O Brigantium foi de mal en peor e rematou sendo o pechacancelas.
 
  O domingo 5 de maio de 1968 tería lugar o último partido do Ordes en terceira División*. Foi un partido aprazado, xa que o resto dos equipos remataran unha semana antes, o domingo 28 de abril. O resultado era irrelevante pois o Atlético Orense estaba no medio da táboa, polo que tomou o partido como unha homenaxe aos afeccionados, e o Ordes, pasase o que pasase, xa tiña adxudicado o 15º posto (só por enriba do Brigantium) que significaba o inapelable descenso de categoría. Non atopei por ningún lado información do resultado dese partido.
 
* Desde a tempada 89/90 o Ordes estivo 6 anos na 3ª División e desde a 2006/07 outros 11 anos. Pero esta 3ª División estaba un nivel máis baixo que a 3ª División dos anos 50 e 60.

No hay comentarios:

Publicar un comentario