lunes, 17 de mayo de 2021

San Paio de Buscás

 
   A igrexa de San Paio de Buscás é a máis importante artisticamente de todo o concello porque é a que conserva máis elementos da súa orixe románica.
  Construída no lugar da Rúa en pleno Camiño Inglés arredor do século XII, sería logo reformada nos séculos XVIII e XIX. Aparece nos escritos de Frei Martín Sarmiento que pasou por Buscás o día 11 de xuño de 1754 e mencionou que a campá estaba colocada nun carballo (probablemente o que está a carón da entrada ao adro). Se nos fixamos na fachada podemos ver que a espadana e a ventá son máis modernas que o resto e teñen o estilo barroco do resto das igrexas do concello.
 

  Cunha fachada de 7 metros de anchura e case 18 metros de lonxitude, ocupa algo máis de 130 m2. Hai unha nave rectangular coa sancristía pegada ao lateral norte da cabeceira. Case todos os muros son de cantería e  ten cuberta a dúas augas.
  Na fachada está a porta enmarcada por un arco de medio punto e arquivoltas da época románica. A ambos os dous lados placas en recordo de dous sacerdotes que "gastaron a súa vida" cos fregueses: don Manuel Martínez Iglesias, párroco de Buscás entre 1914 e 1969, e don Manuel Otero Rodríguez (entre 1968 e 2003).
  Diante da porta, segundo antigo costume, está a tumba do sacerdote anterior, don Eugenio Girón Murias, soterrado en 1913, e que se asegurou de estar perpetuamente preto dos seus fregueses.
 

  No interior hai non un, senón dous arcos de medio punto que nacen de catro monumentais capiteis ornamentais. Detrás do altar hai un retablo barroco con columnas salomónicas e fondo pintado de azul. No lintel da porta de acceso á sancristía pódese ler: "HIZOSE DENVEBO ESTA SACHRISTIA Y LO MAS DE ESTA YGLESIA SIENDO CURA RIEGO AÑO DE 1732". A ese sacerdote débense tamén dous retablos barrocos un pouco posteriores que están nos laterais do templo.
  Non obstante poucos dos peregrinos se achegan á fachada ou entran na igrexa. Habitualmente confórmanse con admirar a macabra imaxe que hai no peitoril da ventá da ábsida e que representa a San Paio no momento de ser degolado. Desta imaxe podedes ver máis fotos no blog Galicia pueblo a pueblo.
 
 
  San Paio é o patrono dos ósos. Era tradición que a xente acudira a el pedindo curación e xantar de campo. Tamén hai unha copla a el dedicada.
                                     
                                     San Paíño de Buscás
                                     ten os zapatiños brancos.
                                     As meniñas de Buscás
                                     van llos ver os días santos.
  
  Para coñecer outros templos do concello preme en Igrexas e capelas de Ordes.  

No hay comentarios:

Publicar un comentario