O cruceiro de Leira, totalmente feito de
pedra, está situado na carballeira e campo da festa que hai fronte á igrexa de Santa María, a escasos metros
da botilla -onde se facían as
autopsias- e do muro do cemiterio.
O primeiro que chama a atención é a súa
escasa altura, arredor duns 3,80
metros, especialmente se temos en conta a contraditoria
gran dimensión da súa plataforma (o escalón inferior ten 2,90 metros de lado e
por tanto 8,4 metros
cadrados de superficie).
Unha segunda mirada máis atenta permítenos
apreciar que a cor e o aspecto dos actuais varal e cruz son diferentes dos da
base. Isto facíame supoñer que o cruceiro debera sufrir algún accidente nalgún
momento da súa historia e que estes elementos non eran os orixinais. Informáronme que non houbo ningún accidente senón que foi roubado nos anos 80 ou 90, e que efectivamente o varal e a cruz datan desa época.
A plataforma é cuadrangular con catro graos e
sobre ela vemos un pequeno pedestal troncopiramidal duns 12 centímetros de
altura. Del arrinca un varal octogonal
pero que empeza e remata cadrado. O varal mide aproximadamente 1,80 metros que, como
temos dito, é unha altura pequena e non habitual.
O capitel, cuadrangular e duns 30 centímetros de
altura, inicia cun astrágalo tamén cuadrangular e liso e remata nun ábaco con
lados curvados e vértices cortados. Está decorado con volutas e follas de
figueira.
A cruz, cuadrangular e duns 80 centímetros de
altura, ten dúas figuras. Cara á igrexa un Cristo con tres cravos e cabeza
inclinada á dereita, coroa de espiñas, mans abertas e pano de pureza
anoado tamén á dereita. Vese o letreiro do INRI. Mirando ao oeste, sobre unha
peaña dun anxo con ás, hai unha Piedade sostendo o corpo morto do seu fillo.
Se queres ver máis fotos e a súa ubicación nun mapa
preme en Cruceiro de Leira da excelente web Todos los cruceiros
de Galicia.
Non foi un accidente.O cruceiro orixinal foi roubado. O actual data,seguramente, da década dos oitenta/noventa do século pasado.Lamentable.
ResponderEliminarAh! Pois non sabía nada. Cambiarei o texto do artigo. Agradecido pola información.
Eliminar