Na rúa dos Lagartos na primeira metade do
século XX viviron dous importantes personaxes co mesmo apelido. Un deles foi o
comerciante José Mariño García
(1880-1947), patriarca dunha das familias máis coñecidas de Ordes, os Mariños dos Lagartos.
O outro, que vivía en fronte cruzando a
beirarrúa, era Manuel Mariño Liste,
un gran propietario con moitas terras que chegaban desde os Lagartos ao actual
CEIP Castelao. O xornal El
Ideal Gallego escribiu na súa necrolóxica "su vida estuvo dedicada al trabajo agrícola y a hacer cuanto bien
pudo a sus vecinos necesitados". Casou con Carmen Martínez Castro, irmá de Andrés o patriarca dos Martís do Casal, e morreu no ano 1944 deixando catro fillos:
María, Manuela, Carmen e Manuel Mariño Martínez. A abundancia de mulleres
ocasionou que na actualidade queden poucos descendentes con este apelido.
A
filla maior, María
Mariño Martínez (m.1947), casou con José Mirás Gómez (1890-1969). Os Mirás procedían
de Caboladrón, lugar da parroquia de
Mesós en Frades. Despois de emigrar a Matanzas (Cuba) e traballar en "El
Vaquerito", José e o seu irmán Manuel (1897-1983) volveron a Galicia e
establecéronse en Ordes. Ambos os dous foron tratantes de gando e puxeron
tabernas, José nos Lagartos e Manuel -ver cadro inferior- en 1929
no Recreo, ao fondo do antigo campo da Feira. Posteriormente os fillos de Andrés,
outro irmán que morreu en Frades e que foi concelleiro durante a República, tamén viñeron para Ordes e establecéronse no
Piñeiro.
O matrimonio de José Mirás e
María tivo 4 fillos: José, Mª Carmen, Elena e Manuel Mirás Mariño, todos viviron ou viven aínda nos Lagartos e zona próxima de Rosalía de Castro.
Manuela Mariño (1902-1948) casou con Manuel Villaverde Veiras
(1898-1968) dunha familia coñecida como os Veiras da
Espenica. Ao establecerse nos Lagartos esta rama familiar foron
coñecidos como os
Veiras dos Lagartos. O matrimonio tivo tres fillas: Concha, Jesusa e
Carmen Villaverde Mariño.
A maior, Concepción Concha da Carnicería (1921-2011),
foi a de vida máis interesante. De gran beleza, casou con Manuel Viaño Dono, fillo do comerciante Manuel Viaño Prado (m.1930) e de Casilda Dono. Manuel tiña unha carnicería no edificio que logo sería o Bar Juanito e tamén facía bailes no lugar. Con el tería catro fillos, pero quedaron na ruína e
separáronse. Anos despois, en 1978, Manuel morreu en plena indixencia na vila da Estrada con 61 anos. Concha viuse obrigada a vivir en Reboredo e subsistir a duras
penas coa compra-venda de fabas para Carlos Espiñeira Pellit. A súa sorte
cambiou cando coñeceu ao arzuano Enrique López Lea (1913-1991), sobriño do
carniceiro Ignacio López, e logo futuro propietario da carnicería Enrique. El
tamén estaba separado e comezaron unha relación que ao principio non podía ser
oficial por mor das leis daquela época. Con Enrique volveu á estabilidade
económica e tivo outros catro fillos, aínda que o último morreu sendo neno.
A segunda filla, Jesusa
(1924-2007), non casou, pero dunha relación con Ramón o Practicante tivo unha filla, moi coñecida pola súa
actividade na Igrexa, Mª Jesús Ferreiro.
Finalmente Carmen
(1926-2019) casou con José Galán López (1923-1980), fillo do tenente da
Garda Civil Policarpo Galán. José era funcionario do Xulgado e viviron no que
hoxe é o Nogallas. Tiveron un único fillo, José Manuel, rexistrador da
propiedade en Noia.
Carmen Mariño, que morreu en 1944 pouco despois do seu pai, casou
con Juan
Rodríguez Iglesias Juan de Carril (1898-1997), dunha moi ampla familia. Juan tiña un comercio xusto no
cruce. O matrimonio tivo dous fillos: Esther e Juan. Juan (1942-2001), que morreu aos 59 anos, herdou a tenda que levaba
ata hai pouco tempo a súa viúva Marisa Regueiro. Esther casou con Manuel
Picallo Ameijeiras (1920-2005), coñecido mestre que foi o primeiro director
do Colexio Castelao e, logo de xubilarse, promotor de vivendas na Rúa dos
Lagartos, nos terreos da familia Mariño.
O que quedou na casa familiar
foi Manuel
Mariño Martínez Mariño das Corredoiras (1913-1978), que casou
con Dolores Veiras Bello (1910-1993).
Dolores viña tamén de rica familia, os Veiras de Pardiñas, pois era a 4ª filla de Jesús Veiras e Francisca Bello. O matrimonio
tivo 3 fillos: Pepe, que casou cunha moza de Guindibóo, Carlos, que traballou
no Banco de Santander, e Dolores Mariño Veiras.
No hay comentarios:
Publicar un comentario