domingo, 7 de junio de 2020

A Casa Maldonado


  Na Calle de Poulo, ao pé do Camiño Inglés, acháse esta casa que é un dos edificios máis antigos de todo o concello pois data (polo menos) do século XVI.
  Feita de cachotería e cun tellado que mestura a tella do país coa uralita non se distingue exteriormente doutras casas tradicionais mal conservadas, agás por unha placa. Se nos achegamos á porta podemos ver tamén un escudo e unha inscrición que di así: EN ESTA CASA POSO EL REI D PHELIPE 2 A 25 DE IUNO DE 1554.
  Custa bastante ler a inscrición pero explica a importancia da casa xa que nela pernoctou o rei Felipe II o 25 de xuño do ano 1554, cando ía a embarcar rumbo a Inglaterra e contraer matrimonio con María Tudor.
  Orixinalmente o escudo estaba moito máis alto e a inscrición da pernocta do rei debaixo del, pero ao facer uns arranxos na casa cambiárono ao lintel e a inscrición á xamba esquerda. O escudo sería tomado como modelo para o do concello de Ordes.


  Historicamente a casa pertenceu á familia del Río Maldonado. No século XVIII trasladáronse a Santiago de Compostela acolléndose á protección dos arcebispos. Varios dos membros da familia obtiveron coenxías en Santiago e Oviedo e cátedras na Universidade de Compostela.
  Un dos máis destacados foi Francisco Antonio del Río Maldonado, médico do Real Hospital de Santiago de Compostela e tamén do Santo Oficio.
  Mediante enlaces matrimoniais a liñaxe dos Turnes vinculouse coa familia Maldonado, sendo un dos descendentes don Andrés Vicente de Turnes Sánchez, que chegou a ser avogado da Real Audiencia, alcalde de Santiago e deputado do Común entre outras ocupacións.
   Tamén destacou don Vicente de Turnes del Río Maldonado, o Cego Turnes, que foi poeta en galego e castelán a principios do século XIX, ademais de exercer de xornalista.

  A comezos do século XX, en 1908, faise coa propiedade Ricardo Uzal Regueiro, pai de Felisa Uzal Varela (m.1953), a esposa de Laureano Varela Ferreiro (1869-1928), un rico indiano que fixo a súa fortuna coa cana de azucre en Puerto Rico. Residían noutra casa, "a Casa do Escribano", á beira desta, que estaba habitada por caseiros. Durante anos tamén foi utilizada como corte para o gando e alpendre.


No hay comentarios:

Publicar un comentario