En 1947 a
situación económica, aínda que mellorara con respecto ao triste 1946, seguía sendo bastante mala e os
foucellas e a Garda Civil converteron a comarca nun campo de batalla. Pero como de
costume iso non disuadiu aos ordenses de organizar moitas e concorridas festas.
En marzo empezou o día 20 un solemne novenario
dedicado á Virxe das Dores, custeado por un grupo de "respetables
señoras". Houbo misa diaria e culminación con misa solemne e intervención
a cargo dun "notable orador". Tamén o día 24 comezaron os actos da
preparación do Santo Precepto a cargo dun padre franciscano.
Por certo que ese mes rematou a carreira de
farmacia María del Río Carballido.
Xuño era o mes no que numerosos veraneantes
viñan a Ordes, entre eles dona Mª Miranda de Gil Brandón e as súas fillas, ou
as fillas do cirurxán Ángel Baltar Cortes.
A festa do Santísimo Sacramento foi custeada polo veciño do Piñeiro Andrés Carballido Franqueira (1908-1982) que como dicía o xornal "no piensa escatimar nada relativo al divino culto", así que contratou música popular, unha orquestra para a misa e un competente orador sagrado.
O día
24 celebrouse na capela da Calle en Poulo unha solemne función relixiosa
dedicada á Virxe da Mercé na que predicou un padre franciscano. Ao mesmo tempo foi
inaugurado o cruceiro que está xunto á fonte, lugar onde segundo conta a lenda
apareceu a Virxe "en carne mortal", razón pola que hai tanta
veneración por ela en Poulo. A encargada destes cultos foi a camareira dona
Juana Figueiras.
O día 26 foi a festividade do San Paio en
Buscás con banda de música e queima de gran cantidade de fogos artificiais. En
Ordes o domingo 29 tivo lugar a solemne función relixiosa dedicada ao Corazón
Délfico coa prédica dun orador forasteiro e procesión.
En Ardemil tiveron as festas patronais de San
Pedro que se celebraron no Mesón do Vento e que duraron 4 días, desde o sábado
28 ata o 1 de xullo. O luns 30 foi a función do Corpus e o día 1 foi dedicada a
San Ramón. Este último día houbo tamén xogos de cucañas.
Pero, non quedando contentos, en agosto,
o día 6 houbo solemnes cultos dedicados á Virxe das Neves. Tres días antes, en
Poulo celebrouse a función na honra da Virxe do Carme.
E por suposto tiveron lugar as festas patronais da
vila de Ordes que neste 1947 viron unha interesante novidade: unha comparsa de cabezudos adquiridos en
Barcelona, que se engadiron áos habituais globos, fogos, carreiras de
bicicletas e cucañas.
Segundo
o xornal El Ideal Gallego "Las
bandas de Arca y Garabanja cosecharon muchísimos aplausos por su brillante
actuación, dando lucidos conciertos bajo el frondoso follaje de nuestra
alameda, centro de los festejos. Las iluminaciones eléctricas superaron a las
de años anteriores por el arte de su colocación. Las funciones religiosas,
incluidas las procesiones, no pudieron resultar más suntuosas".
Por ese tempo estábase construíndo a ponte da
Pinguela na estrada de Pontecarreira.
A finais de mes celebraron a súa primeira
comuñón Isabelita Varela del Río, Rita
Álvarez e Merceditas González Rúa (a última dos 7 fillos do carteiro César González Vidal e da súa muller Rafaela Rúa Rúa). O párroco don Joaquín Andrade exhortounas a seguir unha vida de virtude nunha
"elocuente plática".
En setembro celebrouse en Montaos a festa da exaltación da
Santa Cruz o domingo 14 con misa solemne a toda orquestra e sermón. Ao día
seguinte foi a función sacramental con máis música.
Os días 15 e 16 foi a quenda das multitudinarias
festas de Santa Eufemia en Leira. O día 16 na misa maior participou o profesor
do Seminario compostelán don José Pérez Rajoán.
Houbo bandas, orquestras e sesións de fogos artificiais.
No hay comentarios:
Publicar un comentario