O escudo que hai na Casa da Calle (Poulo), e que foi durante case 60 anos (de 1950 a 2008) o que empregou o Concello de Ordes, sempre estivo cheo de enigmas. A teoría máis coñecida asociábao á
familia Maldonado pero Victorino Cores
Liste non está de acordo, como podedes ver a continuación.
Relación
do antigo escudo do Concello de Ordes coa familia dos Araújo
Despois de moitas investigacións, feitas con
paciencia e perseverancia, creo que podo afirmar que o escudo da casa de Poulo,
do cal se tomou o do Concello de Ordes, pertenceu a unha familia dos Araújo.
Nalgunhas publicacións dise que as tres
flores de lis das armas do escudo do Concello poden aludir de forma abreviada
ás dos Maldonado,
xa que a principios do século XVIII a casa de Poulo pertencía a dona Benita
Romai Maldonado. Tales aseveracións só
son suposicións feitas sen ningún apoio histórico. Os Maldonado, de antigo
Aldana, levan cinco lises e os Araújo tres, e, segundo a maioría dos
xenealoxistas, só teñen en común que os lises de ambas as dúas familias
proceden de Francia.
O que si é certo é que os Romai estaban
emparentados cos Araújo, xa que D. Teodosio de Romai casou con dona María de
Araújo, o que da pé a pensar que dona Benita fose descendente dos Romai por vía
paterna e dos Araújo pola materna.
Seguindo as pegadas dos persoeiros habidos
pola bisbarra topeime co libro "Las
Hidalguías del Morrazo" de Rafael Rodríguez Férnandez-Broullón,
editado pola Excelentísima Deputación de Pontevedra no ano 2000, no cal fai un
estudo pormenorizado das pedras armeiras da península do Morrazo e a súa
reprodución.
Nas súas follas recolle aos Camaño, os
Castro, os Bermúdez, os Moscosos, os Prego de Montaos, os Vilarprego e os
Araújo entre outros, todos eles dun xeito ou outro vencellados no pasado ás
terras do actual Concello de Ordes.
Os Moscoso tiveron soar dende moi antigo en Cabeza
de Lobo (Ardemil). Nas súas armas levan unha cabeza de lobo sangrante, que máis
tarde formou parte das armas do Conde de Altamira.
Nun dos debuxos do libro vense nas labras dos
Araújo
as tres flores de lis (de goles), unha cruz llana (de azur) e un castelo
(terrasado de sinople).
As armas dos Araújo, coma tantas outras, ao
longo do tempo sufriron varios cambios e transformacións. Son moitas as variantes
existentes. Unha delas, que se atopa na catedral compostelá, e que mostra Miguel Taín
Guzmán no libro "Dibujos Históricos,
Epigráficos y Heráldicos del Archivo de la Catedral de Santiago",
editado pola Excelentísima Deputación da Coruña. Nel pode verse unha torre sumada
dun cabaleiro, sinistrada do falcón que sostén unha perdiz acompañada de tres
lises. Outras teñen o engadido dun sol e un crecente de lúa; pero en todos eles
levan a torre do castelo e as tres lises.
Segundo varios heraldistas as tres flores de
lis das armas dos Araújo fóronlles concedidas cando o conde Rodrigo Velloso
casou coa condesa de Alambert, de sangue real de Francia.
D. Diego Feijóo de Araújo, avogado da Real
Audiencia de Galicia en Santiago de Compostela, casado con dona Isabel de
Araújo i Marzoa (probablemente a súa curmá), tiveron entre outros fillos a dona
Francisca Feijóo de Araújo i Marzoa, que casou con don Pedro Prego de Montaos i
Sotomaior, dono da casa dos Cobres e do seu morgado en Vilaboa (Pontevedra).
Segundo o libro de Rodríguez Fernández-Broullón,
dona Francisca Feijóo de Araújo i Marzoa herdou da casa dos Araújo un morgado
que incluía posesións na Coruña, Santa Cristina de Montouto, Anceis, Val de
Barcia, Sigüeiro e San Xiau de Poulo.
Tamén di o libro de Rodríguez
Fernández-Broullón que, en 1625, don Antonio Villarprego era dono dun morgado
en Rodeira - San Salvador de Coia (Pontevedra), e tiña bens en San Martiño de
Marzoa, Santa Cruz de Montaos, Santa Aia de Pereira, Santa María de Deixebre e
San Estevo de Trasmonte.
Victorino Cores Liste
No hay comentarios:
Publicar un comentario