sábado, 9 de noviembre de 2019

Sangue en San Cosmade

  En 1930 houbo un bo número de liortas en Ordes. Algunhas chegaron á prensa e por iso temos información sobre elas.
  Por exemplo, en abril Lorenzo Garabato Fuentes, un mozo de 20 anos do lugar dos Ramos en Buscás, pelexou co seu veciño Jesús Ruibal García por cuestións amorosas. Este último acabou no hospital coa cabeza fendida dun estacazo.
  En maio, na feira de Ordes, Andrés Remuiñán Villaverde de Santa Cruz de Montaos e Manuel Rodríguez de Oroso tiveron máis que palabras con Pilar Martínez García da parroquia de Senra durante a transacción dunha vaca. O acalorado regateo acabou cunha labazada na cara e a conseguinte denuncia da muller por recibir lesións.
  En agosto José Fernández, un vendedor ambulante de Entrerríos foi atacado por dous ordenses, un de viril alcume (o Macho) e outro, un tal Vilariño.

  Pero a liorta máis numerosa e violenta chegou ao final do ano como o turrón "El Almendro" e os protagonistas foron, como non, varios mozos das parroquias de Ardemil e Leira que dirimiron as súas diferenzas, non só cos tradicionais paus e pedras senón tamén con fouces (unha arma realmente terrible que pode facer un considerable dano).
  O campo de batalla foi o muíño de San Cosmade na veciña parroquia das Encrobas (Cerceda) a noite do 29 ao 30 de decembro.
  O motivo foi o de sempre: unha agraciada moza que era pretendida por dous mozos á vez.
  Como era costume naqueles tempos, en vez de discutilo con calma ou polo menos pelexarse os dous sós, acudiron acompañados cada un dun séquito de amigos. Así, estaban no muíño Juan e Jesús Rivas Bestilleiro, Manuel García Gómez, Manuel Louro Louro, Jesús Muiño Barral e Ricardo Prego Candal (que saibamos).
  Cando rematou a batalla quedaron tres contendentes no chan: Manuel García Gómez cunha ferida na cabeza, Manuel Louro Louro con cortes en ambos os dous brazos e, finalmente, o de maior gravidade Juan Rivas Bestilleiro que resultou con fractura de frontal e o ollo esquerdo baleirado, polo que foi conducido con rapidez ao hospital de Santiago.
  Aínda que o prognóstico era moi grave, Juan Rivas, volveu confirmar unha vez máis a dureza das cabezas ordenses e curou en menos dun mes. Iso si, o ollo non llo devolveu ninguén.
  Foron detidos inmediatamente como promotores da pelexa Ricardo Prego* e Jesús Muiño. Cando se recuperou, tamén foi detido Manuel García Gómez, o principal promotor e autor da lesión de Juan Rivas.
  Ironicamente, este non era un dos dous pretendentes (Manuel García e Manuel Louro) senón o que se meteu no medio, cousa que, como todo o mundo debería saber, sempre, sempre, acaba mal.  

* Tres anos despois, en decembro de 1933, Ricardo Prego Candal morrería baleado por mozos de Leira na taberna de Viqueira no Mesón do Vento durante a feira da Adina.

No hay comentarios:

Publicar un comentario