Lorenzo Louro Raposo naceu en 1917 na Fraga,
parroquia de Ardemil, lugar ao que debe o seu alcume: Lourenzo da Fraga. Foi o sexto de
10 irmáns (4 homes e 6 mulleres), fillos do matrimonio formado por Lorenzo Louro Garaboa e María Raposo Campos (1882-1971).
Era unha familia con afección á Musica:
Manuel, o maior dos varóns, tocaba algo a gaita e Lourenzo aprendeu a tocar o
clarinete. En 1935, cando acababa de cumprir os 20 anos, comezaron a tocar
xuntos ata que marcharon para o servizo militar.
A Guerra Civil interrompeu a súa incipiente
carreira.
Cara a
1940 todos eles crean o grupo de música Os da Fraga. Manuel tocaba a gaita,
Lourenzo o clarinete, Ricardo o tambor, e Jesús o bombo.
Achegáronse á festa de Mercurín e puxéronse a
tocar. A xente quedou admirada da súa actuacción e iso foi o reinicio da súa
carreira, pero pronto apareceron novas dificultades: Manuel sufriu unha grave
enfermidade que lle impedía tocar. O grupo resolveu este tema botando man
dalgún substituto como José López Bao
(1927-2015), tamén de Ardemil, e Florentino Ruibal Flor
da Maquía, de Buscás.
A pesar da súa baixa estatura Lourenzo era
bastante arroutado. Daqueles tempos duros e de máxima rivalidade, Flor recordaba
que nunha festa de Poulo uns gaiteiros de Buscás, Os do
Xulio, puxéronse a tocar tamén por alí "pisándolles o terreo" e
Lourenzo fixo ademán de sacar unha pistola para dispararlles. Afortunadamente o
sangue non chegou ao río.
Arredor de 1945 Lourenzo formou parte doutro
grupo, Os
Gaiteiros de Buscás, xuntándose con Ramón
Fuentes Uzal Ramón
o Pelado tocando a caixa, Cesáreo Liñares Vilariño Cesáreo da Rúa
ao bombo e Manuel Viqueira, o
gaiteiro de Vilaverde (Ordes).
A súa carreira tivo un novo parón porque Lourenzo, desafecto ao réxime franquista, participou, xunto co seu irmán Jesús e outros veciños de Ardemil, nunha acción onde os guerrilleiros sabotearon varios postes
de luz no Canedo en abril de 1946. Isto supúxolles aos dous irmáns unha condena de 4 anos de cárcere.
Lourenzo era un formidable clarinetista
(segundo moitos o mellor da zona) e tamén tocaba ben a gaita, de maneira que
chegou a formar parte da banda de gaitas do Ballet Galego Rei de Viana. Os da Fraga
foron toda unha atracción na época. Arrasaban por onde pasaban sobre todo cando
o irmán pequeno, Jesús, baixaba do palco e se poñía a cantar pasodobles, coplas
ou tangos coas mozas ao redor del.
Precisamente Jesús (1922-2015) foi o máis
coñecido na vila porque rematou montando unha taberna na Rúa Reconciliación
preto do Banco de Santander e vivindo na Casa do Cubo en Buscás, parroquia onde
está soterrado.
Lourenzo
morreu o 29 de decembro de 1987 aos
70 anos de idade e está soterrado no cemiterio de Ardemil.
FONTE:
"Vilaverde" (Os Viqueiras)
De propina podedes oír unha peza musical que eles
tocaban premendo aquí: Folkoteca Galega.
No hay comentarios:
Publicar un comentario