martes, 10 de septiembre de 2019

A casa de Brandón

   A casa de Brandón está na vila de Ordes no solar que está lindando co DIA polo norte, pero apenas se ve, semioculta por un denso arboredo. Para falar dela, debemos retroceder no tempo unhas oito décadas.

  Hoxe custa imaxinalo pero a comezos do século XX Ordes era un destino de vacacións para numerosas familias distinguidas da Coruña e Santiago que buscaban fuxir do bulicio cidadán e respirar a paz campestre ou curar as súas doenzas pois, como naquel tempo era considerado lugar de montaña, o noso clima tiña reputación de moi "salutífero".
  Entre estes veraneantes había xente como o avogado santiagués residente en Madrid Joaquín Varela Tojo (propietario do pazo do Peñasco), a familia Nine ou o médico santiagués Marcial Carrero Ulloa (m.1912) e a súa muller Efigenia Cárdelo Vilarelle (m.1917) que tiñan unha casa en Alfonso Senra (onde despois estivo o Bar Azul), logo habitada polas súas fillas (María, Pepita e Consuelo), chamadas as Marcialas, das que se comentaba que eran familiares do almirante Carrero Blanco.

  Outro deses distinguidos veraneantes foi José María Méndez-Gil Brandón (1900-1963), avogado nado no Carballiño pero que viviu desde a infancia na Coruña. Foi un personaxe importante que chegou a ser deputado nas Cortes pola CEDA nas eleccións de 1933. Nos seus últimos anos (de 1959 a 1963) sería decano do Colexio de Avogados de Coruña.
  En 1928 casou con María Miranda González del Valle (m.1988), dunha familia aínda máis rica, propietaria de "Hilados y Tejidos de Vilasantar" unha fábrica fundada en Présaras en 1901 e que chegou a ter ata 300 obreiras. Con ela tivo tres fillas: Margarita, Mª Dolores e Elena.

  En plena Guerra Civil Brandón -como se lle chamaba en Ordes- decidiu construír unha casa de verán na vila e o terreo comproullo ao empresario de transporte Rogelio Prado que, á súa vez, llo comprara á familia Ferreiro. Rogelio tivo que ir facer a súa casa máis ao norte pero conseguiu a concesión da futura liña á estación da Pontraga.
  A casa é significativa porque, que saibamos, é a primeira construción de Ordes realizada en ladrillo e formigón, pois Brandón, que non se fiaba dos canteiros locais, trouxo aos obreiros desde a Coruña para construíla.
  Consta de dúas plantas e un tellado a 4 augas cuns beirados especialmente anchos. Tiña todas as comodidades das que se podían gozar na época. 


  Non obstante o muro que se ve desde a avenida Alfonso Senra foi erixido ao modo tradicional pola cuadrilla do meu bisavó Juan Ferreiro Franqueira, quen era o seu veciño do lado norte e que lle concedeu unha saída polo leste. As pedras foron traídas na camioneta de Pepe do Ferreiro desde a canteira que había na Chousa do Ferro (lugar que está preto da Chabola e ao oeste da Cruz Vermella).
  Todo isto completouse cun frondoso xardín cheo de árbores.

  A familia Méndez sempre veraneou en Ordes e as tres fillas alternaron durante os veráns cos mozos distinguidos da vila. Eran unhas das poucas que tiñan bicicletas naqueles tempos.
  Á morte de dona María en 1988, a filla mediana, Mª Dolores Méndez (casada co funcionario do Ministerio de Agricultura Federico Irazusta Apraiz), comprou as partes das súas irmás e reformou a vivenda por dentro. Namorada do lugar, seguiu veraneando nela ata a súa morte en xullo de 2019.
  Na actualidade a casa pertence á familia Méndez (si, co mesmo apelido!), os escaiolistas da Fonte Estrei.

2 comentarios:

  1. Gracias Juan José, a mi madre le hubiese gustado tu artículo, sólo una pequeña corrección, la abuela era Miranda Gonzalez del Valle, seguramente se deslizó García al redactarlo. Un abrazo fuerte a tu padre, muy buen amigo de mi madre, siempre recordaré con cariño sus largas charlas en la huerta, las puertas de la Casa de Brandón siempre estuvieron abiertas para él y era un motivo de alegría recibirlo.

    ResponderEliminar