A finais do ano 2004 houbo en Ordes un par de
roubos que chamaron bastante a atención e que se produciron con pouca diferenza
de tempo.
O segundo non foi nada fóra do normal, un
roubo nunha casa bastante illada cando non estaban os seus propietarios, feito
bastante habitual pero cun punto de interese: que a vítima foi o entón alcalde
Teodosio Martino.
Martino residía habitualmente nunha casa en
Gouzón (Leira) que está á beira da N-550 pero apenas é visible por estar nunha
pendente a menor altura ca estrada. Tampouco é moi visible desde a unha única
casa próxima (45 metros
ao sur) porque hai árbores entre elas. Unha situación ideal para o ladrón ou
ladróns que o 2 de decembro, entre as 8 da mañá e as 3 e media da tarde,
entraron por unha fiestra aproveitando a ausencia da familia. Despois de
revolvelo todo, levaron un considerable botín en xoias, obxectos persoais e
unha pequena cantidade de diñeiro que non chegou aos 100 euros.
O primeiro roubo, que foi en novembro pero que
se deu a coñecer case ao mesmo tempo que o sucedido na casa do alcalde, foi
moito máis interesante.
Os feitos ocorreron con gran limpeza a noite
do día 11 de novembro. O dono dunha empresa radicada no Campo da Feira
descubriu que faltaban da súa caixa 18.000 euros. Denunciou o roubo á Garda
Civil que comezou a investigación. Aparentemente foran auténticos profesionais
porque non había ningún rastro. Non se usaron ganzúas nin se practicou ningún
burato nin nada polo estilo.
Estaba claro que alguén se fixera cunha
chave. O delincuente debía ser algún dos empregados ou alguén moi próximo a el.
Aquí a investigación podía encallar porque normalmente o ladrón trata de pasar
desapercibido e non chamar a atención. É o que adoita facer calquera con dous
dedos de fronte (ou que tivese visto un pequeno número de películas de atracos
americanas)... pero non foi aquí o caso.
A nosa ladroa (porque ao final resultou que
era unha moza) bateu todas as marcas habidas e por haber de incompetencia.
Despois de cometer o roubo, apropiándose das chaves do seu marido, do que por
certo estaba en trámites de separación, en lugar de tentar pasar desapercibida
púxose a gastar o diñeiro alegremente... xa ao día seguinte!
Apareceu nun concesionario e pagou ao contado dunha
tacada 13.500 euros por un flamante coche, coche que xa tentara comprar o 3 de
novembro pero non puidera porque o banco negouse en redondo a concederlle un
préstamo.
Por se a compra do coche non bastaba,
gastouse 250 euros nun teléfono móbil dos punteiros na época e outro bo pico en
renovar o vestiario.
Loxicamente con todas esas facilidades á
Garda Civil non lle custou demasiado atrapala acabando así con esa espiral de
gastos e de despropósitos.
Desta segunda historia podemos sacar unha ensinanza: Non roubes pero se o fas, marcha inmediatamente co diñeiro a outro país (a Suíza preferiblemente) e non te quedes gastándoo a mans cheas na túa propia vila.
No hay comentarios:
Publicar un comentario