sábado, 5 de octubre de 2019

Os Mosqueiras da Costa


  Outra das ricas familias campesiñas de Ordes foron os Mosqueiras da Costa de Poulo que habitaron unha casa a uns 200 metros ao noroeste da igrexa do Outeiro. Alí viviu a finais do século XIX o patriarca Andrés Mosquera Uzal que, como era o costume da época, casou con moza de casa tamén rica, Manuela Bello Suárez, dos Bello de Pereira. Con ela tivo 5 fillos: Carmen, José, Josefa, Manuela e Francisca Mosquera Bello.

  O fillo varón, José Mosquera Bello (1892-1967), foi o herdeiro da casa paterna. Casou con Mª Josefa Veiras Bello (curmá súa por parte materna) dos Veiras de Pardiñas coa que tivo sete fillos: Andrés, José, Jesús, Manuela, Manuel, Antonio e Mª Carmen.
  Andrés e José, os dous maiores, morreron solteiros sen marchar da casa familiar. Jesús, que casou con Cándida Cancelada, estableceuse no Castro de Trasmonte (Oroso) e Antonio en Pereira porque tamén casou cunha Bello. Manuel, alcumado o Estudiante, acabou por instalarse e vivir na Coruña e o seu fillo Manuel, enxeñeiro técnico agrícola, é quen coida agora da casa familiar.
  En canto ás fillas, Manuela casou con Aparicio de Frades (outro gran propietario) con quen só tivo unha filla, Pilar, moi coñecida en todo o concello por un suceso que lle ocorreu ao seu ex-marido e do que non darei máis detalles. Carmen, a menor, casou en Souto (parroquia de Beán) onde tivo tres fillos con José Patiño.

 
A irmá maior, Carmen Mosquera Bello (1888-1956) casou tamén cun mozo de Pardiñas, localidade que apenas dista quilómetro e medio da Costa. 
  Este mozo foi Andrés Veiras Cancelada, que a pesar de levar o apelido Veiras non tiña relación de parentesco*, polo menos próximo, coa súa cuñada. Esta familia con casa en Pardiñas Nº 4 e que tamén foron sete irmáns, eran coñecidos como os de Andrés ou Chuzos.
 
 
Na casa familiar quedaron José, casado coa súa curmá Jesusa Astray (filla da súa tía Josefa), e Ángel (1930-1987) que nos anos 50 emigrou a Brasil pero volveu e morreu solteiro. O resto dos irmáns espalláronse por distintos lugares da comarca, agás Andrés (n.1923) que tamén emigrou a Brasil e alí quedou. A máis coñecida en Ordes foi a irmá menor Josefa (1932-2015) que casou con Barreiro da Maquía co que tivo dous fillos, Maribel e José Manuel Barreiro (tamén moi coñecido por ter traballado na discoteca "Bariloche" e ser cerralleiro na actualidade).

  As outras tres irmáns casaron máis lonxe: Francisca fíxoo co seu homónimo Francisco Mosquera, dos Mosqueiras de Vilaverde, Josefa con Melchor Astray de Abellá (Frades) e Manuela con Manuel Rodríguez Ponte de Fondo de Vila, tamén en Frades.
 
 
  Houbo outros Mosquera Veiras, polo menos un, José (1889-1972), que casou con Josefa Gómez Candal (1887-1978).
  Tamén houbo outros Veiras Mosquera (Antonio, Maria, Josefa, Manuel, Carmen, José e outra Carmen), primos dos Chuzos, que eran fillos de Antonio Veiras Camba (1845-1930) -este si dos Veiras de Pardiñas- e de María Mosquera Uzal (m.1925), irmá de Andrés. José Veiras Mosquera (1880-1955) e Ramona Botana Castro (1876-1952) foron os pais de Manuel, María e Avelino Veiras Botana. Manuel (1914-1976), casado con María Veiras Veiras, foi o pai de Concepción Veiras, esposa de Pepe de Casabella. É dicir: son a familia propietaria da casa rural "Antón Veiras".
 
* Andrés era fillo de Benito Veiras Viqueira e Teresa Cancelada Castro, neto de Agustín Veiras Louro e Teresa Viqueira Botana, e bisneto de Benito Veiras e Andrea Louro.
FONTES: Julio Lino Mosquera e F.J. Baleato Veiras.

No hay comentarios:

Publicar un comentario