Manuel Viqueira, coñecido na súa xuventude
como Manolo
da Farruca (pola súa avoa Francisca) e logo como o Gaiteiro de
Vilaverde, naceu en Vilaverde
(Ordes) o 7 de setembro de 1929.
A súa nai era Estrella Viqueira, que tivo
catro fillos de solteira (Benito, José, Manuel e Francisco). Manuel
foi o terceiro e o único con afeccións musicais.
Aos oito anos xa comezou a fabricar gaitas de
alcacén e practicaba no monte cando ía coas vacas para disgusto dunha veciña
que tiña que soportar os longos ensaios de Manuel. Aos 10 anos mercoulle a
Ricardo de García do Alto a súa primeira gaita coa que fixo saídas polo Nadal
acompañado de cantores de panxoliñas, entre eles Che de Lucas (o seu medio irmán), Che de Gorecho, José García ou García de Loureda.
Neses comezos Manuel fixo parella co seu
veciño José Villaverde Veiras, Cheíño de Ghorecho, que tocaba o clarinete. Tocaron
nos entroidos, nas cacharelas de San Xoán e tamén polo San Xosé.
En 1943
Andrés de Pardiñas, o gaiteiro do grupo "Os gaiteiros do Xulio" tivo que marchar
para o servizo militar e Manuel, entón con 14 anos, foi o seu substituto.
Nos dous anos que tocou con eles comproulle a segunda gaita por 24 pesos ao
artesán de Santiago Basilio Carril.
Para ir ensaiar Manuel percorría uns sete
quilómetros de ida e outros tantos de volta, pero isto quedaba curto coas andainas
que se pegaban cando ían tocar, ás veces 30 ou 40 quilómetros para chegar ás
festas nas que os contrataban. Despois da camiñata tiñan que tocar todo o día
e, moitas veces, ata ben entrada a noite. Unha vez rematado o baile, debían
volver camiñando. Posto que os membros do grupo moraban en aldeas diferentes,
parte do camiño tíñano que facer sós.
Para escorrentar o medo (e deixar clara a súa identidade porque eran tempos de Foucellas) Manuel tocaba a súa gaita todo o camiño ata a mesma porta da súa casa. Atrás deixaba un nocturno rastro de música que moitos dos veciños das aldeas que ía atravesando normalmente agradecían. Este costume desapareceu nos anos cincuenta cando as bicicletas chegaron a Ordes. Alugaba unha na tenda de Angelito de Monteiro que estaba a carón do Chocolateiro e empregábaa para ir e volver ás festas. Os veciños comentáronlle o feito de que xa non o oían tocar polas noites, pero claro, era imposible tocar e guiar a bici ao mesmo tempo.
Para escorrentar o medo (e deixar clara a súa identidade porque eran tempos de Foucellas) Manuel tocaba a súa gaita todo o camiño ata a mesma porta da súa casa. Atrás deixaba un nocturno rastro de música que moitos dos veciños das aldeas que ía atravesando normalmente agradecían. Este costume desapareceu nos anos cincuenta cando as bicicletas chegaron a Ordes. Alugaba unha na tenda de Angelito de Monteiro que estaba a carón do Chocolateiro e empregábaa para ir e volver ás festas. Os veciños comentáronlle o feito de que xa non o oían tocar polas noites, pero claro, era imposible tocar e guiar a bici ao mesmo tempo.
En 1945,
cando tiña 16 anos, o clarinetista Domingo
Calviño chamouno para o seu grupo
"Os de Buscás"
xunto co caixeiro Andrés do Creto e un rapaz de Pardiñas que tocaba o bombo.
En 1950
Manuel casou con Carmen Noya
Villaverde (1929-2018), naquel momento criada na farmacia de abaixo, coa
que tería catro fillos, e debeu marchar para facer o servicio militar, deixando
o grupo de funcionar. Só coa volta de Manuel, en outubro de 1952, volveron a
actuar "Os de Buscás",
manténdose en activo durante uns anos. Nesta época Manuel establécese en Gosende, aldea que motivaría o alcume do seu fillo maior.
No 1949, polo San Isidro, Vicente da Sindical
organizou un concurso de gaiteiros. Manuel dubidou en participar pois estaba de
loito pola recente morte da súa avoa, pero ao final fíxoo e acadou o 2º premio.
En 1955, cando contaba 26 anos, xuntouse con Lourenzo
Louro, que xa era clarinetista dun famoso cuarteto denominado "Os da Fraga" composto
por el e tres irmáns seus: Manuel (gaita), Jesús (bombo e canto) e Ricardo
(tambor). Lourenzo e Manuel xunto con Ramón Fuentes Uzal o Pelado
(caixa) e Cesáreo Liñares Vilariño (bombo) actuaron por toda a redonda sendo un grupo de moita
sona.
Nos anos 60 a música popular xa non daba para vivir e Manuel
marchou para Ordes (viviu na Fonteseca) onde fundou a súa propia empresa de
construción o que lle obrigou a deixar de tocar. Gran parte dos edificios da
entón Calle General Mola (hoxe Rúa
Galicia) foron levantados por el, incluído un do que foi propietario e onde
viviu.
Foi unha etapa de prosperidade económica que
rematou cando, construíndo un edificio fronte á igrexa parroquial, caeu un muro
da casa adxacente, a da familia Amor. Isto levouno a un preito que perdeu e o
arruinou completamente. O matrimonio tivo que ir vivir ao Recreo a un piso que
estaba a nome da súa filla e posteriormente a unha pequena casa en Guindiboo de
Arriba.
Manuel e Carmen tiveron catro fillos: Manuel,
Francisco (1957-2022), Elvira e Fernado. A todos eles procurou inculcarlles o amor pola
música tradicional e todos foron compoñentes, entre os anos 1970 e 1980, da
agrupación folclórica "Sementes do Arte"
de Ordes.
Nesta época os seus fillos encargáronlle unha
gaita ao famoso artesán López Bao e agasallaron con ela ao seu pai no
día do seu santo. Con ela tocou ata os anos oitenta canto a trocou por outra do
mesmo artesán.
No 1990
formou co seu fillo maior, Manolo Viqueira Ghosende,
tamén gaiteiro, o grupo "Os Viqueiras" co
que seguiu tocando nas festas do concello e co que creou en xuño de 2008 as
"Noites de Tasca". A Manolo correspóndelle o mérito de ter animado ao
seu pai a seguir tocando nos últimos anos.
Morreu o 10 de febreiro de 2015 aos 85 anos de idade.
Manuel Viqueira está considerado como un dos
mellores gaiteiros da comarca. Músico autodidacta, era un dos poucos que conservaba a dixitación antiga propia da zona e unha maneira de tocar pechada, complexa e ornamentada, moi particular, desde a súa infancia.
FONTE principal: Texto da edición discográfica «Manuel
Viqueira» da colección «Os nosos gaiteiros» e "Vilaverde" (Os Viqueiras).
Houbo
outros membros da mesma familia que se chamaban igual:
Manuel
Viqueira Vieites (1912-1977) era fillo de Farruca e por tanto tío do músico. Casado con Josefa Campos Souto (1912-2003), viviron en
Guindibóo e foron pais de 8 fillos -os Viqueira Campos ou Sabelos-.
Manuel
Viqueira Vieites (1942-2020) Manolo de Pura -Pura era outra filla de
Farruca que viviu en Penelas-. Foi empresario da construción e casou con Manuela Campos Boquete
(1946-2021). Tamén tiveron 8 fillos (2 xa falecidos) -os Viqueira Campos ou Puros-.
|
No hay comentarios:
Publicar un comentario