sábado, 11 de noviembre de 2017

A familia Prado Carnota

  Os Prado-Carnota, familia moi relacionada co mundo do motor (moitos varóns traballaron de condutores de camión ou autobús), proceden do veciño concello de Frades, concretamente da parroquia de Santaia de Moar. Alí casaron no século XIX José Prado e Juana Carnota que tiveron 7 fillos. Dous deles, Ramón e Rogelio, instaláronse en Ordes e foron prósperos empresarios na 1ª metade do século XX.

  Ramón Prado Carnota (1900-1956), chamado Ramón da Ponte porque a súa 1ª casa no Recreo estaba a carón da ponte, casou cunha moza de Aiazo (Frades), Encarnación Meijide López (1901-1991), filla de José Meijide e Canuta López. O matrimonio acabou instalándose no que hoxe é Recreo 40 onde estableceron unha tenda, mestura de colmado, ferraxería, mercería, fonda, etc. Tamén unha liña de autobuses en Carral lles pertencía. Tiveron 4 fillos.
Plácida (1921-2016 Coruña), a maior, casou con Ramón da Fábrica e marcharon á Coruña. Tiveron dous fillos: Domingo e Mª de la Fe.
Ramón (1922-1971) casou con Mercedes Pardo (1931-1972). Era camioneiro e morreu nun choque con outro camión preto de Carballo. Deixou 3 fillos.
Ángel Nonito tivo 4 fillos do seu matrimonio con Nieves Franqueira da Castiñeira (1931-2019) e logo emigrou a Guatemala. Os 2 fillos varóns, moi parecidos fisicamente, xogaron na súa xuventude na SD Órdenes. Ramón morreu moi novo en 1984, pero xa cun fillo de igual nome ca el.
Luisa (1935-2023), a filla menor, casou con Toñito do Cotovío (1934-2014) da outra familia da vila con negocio de autobuses. Ela foi a que seguiu na casa familiar e a gran dinamizadora do negocio que incluíu salón de baile, papelería, tenda de modas... Tivo 6 fillos pero 3 deles morreron sendo moi nenos (Luisa Fernanda, Francisco Javier e Ángeles). A 6ª e máis nova, Brígida "Bris", faleceu en 2012. Quedan o maior, Toñito (da notaría), e Gonzalo.


  Rogelio Prado Carnota (1902-1966) casou con Dolores Iglesias Ferrer (1904-1952). Instalouse nas aforas do pobo (hoxe Alfonso Senra 7) e fundou a coñecida compañía de autobuses "Rogelio". Morreu precisamente nun accidente de autobús. Tivo 7 fillos: Ovidio, Dosinda, Encarnación, José, Dolores, Rogelio e José Antonio.
Dosinda e Dolores Lola (1932- 2016) emigraron a Uruguay. Dosinda quedou alí pero Dolores volveu casada co carpinteiro José Fontán Fariñas (1934-2021) e viviron en Alfonso Senra 37 onde durante un tempo ela tivo unha peluquería. A súa filla, Esther Fontán, chegou a ser concelleira de Santiago nos anos 90 polo PSOE.
Encarnación (1930-2017) non casou e foi quen levou a casa familiar desde a morte da súa nai. O seu fillo, Carlos, foi camioneiro.
Ovidio (1927-2005), o maior, casou con Rosa, a filla do Chocolateiro, e traballou no coñecido negocio do sogro e rexentando o "Oriental Cinema" pero non abandonou de todo o mundo do motor, vendendo repostos e reparando tractores. Tiveron dous fillos: Mª Teresa e Francisco Prado Vilar, prestixioso profesor de Historia da Arte.
José Pepe (1930-2003) casado con Carmen Vaamonde (1932-1989) viviu no Recreo 74 e, como non, tamén foi camioneiro. Tiveron 5 fillos.
Rogelio Xelo (1933-1979), que era o condutor da liña da Pontraga, morreu moi novo.
Finalmente José Antonio Tonecho -e na súa xuventude Hoss-,o fillo máis novo con gran diferenza de anos cos demais, foi o que herdou a casa e o negocio familiar. Casou cunha das fillas do Vinculeiro de Aiazo (Frades), Esther López Botana, que codirixe a empresa. Os seus fillos, Manuel e María, traballan nela mentres a filla mediana, Yolanda, vive en Gran Canaria. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario