A capela de Lourdes foi a igrexa parroquial
de Ordes ata o século XIX. Logo de ser substituída comezou un lento deterioro
que rematou coa súa desaparición.
Cando se construíu?
Supoñemos que no século XII ou XIII foi edificado
un pequeno templo no camiño que ía de Poulo ao Casal, que se convertería na
primeira igrexa parroquial de Ordes. Quizais xa había algunha casa pero
probablemente iríanse construíndo outras á beira e serían o xerme da actual
vila.
Sabemos que a principios do século XVIII (ano
1725) o núcleo da aldea estaba formado pola igrexa, a reitoral e as casas de
Xan Ferreiro e Vieites. Unha fonte a carón da corredoira vella daba servizo aos
veciños.
Onde estaba?
Como podedes ver nas fotos (nunha distínguese
a vella reitoral que aínda existe), estaba a carón da rúa Alfonso Senra entre
as dúas entradas á Rúa da Fonte.
Como era?
Tiña unha nave de planta rectangular e unha
pequena ábsida. Na fachada (que como na maioría das igrexas daba ao oeste)
estaba a porta principal enmarcada nun arco de pedras de cantería. Sobre o arco
había unha xanela cega que acubillaba unha imaxe moi erosionada. Na cara sur
había outra porta (que era a que se empregaba habitualmente) e unha xanela que
lle daba luz á ábsida. A cornixa sobre a que repousaba o tellado estaba suxeita
por unha ducia de canzorros a cada lado.
O campanario estaba na cara leste.
Probablemente non era o orixinal, senón que se fixo despois de 1764 (cando
comezou a construción do "Camiño Novo", actual N-550) co fin de encarar
a Igrexa coa entón denominada "Calle
Real".
Cando pasou a ser Capela
de Lourdes?
A finais do
século XIX.
Coa construción do Novo Camiño Real a partir de 1764 a vila de Ordes foi
medrando pouco a pouco, crecemento que se reforzou cando foi nomeada cabeza do
seu propio partido xudicial. En 1852 o párroco don Manuel Bérmudez informa ao Arcebispado de Santiago do mal estado e
das reducidas dimensións da igrexa. Solicita que se constrúa unha nova e comunica
que os fregueses comprométense a colabarar transportando pedra e barro. As
obras son aprobadas, inícianse en 1864
e rematan en 1879, ano en que é
aberta ao público a actual igrexa de Santa María.
A partir deste momento o vello templo
medieval pasa a ser Capela de Lourdes e esta virxe a patroa do barrio do
Recreo.
Varias
imaxes (os retablos da Virxe do Rosario e da Virxe do Carme e as figuras de San
Xoán, San Isidro e San Roque) foron trasladadas ao novo templo. Posiblemente
tamén a pía bautismal e algún confesionario.
Cando desapareceu?
Desde principios do século XX comezou un
lento pero imparable proceso de deterioro. Uxío
Carré Aldao na "Geografía
General del Reino de Galicia" di: «En
Órdenes hay dos iglesias, la primitiva, en mal estado [...] conserva tan solo
de la obra románica los hastiales y algunos canecillos». Algunhas familias adiñeiradas como os Valdés e os Liste movéronse
para intentar unha restauración pero sen resultados.
A chegada a Ordes en 1956 do párroco don José Fernández Fuentes é o principio do fin. Decide ampliar a igrexa parroquial
e, para sufragar os gastos, vende o terreo da capela e do cemiterio. Aquí chega
o seu punto e final preto de 1960.
Dos restos da capela aproveitáronse para a
actual igrexa varias pedras de cantería, o arco da pedra principal que agora
enmarca a porta do baptisterio (á esquerda do vestíbulo) e cinco canzorros que
se colocaron para adornar dito vestíbulo.
O resto desapareceu: imaxes e madeira en mal
estado queimáronse, a figura da fachada estivo tirada e rematou de rebo para
facer un recheo e a terra do cemiterio mesturada cos ósos dos defuntos foi
parar á leira do igrexario e á beira da fonte.
Foi un caso único?
Tristemente non. Outros templos da comarca
desapareceron por diversas causas. Por exemplo, a vella igrexa parroquial de
Deixebre (a carón do Camiño Inglés) foi trasladada aos Carballos. No noso
concello, na parroquia de Ardemil, había no século XVIII dúas capelas (unha
onde se cruza o Camiño Inglés coa estrada a Buscás, da que non quedan restos, e
outra, preto da Edra no lugar chamado a Capela, que pertence agora a un
particular).
Pero o caso da Capela de Lourdes pola súa
situación e proximidade no tempo é o máis indignante e aflitivo, pois a súa destrución
foi o maior atentado ao patrimonio artístico sufrido ao longo da historia en
Ordes.
FONTE: "Obradoiro da Historia" 2002
No hay comentarios:
Publicar un comentario