Domingo Calviño Viqueira naceu na parroquia
de Buscás o 21 de xuño de 1920*.
Sempre lle gustou a música e aprendeu a tocar a gaita moi novo.
Decidiu que esa sería a súa profesión. Como
dicía cando xa era vello: "O gaiteiro saía de casa pola mañá con dous
reais e á noite volvía con dúas pesetas porque todo o mundo trataba de pagarlle
na man". Así que con apenas 13 anos botouse aos camiños a tocar.
En 1940,
xuntou a tres nenos de Buscás amigos seus e comezaron a ensaiar de forma
compulsiva. Dous anos despois, nas festas de Ordes de 1942, cando tiña 22 anos, debutou o grupo que naquel momento non tiña nome (a xente chamáballe
simplemente "os de Calviño" ou "os gaiteiros de Buscás")
pero anos despois sería coñecido como "Airiños de Buscás".
Xunto cos irmáns Ruibal Rivas, aínda adolescentes
(Florentino Flor da Maquía, o gaiteiro, tiña
uns 13 anos e José María, que tocaba
a caixa, un menos), acompañados ao bombo por Cesáreo Liñares Cesáreo da Rúa que tiña 15, Calviño, que tocaba
o clarinete, era o líder natural por esa diferenza de idade.
O grupo funcionou uns 10 anos de forma
habitual e logo outros 10 de maneira moi intermitente, ata 1962 en que se disolveron. Pero ese tempo bastou para deixar unha
fonda pegada nos que os oíron.
Eran unha tremenda atracción porque xuntaban
alto nivel musical con presenza e carisma. Sobre todo Calviño e Flor eran
apostos e falangueiros e tiñan moitas seguidoras. Tamén eran moi eclécticos e apostaban
pola variedade, tocaban tangos, rumbas, pasodobles... calquera estilo que
estivese de moda para competir coas primeiras orquestras e as bandas máis
tradicionais. De feito Flor da Maquía contaba que a banda da Garabanxa tíñalles
bastante xenreira porque eran máis exitosos facendo bailar á xente ca eles.
Casou con Visitación Mosquera Botana (1923-2019) coa que viviu preto da Rúa de Buscás (na
Calzada) e coa que tivo 4 fillos: José Mª, Manuel Domingo, Mª Mercedes e
Antonio. Os dous primeiros saíron algunha vez a tocar con el.
Nos anos
90 coa revitalización da música tradicional, á que tanto axudou "Luar" da TVG, Calviño volveu
á música. Acudiu moitas veces ao programa, levando a outros músicos e bailaríns
da zona e demostrando que era un auténtico home-espectáculo, gañándose ao
público coa súa simpatía. Nesta época atopou unha nova paixón: deseñar e
construir estrambóticos instrumentos de nomes tan sonoros como Peño, Lorgo,
Mileno ou Tocador nos que investía centos de horas.
O seu último grupo con Manuel Viqueira,
Germán Canedo e Jesús Castro chamábase "Calviño y sus muchachos". No seu
80º aniversario, no ano 2000, recordaba con agarimo aos 18 compañeiros cos que
tocara ao longo da súa carreira, entre eles dous fillos e un irmán.
Flor da Maquía
Eduardo Veiras
Andrés
Abruñeiras
Manuel Carnota
Jesús Fuentes
Manuel Viqueira
|
José Mª Ruibal
Ramón Rey
José Calviño
Mosquera
Manuel Calviño
Viqueira
Antonio Calviño
Germán Canedo
|
Cesáreo Liñares
Ramón Fuentes
Manuel Calviño Mosquera
Manuel Vilariño
Manuel Rey
Jesús Castro
|
Agobiado por unha
cruel enfermidade puxo fin á súa vida o 22 de agosto de 2004. Na súa tumba un sencillo epitafio: "gaita 1933" (o
ano en que comezou a saír polos camiños a tocar).
Como extra, unha peza
de música da zona que Domingo interpretou moitas veces e axudou a preservar do
esquecemento. Para oíla preme aquí.
* Segundo outras fontes, naceu en 1921.
No hay comentarios:
Publicar un comentario