sábado, 27 de julio de 2024

Brincadeira


  Dentro da política de grandes eventos e custosas obras que iniciou durante o seu primeiro mandato o alcalde Manuel Regos Boquete, líder de UxO, tivo un lugar destacado o festival Brincadeira.
 
 
  Organizado pola firma Iceberg Audiovisual o primeiro Brincadeira en Ordes foi o sábado 25 de agosto de 2007 para aproveitar o tirón da Movida. A intención era crear un espectáculo gratuíto que tivera continuidade en Ordes e que se convertese nunha das principais referencias do panorama musical galego.
  As actuacións dos grupos foron presentadas por Mofa e Befa na zona do campo de fútbol e ademais houbo unha mostra de artesanía  e exhibicións de graffitis nunha carpa.
 
  O ano 2008 o festival xa durou dous días (venres 8 e sábado 9 de agosto) sendo os concertos no campo da feira. O grupo máis popular era o madrileño Amparanoia na súa xira de despedida antes de que Amparo Sánchez voase pola súa conta. Felipe González, responsable de Iceberg Audiovisuais, promocionaba o evento dicindo que «é un festival a nivel nacional con grupos moi importantes para un concerto de entrada gratuíta». As actividades paralelas foron un festival de videoclips, un concurso de arte na rúa, outro do videoxogo da Play Station Guitar Hero e unha exposición de grafitis, tatuaxes, deseño e moda. Habilitouse para acampar a zona do centro de saúde. O éxito foi considerable e Ordes quedou literalmente tomado ao asalto polos 7.000 asistentes diarios.
 
  O ano 2009 (no que viña de ter lugar a descomunal Gala Panorama contra o Cancro) celebrouse  os días venres 7 e sábado 8 de agosto. O venres uns 10.000 mozos acudiron a ver principalmente ao grupo valenciano La Pulquería. Pero o prato forte era o sábado a denominada «superfesta hortera» onde se invitaba ao público a acudir disfrazado para bailar ao ritmo do vello grupo Boney M. Volveu a haber carpa con capacidade para 15.000 persoas e lugar para acampar e, entre as actividades paralelas, un certame de arte urbana, unha mostra de novas tendencias e un concurso de fotografía. O éxito foi total e entre os dous días calculouse unha afluencia de 25.000 persoas.
 
  O ano 2010 Brincadeira empezou o venres 6 agosto con 10.000 persoas escoitando o último disco de Siniestro Total. A festa hortera do sábado 7 onde o público foi disfrazado para intentar gañar un premio contaba coa Orquesta Mondragón, a mítica banda capitaneada por Javier Gurruchaga, presentando o seu último disco "El Maquinista de la General". Pero tamén estaban outros grupos e como broche final o indescritible Chimo Bayo. Novamente unhas 25.000 persoas asistiron ao evento.
 
 
  O ano 2011 o festival botou a casa pola fiestra e durou tres días, desde o xoves 11 ao sábado 13 de agosto, con tres escenarios para albergar aos case 40 grupos que xirarían como satélites diante do cegador brillo de Europe na súa primeira actuación en Galicia, presentando o seu último disco "Last Look at Even". Tamén houbo disc jockeys e diferentes concursos. Pero nesta ocasión o evento deixou de ser gratis: había que pagar 25 € polos tres días.
  Naquel momento Brincadeira estaba catalogado como un dos 18 festivais máis importantes de España.
  Hoxe é inevitable recordar con nostalxia aquela xornada do 13 de agosto de 2011 cando despois de medianoite aparecía a melena dourada de Joey Tempest berrando «Boas noites, Galicia» diante dun público entregado e dunha boneca inchable que percorría os ombreiros das primeiras filas. Ninguén o sabía pero aquela especie de Woodstock galego que desafiaba aos tempos de crise estaba dando o seu último alento.

 

  O concello viu que non saían as contas. Nesa edición perderon preto de 200.000 euros e, a pesar da propaganda que xeraba para Ordes, non podía asumir tanto gasto. No ano 2012 Felipe González e Julio Negueruela de Iceberg Audiovisual levaron o festival a Cambre. Alí as cousas tampouco foron ben e o concello perdeu uns 100.000 euros, así que os empresarios decidiron volver a Ordes no ano 2013.
  Esta vez o festival tería lugar na antiga estación da Pontraga na Parroquia de Parada do 9 ao 11 de agosto. Alí tiñan pensado crear unha "vila pantasma" que durante tres día acollería 40 grupos en tres escenarios coa xente disfrazada como se fose Halloween. As entradas vendíanse a 15 € e estimaban contar con 5.000 asistentes diarios, pero... as previsións non se cumpriron e só 4 días antes o festival foi cancelado, deixando, iso si, un bonito cartel publicitario de recordo.
 

martes, 23 de julio de 2024

O Castro de Nouche


  Está localizado no nordeste da parroquia de Beán, ao sur de Nouche. Concretamente o seu centro está a uns 300 metros ao sur das casas máis orientais de Nouche, lugar denominado o Areal.
  É un recinto bastante grande duns 125 metros de norte a sur e sobre 110 de oeste a leste. A súa superficie debe estar entre as 75 e as 80 áreas (ou 12 ferrados para os máis enxebres).
  Está protexido por un parapeto que alcanza unha altura de 5-6 metros nos sectores oeste, sur e leste. No norte en cambio é menos evidente. Na zona suroeste hai unha entrada ao interior do castro, que ao revés doutros da zona está limpo de árbores e ten un uso agrícola (cereais ou prado). O parapeto en cambio ten un denso arboredo de frondosas.
  Rodeando todo o recinto excavouse un foso e levantouse un contrafoso especialmente notable na parte sur.
  Ao estar totalmente rodeado de árbores é imposible divisalo desde o exterior pero en cambio é de fácil acceso porque hai un camiño desde a estrada ata a súa zona suroeste.
 

sábado, 20 de julio de 2024

Festas en 1956


  As festas patronais de 1956 foron moi parecidas ás de anos anteriores. Duraron 4 días e contaron coa habitual participación da Banda de Música de Arca (xa tocaran en 1951, 1954 e 1955) e da Orquesta Oriente da Coruña na que chegara a cantar o gran Pucho Boedo. O xornal La Noche dedicoulles un especial de tres páxinas, onde ademais do programa e moitos anuncios había os típicos e variados artigos. Un deles trataba sobre o club de fútbol, a maior ilusión naqueles tempos, que viña de lograr aquel ano o ascenso a 3ª División, outro sobre a historia da vila e o inexplicable illamento do ferrocarril e outro sobre a posibilidade de instalar un parador de turismo. Non faltaba o poema de Manuel Astray e unha nostálxica reflexión sobre as festas de Leandro del Río.
 
  [...] Mucho antes de mediados de agosto, estos días -concretamente el 15 de este mes- es todo una referencia. Es plazo para, antes o después, hacer algo; es fecha de esperanza, en la que quedarán convertidas en realidad unas ilusiones, o aplazadas por un año más, si en la euforia "fiestera" acepta la joven al galán que la corteja, cuando no es ella la que espera impaciente el juramento de una promesa de aquel. Y es época de recuerdos de tiempos mejores, que entre el estampido de los cohetes y las alegres notas de la música brotan del corazón a la mente, hasta revivirlos otra vez aunque suene a paradoja en alegre nostalgia. No olvidemos que si se vive de ilusiones, también los recuerdos sostienen la existencia.
  Y llega el día ansiado. ¿Para qué describirlo? Bien fácil es imaginárselo: sana alegría por doquier, caras amigas que vuelven y nuevas que volverán. Festejantes convocándose entre si, en fraterna camaradería y obsequiando a sus invitados, sus "festeiros" como aquí se les llama, con amable y hospitalario acogimiento.
  Así hasta el último día. Sin cansancio de ninguna clase. Con pena, si, de ver como se acaba "la fiesta"; pero con paz en el alma, para reanudar la vida de trabajo. Y en la conjunción de estos elementos -extraños hoy en el mundo- encuentra esta villa, de suaves paisajes en la montaña gallega, la razón de su alegría y su regreso.
 
  O martes 14 ás 12 da mañá as festas deron inicio oficialmente con repenique de campás e salvas de bombas, mentres gaiteiros, xigantes e cabezudos percorrían as rúas. Ás 6 da tarde fixo a súa entrada na vila a Banda de Arca con alegres pasarrúas. Ás 10 da noite na Alameda comezou a verbena. Ao remate bombas e elevación de globos.
  O mércores 15, día grande, ás 8 da mañá unha salva de bombas espertou aos ordenses. A banda de Arca percorreu as rúas tocando alegres dianas e alboradas. Logo os gaiteiros acompañaron aos xigantes e cabezudos polas rúas. Ás 12 tivo lugar a misa solemne. Á unha da tarde tivo lugar  na Alameda o concerto da banda alternando coa Orquesta Oriente.
  Ás cinco e media da tarde celebrouse (igual que o ano anterior) un partido de fútbol entre o Deportivo e o Órdenes. Logo festa vespertina coa banda e a orquestra. Despois de parar para cear, ás 11 da noite houbo verbena. A iluminación da Alameda ese ano foi obra de novo dos industriais García y Blanco de Padrón. Ás 12 da noite houbo a habitual sesión de pirotecnia a cargo dos irmáns Rocha de Oza dos Ríos.
  O xoves 16, día de San Roque, ás 9 saíu a banda. Tamén ás 12 volveu a ser a misa esta vez na honra de San Roque. Á unha da tarde música na Alameda. Pola tarde partido de fútbol entre o San Tirso (campión das Mariñas) e o Ordes disputándo se un trofeo doado pola compañía de seguros "Ahorro y capitalización SA". Ás 8  e ás 11 repetiuse o baile. Ás 12 da noite houbo de novo sesión de fogos artificiais.
  O venres 17 saíu a banda pola mañá e houbo sesión vermú á unha. Ás 7 e ás 11 novamente baile. E, como non, o remate sería con fogos artificiais, bombas e elevación de globos.

miércoles, 17 de julio de 2024

Os Carballidos de Poulo

   Ademais dos Carballidos do Piñeiro hai outros Carballidos procedentes do Outeiro na parroquia de Poulo, que teñen parentesco cos primeiros.
  Pero a orixe aínda está máis lonxe, na parroquia de Parada, onde viviron no século XIX Francisco Carballido Prego e a súa muller Manuela Noya  Botana. Tiveron 3 fillos: Manuel, María e Jesús. O que nos interesa é este, Jesús Carballido Noya (1884-1955) que casou con Josefa Varela Fernández (1888-1984), nacida no Bidueiro e filla de Salvador Varela Carballido e de Manuela Fernández Esteves. O matrimonio rematou por establecerse no Outeiro arredor de 1930 e tivo 9 fillos: Manuel, María, Francisca, Jesusa, Francisco, José, Evaristo, Antonio e Luis Carballido Varela.
 

Manuel Carballido Varela (1910-1989), o maior, casou con Teresa Pedreira Naveira (1908-1977), que morrería 12 anos antes ca el e coa que tivo catro fillos: María, Teresa, Jesús e Josefina. En setembro de 1979 deixou o Outeiro xunto coa súa nai para ir vivir co seu 3º fillo en Leira preto da MACOGA
María marchou en novembro de 1952 a Montevideo onde casou con Francisco González Rodríguez (1934-2015) co que tivo dous fillos. A segunda filla, Teresa, tamén emigrou estando 7 anos en Uruguay, ano e medio en Alemaña e tres en Francia. Alí casou co moi coñecido José González Pardo Pariente (1941-1994) retornando en outubro de 1970. Este matrimonio tivo 3 fillos. Jesús casou con Hortensia Mosquera Vieites coa que pasou tres anos e medio en Suiza e coa que tivo un único fillo: Óscar. Finalmente Josefina tamén emigrou, no seu caso a Francia onde coñeceu e casou con Juan Miguel García Martínez co que tivo dous fillos. Despois de vivir en Francia uns 38 anos ela e o marido volveron en maio de 2007.
 

María Carballido Varela (1912-2005) casou con Manuel Iglesias Bello (1908-1985), coñecido como Manuel de Simón, de Merelle. O matrimonio tivo 5 fillos: José, Manuel, Cándido, Francisco e Teresa Iglesias Carballido. José casou con Estrella de Che (1930-1975) e foron os pais da profesora Olga. Casaría logo con Hortensia de la Fuente Mouriño (1940-2006). Manuel Iglesias Carballido, coñecido construtor, casou con Dorinda Remuiñan Mirás do Casal coa que tivo catro fillos, entre eles as profesoras Dolores e Teresa.  Cándido estableceuse en Cambre e casou con Carmen Bregua Doval coa que tivo un fillo.  
Francisco casou con Celia Noya Castro de Gosende coa que tivo dous fillos. Finalmente Teresa casou con Ricardo García Caamaño o Riveiro, un mozo de Pereira que se estableceu en Merelle con ela e co que tivo 3 fillos, aínda que o maior morreu aos 17 anos nun tráxico accidente. 
 

Francisca Carballido Varela (1913-1987) casou cun zapateiro (procedente, como non, de Noia) chamado Manuel Agraso Olveira (1916-1984). O matrimonio estableceuse na Coruña e tivo dous fillos, Manuel e María del Carmen. Por certo que Emilio Agraso (outro dos 4 irmáns que viñeron a Ordes) casou con Esther Regos, unha das fillas de Angustias. Manuel Agraso Carballido, profesor de lingua castelá e galega, vive en Betanzos coa súa muller Consuelo Porto Porto coa que tivo dous fillos. Mª Carmen seguiu na Coruña e casou con Carlos Villamor Sánchez (1948-2004) co que tamén tivo dous fillos.
 
Jesusa Carballido Varela (1915-1985) casou con Manuel Iglesias Liñares (1909-1986) o Carpinteiro dos Murís. Con el tivo tres fillos: Carmen, José  e Flora Iglesias Carballido. Carmen casaría co construtor José Areoso Bello, tamén de Merelle, e fillo de Antonio o Churrero, co que tivo dous fillos. José Iglesias Carballido (1940-2015), propietario do coñecido Bar Saloon nos Parques Municipais, casou con Rosa Prado Moure, irmá do construtor de Reboredo, coa que tivo dúas fillas. Flora casou con Andrés Ferreiro Mouriño (1948-2004) e tiveron 5 fillos.
 
 
Francisco Carballido Varela (1917-1976) foi o primeiro dos irmáns que emigrou. Marchou en xuño de 1936 antes da guerra a Buenos Aires. Casou con Generosa Vázquez Bernárdez (1911-1994) coa que tivo unha única filla, Marta Esther Carballido Vázquez (1945-2023), que casaría con Carlos Roberto Gómez (1944-2024). Este matrimonio tivo dous fillos.
 

José Carballido Varela (1920-1984) casou con Pilar Gómez Gómez (m.1949) coa que tería un fillo chamado tamén José. Casou logo en segundas nupcias con Mercedes Gómez Gómez (1925-2010) coa que tivo unha segunda filla, Mª Carmen. En xaneiro de 1953  emigrou a São Paulo en Brasil e en xuño de 1954 reuníronse con el a súa muller e fillos, vivindo primeiro no bairro Vila Mariana e despois en Americanópolis. José Carballido Gómez (1947-2015) casou con Sueli Castro Ferrer Gómez coa que tivo dúas fillas. Mª Carmen Carballido Gómez (1951-2017) casou con Antonio Fernández Fernández  (1936-2024) e tiveron unha filla. Por certo que curiosamente ambos os dous viaxaran no mesmo barco cando foran a Brasil sen sequera imaxinar que 19 anos despois acabarían casando.
 
Evaristo Carballido Varela
(1923-2012) traballou na gasolineira de MACOGA. Viviu en Reboredo coa súa muller, Preciosa Vilariño Moar (1928-2008) Preciosa dos Murís. Tiveron un único fillo, José Carballido Vilariño (1948-2023) que casou con María Moar Pacheco. Este matrimonio tamén viviu en Reboredo e tivo dous fillos: Alejandra e Jorge. Alejandra casou con Álex Couto, fillo de Juan Couto Prado, o máis novo dos Coutos de Reboredo.


Antonio Carballido Varela (1926-2017) foi quizais o máis coñecido na vila. Emigrou en marzo de 1952 a Brasil onde viviu sete anos. Pasou dous meses en Arxentina e logo outros 7 anos en Montevideo, pero en agosto de 1966 retornou definitivamente a Ordes. Traballou na construción e en 1971 casou con Carmen Martínez Martínez. Con ela viviu na rúa Rosalía de Castro. Tiveron un único fillo, José Antonio Carballido Martínez. Este casou con María Viqueira Iglesias coa que tivo un único fillo.
 

  O último e único de todos os irmáns que naceu na casa do Outeiro, Luis Carballido Varela (1932-2001), era moi alto para a época (pasaba de 1,80 m). Tamén emigrou a São Paulo en xaneiro de 1953  xunto co seu irmán José e o seu gran amigo José Barbeito (que cumpriu 91 anos en 2024). Ían reunirse con Antonio que xa estaba na cidade. 
  En setembro de 1954 casou por poderes con Elvira Veiras Gómez, filla de Jesusa e Domingo Mingos do Coxo da Calle de Poulo. Logo reuníuse con el en abril de 1955. Este matrimonio tivo dous fillos: José Luiz e Isabel. Luis volveu 5 veces a España para visitar aos seus familiares e amigos. A primeira vez (20 anos despois da súa marcha) foi o 30 de decembro de 1972 para presentar aos seus fillos. A última foi a mediados de xullo de 1999, presentando agora aos seus netos e celebrando o 45 aniversario da voda. José Luiz Veiras Carballido Varela, enxeñeiro civil, casou con Maria Christina Themóteo con que tivo dous fillos. Isabel, administradora de empresas, é quen escribiu a maior parte deste artigo.
Isabel Veiras Carballido Varela
 

sábado, 13 de julio de 2024

Unión por Ordes

  Aínda que UxO naceu oficialmente no ano 2007, as causas que o orixinaron viñan de moi atrás, da difícil cohabitación entre o alcalde do PP Teodosio Martino e o seu segunda espada Manuel Regos Boquete.
 
 
Non era un secreto para ninguén que este ambicionaba a alcaldía e esperaba que Martino se fixese a un lado, pero isto non acababa de suceder.
As desavinzas saltaron á luz pública en 2005 e Martino, ou ben porque o presidente provincial Juan Juncal non lle ofreceu unha saída digna, ou ben por tozudez, continuou resistindo na alcaldía e sendo o candidato do Partido Popular nas eleccións municipais de maio de 2007.
 
O NACEMENTO
  Regos sacou da manga a nova formación Unión por Ordes xa a finais do ano 2006. Nela contaba como número 2 co seu compañeiro de fatigas no PP José Luis Gómez Candal do Mesón, con Silvia Marín Pereira de Leira e con José Ramón Vázquez Raña de Montaos. Non menos importante era o apoio económico de Ramón Carro, entón o principal empresario do concello e inimigo declarado de Martino.
 
 
  UxO gañou pola mínima naquelas competidas eleccións de 2007 con case o 24% dos votos (2.039 e 4 concelleiros) empatado tecnicamente co PP con case un 20% (1.693 e tamén 4 concelleiros). Viñan logo o PSOE cun 19% (1.639 votos e 3 concelleiros), BNG co 18% (1.535 votos e 3 concelleiros), Nova Alternativa co 9% (809 votos e 2 concelleiros) e finalmente Terra Galega (530 votos e 1 solitario concelleiro) e o PG de Victorino.
  Regos logrou a alcaldía pactando cos socialistas e con Terra Galega. Incluíu no seu goberno aos socialistas Esther Couto e Xesús Pedreira como encargados de Servizos sociais e Medio ambiente respectivamente e a Roberto González en Obras. De UxO, José Luis Gómez, Silvia Marín e J.R. Vázquez serían os encargados de Feiras, Educación e Deportes. Aínda así non tiña a maioría absoluta, pero en xullo uníuselles Manuel Astray, o número 2 de Nova Alternativa que abandonou sen remorsos ao seu líder, o médico Juan Simón Torre Expósito. Curiosamente este novo goberno cobraría ao ano 150.000 €, un 36% máis que o de Martino, que fora unha das cousas que máis lle botaran en cara.
  A pesar do triunfo (ou por culpa del) UxO estivo no aire, porque inmediatamente o PSOE empezou a botarlle a cana a Regos. Eran tempos de Zapatero na Moncloa e de Touriño na Xunta, polo que a marca PSOE era a máis forte e valorada e a incorporación era moi tentadora. Doutra banda tamén era perigosa porque en Ordes o PSOE e o BNG xuntos non superaran o 36% dos votos e moitos dos seus electores verían isto como unha entrega ao antigo inimigo. Fose pola razón que fose, Regos continuou dentro de UxO e pouco despois a derrota de Touriño xa fixo menos atraente a posibilidade de militar no PSOE.
  Inmediatamente, disposto a deixar a súa pegada, Manuel Regos comezou a gastar cartos organizando grandes eventos e facendo obras unha detrás doutra. Ata cambiou o escudo do concello! (aínda que aí pode que a culpa non fose toda súa).   
 
O AUXE
  Como acostuma ocorrer coas coalicións gobernantes, se as cousas van ben a que capitaliza o éxito e a formación máis forte. Nas eleccións de 2011 o pobo demostrou que estaba satisfeito co goberno de Regos. UxO pasou do 24 ao 37% dos votos (3.098!) e de 4 a 7 concelleiros. En cambio os seus socios do PSOE baixaron do 19 ao 9% (757) e só conservaron 1 concelleiro (Pedreira). E neste gran éxito tamén estaba o xerme da súa caída, porque o PP xa non era o partido de Martino, agora estaba liderado por un ascendente José Luis Martínez Sanjurjo Martís, e aínda que perdeu, foi por pouco con só 100 votos menos que UxO, pasando do 20 ao 35% do electorado e acadando 6 concelleiros.
 
 
  Sen maiores problemas, a pesar de non ter a maioría absoluta, Regos sería de novo alcalde en xuño. Na sesión de investidura entregoulle o bastón de mando Roberto Gónzalez agora integrado tamén en UxO, pero no seu discurso Regos xa advertiu que despois de catro anos de fortes inversións chegaba o momento da austeridade e de priorizar os recursos.
  Eran os peores tempos da crise económica, difíciles para todo o mundo. Iso e o natural desgaste de estar no poder fixo que UxO perdera algún apoio. Non axudaron os problemas legais de Silvia Marín imputada por unha contratación irregular para a escola infantil municipal.
 
A CAÍDA
  Efectivamente, perdeu apoio pero non demasiado. Nas eleccións de 2015 UxO só tivo 341 votos menos que nas do ano 2011, pero resultou que José Luis Martínez logrou... 7 votos máis. Estes simples 7 votos foron o principio do fin.
  Porque eses 7 votos significaron un concelleiro máis e a alcaldía para o PP.
  UxO era unha formación concibida para estar no poder e no momento en que non se tivese o non se visen posibilidades de telo nun futuro inmediato era evidente que máis cedo que tarde  chegaría a desintegración. Inmediatamente comezaron as discrepancias que tardaron en saír á luz un par de anos. En agosto de 2017 dimitiron Silvia Marín e Lucía Iglesias Mirás (número 2 e 5 das listas), logo Roberto González e máis tarde José Ramón Vázquez e José Luis Gómez (o seu máis antigo compañeiro) abandonaron o grupo, pasándose ao dos non adscritos. Regos estaba cada vez máis illado, só acompañado polo mozo Manuel Iglesias Vieites e por Leoncio Gómez Liñares.
  Aínda así deuse unha última oportunidade e volveu presentarse nas eleccións de 2019. Agora, a pesar do que se dixera na campaña, o propósito realista xa non era gañar ao PP senón impedir a súa maioría absoluta e converterse nun partido bisagra para poder tocar goberno. Faltándolle os pesos pesados, renovou totalmente as listas do partido, levando nos postos de saída a xente moi nova.
  O resultado de UxO non se pode dicir que fose malo: 1.285 papeletas (o 16% dos votantes) e 3 concelleiros. Non obstante a maioría absoluta do PP fíxo irrelevantes estes números. Consciente de que o seu tempo xa pasara, Manuel Regos renunciou a recoller a súa acta de concelleiro. Como UxO era a súa criatura só era cuestión de tempo que tamén ela caera.
 
 
  Aínda vimos a toma de posesión dos tres concelleiros Alba Regos Mata, Manuel Iglesias Vieites e Marcos Fernández Louro. En outubro renunciaría Alba e, aínda que a seguinte na lista era Mª José Calvo, acabaría sendo substituída por Aitor Ribadas.
  Por fin, a morte oficial de UxO chegaría en xuño de 2021. Manuel Regos anunciou o seu adeus definitivo á política despois de 32 anos e disolveu o partido dando grazas aos veciños, compañeiros e aos tres concelleiros que pasarían a ser non adscritos.
  Concluían así 15 anos de intensa presenza desta formación na historia ordense.

miércoles, 10 de julio de 2024

Dúas vodas e un funeral

   Das vodas que se celebraron en 1956 na igrexa parroquial de Ordes houbo dúas que sairon na prensa.
  A primeira, a de máis avoengo, tivo lugar en abril. A noiva era Mª Milagros del Río Sánchez. Coñecida agarimosamente como Minucha, era a 2ª filla do que fora secretario do Xulgado de Betanzos Antonio del Río Castro e de Milagros Sánchez Somoza, da distinguida familia propietaria do pazo de Marzoa. Por tanto era irmá de personaxes tan coñecidos como Antonio del Río o Chulito, Emilio o Carozo, Isabel que tiña a tenda "La Novedad", Ana e José Manuel del Río. O noivo era o veterinario Guillermo Represa Rodríguez, a quen coñecera en Betanzos.
  Foron os padriños a irmá do noivo Mª Pilar Represa de Sacristán e o pai da noiva Antonio del Río. O sacerdote foi don Joaquín Andrade que, naqueles tempos xa era coengo da Real Colexiata da Coruña.
  Representou á lei Luis Represa Rodríguez, outro irmán do noivo. Asinaron como testemuñas da noiva os avogados Carlos Ramón Ballesteros e Manuel Astray Rivas, os veterinarios Manuel Pedreira Vázquez e Pedro Carrasco Arroyo, o médico Fernando Concheiro García, o practicante Ramón Ferreiro Regos, o seu tío Manuel del Río Castro e os seus irmáns Antonio e Emilio. Por parte do noivo asinaron o enxeñeiro Manuel Represa del Prado, o veterinario Julio Picatoste Franco, Manuel Matilla e o seu irmán José Mª Represa Rodríguez.
  Ao final da cerimonia os máis de 100 invitados foron obsequiados cunha merenda-cea servida pola Cafetería Linar da Coruña.
  Despois da viaxe de vodas, o matrimonio estableceuse en Betanzos. Tiveron 4 fillos: Guillermo, Alejandro, Mª Milagros e Sonia.
 

  Ese mesmo mes de abril, o día 5, con só 56 anos faleceu Ramón Prado Carnota Ramón da Ponte, un dos máis coñecidos empresarios da vila. O enterro foi unha enorme manifestación de dó con moitísimos asistentes, como podedes ver na foto.
 
  Un par de meses despois, a principios de xullo, casaba a menor dos seus catro fillos: Luisa Prado Meijide. Tamén coñecida como Luisa da Ponte, era moi guapa e simpática, polo que tiña moitos admiradores. O noivo era Antonio Álvarez Méndez, un dos moitos fillos do Cotovío. Curiosamente ambos os dous sogros tiñan empresas de transporte pero a rivalidade empresarial non pasaba de aí.
 
  A voda foi oficiada polo novo párroco don Francisco Nimo Castro. Foron os padriños unha das irmás do noivo, Isabel Álvarez de Landeira, e un irmán da noiva, Ángel Nonito. Como testemuñas asinaron Manuel e Atilano, irmáns do noivo, Ramón Prado, o outro irmán da noiva, e Juan Viqueira Veiras.
  Polo recente loito a voda celebrouse na intimidade e tivo moi poucos invitados, pero aquí podemos ver a felicidade da parella.
  O matrimonio foi longo (58 anos) pois durou ata 2014 en que morreu Antonio e tivo tres fillos: Antonio, Gonzalo e Brígida Bris que faleceu antes de cumprir 50 anos. Luisa tivo unha longa vida e morrería no ano 2023.