As
festas patronais de 1954 serviron para levantar o ánimo do pobo que estaba aínda afectado pola tráxica morte do mozo José Abeijón un mes atrás. Duraron 4
días e contaron coa actuación da Banda de Música de Arca, que era como da casa e
que xa tocara en 1951, e a Orquesta Tropical
de Betanzos, formación dirixida por Pedro García. O programa foi case
exactamente igual ao das festas de 1953, só con lixeiros cambios de horario.
O sábado 14 ás 12 da mañá as festas deron inicio
oficialmente con repenique de campás e salvas de bombas, mentres gaiteiros do
país percorrían as rúas ao son das gaitas. Ás 7 da tarde fixo a súa entrada na
vila a Banda de Arca con alegres pasarrúas. Ás 10 da noite na Alameda,
iluminada como outros anos polo industrial pontevedrés Miguel Romero, comezou a verbena
amenizada pola banda e anunciada con estrondo por "infinidade" de
bombas e foguetes.
O domingo 15, día grande, ás 8 da mañá unha salva
de potentes bombas espertou aos ordenses. Unha hora despois a banda de Arca e
gaiteiros do país percorreron as rúas tocando alegres dianas e alboradas. Ás 11
os gaiteiros acompañaron aos xigantes e cabezudos paseando polas rúas. Ás 12 tivo lugar a misa solemne que acabaría coa
procesión presidida polas autoridades. Ás 2 da tarde tivo lugar o
concerto da banda e da Orquestra Tropical na Alameda.
Ás cinco e media da tarde houbo partido de
fútbol entre o Club Marte, campión da 2ª División de Modestos da Coruña, e o equipo
local. Disputaban unha copa doada pola Deputación provincial.
A continuación na Alameda houbo festa
vespertina coa banda e a orquestra. Despois de parar para cear, ás 11 da noite houbo
unha sesión de fogos e lucería con queima dunha fachada (imitando aos fogos do
Apóstolo en Santiago), obra dos famosos industriais irmáns Rocha de Oza dos Ríos. A
continuación de novo a música e o baile. O final da verbena anunciouse con
múltiples foguetes e elevación de globos "grotescos".
O lunes 16, día de San Roque, copiou ao anterior. Ás
9 volveu saír a banda e ás 11 os xigantes e cabezudos. Misa solemne tamén ás 12
pero a música xa se adiantou á unha. Ás cinco e media da tarde houbo de novo
partido de fútbol. Nesta ocasión
disputouse un trofeo doado pola casa Monplet e o equipo rival sería a S.D.
Español, un equipo máis forte campión da 1ª División de Modestos da Coruña. Ás 8 e ás 11 repetiuse o baile. Ás 12 da noite
houbo de novo sesión de fogos artificiais.
O martes 17 saíu a banda ás 9 da maña e houbo
sesión vermú de 12 a
dúas da tarde. A tarde quedou reservada para os divertidos xogos daquela época:
carreiras de cintas, de sacos... e outras varias que facían a delicia dos
asistentes. Ás 8 houbo festa popular e ás 11 da noite a última verbena despediu
as festas co habitual estoupido de foguetes e elevación de globos.
En 1954 tanto La Noche como La Voz de Galicia dedicaron
un par de páxinas ás festas patronais. Nelas, ademais de moitos anuncios de empresarios locais, aparecía
o programa e unha reportaxe sobre o equipo de fútbol (coa mesma foto nos dous
xornais). La Voz de Galicia engadía
ademais unha biografía de Manuel Lois, un longo artigo de Manuel Pedreira
Vázquez sobre temas veterinarios e outra vez (xa o fixera en 1953) a foto de
dúas belezas locais, esta vez baixo o título "Jóvenes ordinensas"
(sic).
No hay comentarios:
Publicar un comentario