martes, 11 de febrero de 2025

O Megaconcerto

   O xoves 30 de abril de 2009 Ordes entrou na historia da música de Galicia. O Campo da Feira acolleu un dos concertos máis multitudinarios celebrados na comunidade. Segundo estimacións da policía local, foron arredor de 50.000 persoas as que asistiron á II Gala contra o Cancro da Orquestra Panorama (a primeira tivera lugar o ano anterior na praza de Fefiñáns en Cambados).
  Chegaron de toda Galicia uns 30.000 vehículos que empezaron a tomar as rúas da vila desde as 7 da tarde. Segundo testemuños dos que viñeron pola N-550 desde Santiago, a caravana de coches xa empezaba na Finsa.
  Esta afluencia converteu ao concerto no 2º con máis público da historia de Galicia. Dezaseis anos antes, en 1993, o chamado Concerto dos Mil anos acolleu en Riazor a 80.000 espectadores (pero durou tres días), superando ao concerto dos Dire Straits en Balaídos de 1992 que tivo 40.000 espectadores.
 
 
   O gran escenario estaba na zona oeste do Campo da Feira, orientado fronte á rúa Compostela, chea tamén a rebentar (un dos cantantes chamounos "el público que está en la colina"). Como se adoita dicir, non cabía nin un alfinete.
  Empezou a soar a música con atraso. Eran xa preto das doce da noite cando a Panorama comezaba cun popurrí de temas de moda. Logo sairían os cantantes nacionais famosos.
  O primeiro punto destacado foi a actuación de Carlos Baute e Marta Sánchez que ese ano estaban "on fire" grazas ao seu tremendamente exitoso tema Colgando en tus manos. Por certo que, a pesar da súa experiencia, Marta Sánchez soaba bastante peor que o seu compañeiro.
  Despois doutra intervención da Panorama, chegaba a quenda dos agradecementos. Subiron ao escenario o alcalde Manuel Regos e a presidenta da delegación pontevedresa da Asociación Española Contra o Cancro, acompañados de Lito Garrido, Marta Sánchez e Carlos Baute. Regos agradeceu a asistencia e promocionou o DVD da gala, animando a compralo para ver se lograban superarse os 20.000 euros da gala anterior.
  Foron desfilando logo o resto de artistas, soando todos moi regularmente: Melocos, Kiko e Shara, Astarot, OBK… pero o prato forte estaba por chegar: os dous Davides.
  Bustamante, cunha camiseta negra que inmediatamente cubriu cunha chaqueta gris e logo cunha bufanda, demostrou co seu chorro de voz que non era o equipo de son o que estaba mal senón os cantantes anteriores. Ademais de rebentar a decibelios o campo da feira, regalou un tema galego e a capella á presentadora Yolanda Vázquez.
  Despois dunha breve actuación de Vicky, unha bailarina do programa Fama, apareceu a outra estrela da noite, o entón "Ricitos de oro" David Bisbal, que sen chegar ás alturas vogais do seu compañeiro, deixou patente a súa calidade interpretativa e un alto nivel de baile. Súa foi tamén a anécdota da noite pois nas charlas co público viuse que non tiña claro o nome da vila á que chamou "Ordés".
 

  A festa continuou ata altas horas da madrugada, primeiro nas rúas e despois na LP45. A policía local puido confirmar ao día seguinte que non houbo incidentes significativos, o que converteu a noite nun éxito total para os ordenses. Os forasteiros, claro, tiveron que soportar enormes retencións de tráfico, pero foi un pequeno prezo a pagar para poder dicir: "Eu estiven alí".

No hay comentarios:

Publicar un comentario