As festas patronais de 1955 foron moi parecidas ás de anos
anteriores. Duraron 4 días e volveron a contar coa actuación da Banda de Música
de Arca (xa tocaran en 1951 e en 1954) e a novidade da Orquesta X da Coruña co seu vocalista Pepín
de la Torre. O xornal La Noche non lles dedicou o seu
habitual especial, pero si La Voz de Galicia (co programa,
moitos anuncios e un eloxio da vila por un tal Milotes) e El Ideal Gallego, no que
apareceu unha entrevista co alcalde Juan Liñares. Nela falaba das últimas actuacións na vila: mellora do alumeado,
da rede de sumidoiros e inminente finalización da praza de abastos nos baixos da
Casa Consistorial. Por certo, en ambos os dous xornais, o anuncio de maior
tamaño foi o da fábrica de leite das Casillas.
O domingo 14 ás 12 da mañá as festas deron inicio
oficialmente con repenique de campás e salvas de bombas, mentres gaiteiros,
xigantes e cabezudos percorrían as rúas. Ás 6 da tarde fixo a súa entrada na
vila a Banda de Arca con alegres pasarrúas. Ás 10 da noite na Alameda
comezou a verbena. Ao remate bombas e elevación de globos.
O luns 15, día grande, ás 8 da mañá unha salva de
bombas espertou aos ordenses. A banda de Arca percorreu as rúas tocando alegres
dianas e alboradas. Logo os gaiteiros acompañaron aos xigantes e cabezudos
polas rúas. Ás 12 tivo lugar a misa solemne. Á unha da tarde tivo lugar na Alameda o concerto da banda alternando coa Orquesta X.
Ás seis da tarde celebrouse un partido de
fútbol entre o Lasalle Juvenil e o Órdenes Juvenil, disputando un trofeo
doada pola Casa Aníbal. A anécdota foi que o balón co que se xogou foi doado
polo mozo arxentino (fillo de emigrantes) Ángel Gende Rodís, que un par de anos
atrás xogara no equipo.
Ás 7 e media tivo lugar a magna procesión da
Virxe coas autoridades e ás 8 e media festa vespertina coa banda e a orquestra. Despois de parar para cear, ás
11 da noite houbo verbena. A iluminación da Alameda ese ano foi obra dos
industriais García
y Blanco de Padrón. Ás 12 da noite houbo a habitual sesión de
pirotecnia con queima de fachada incluída a cargo dos irmáns Rocha de Oza dos Ríos.
O martes 16, día de San Roque, ás 9 saíu a banda. Tamén
ás 12 volveu a ser a misa esta vez na honra de San Roque. Á unha da tarde música
na Alameda.
Pero o prato forte non só deste día senón de
todas as festas foi o partido de fútbol celebrado ás 6 da tarde: nada menos que
o Ordes contra todo un Deportivo (naquel tempo un equipo de 1ª División).
O partido non decepcionou cunha boa
primeira parte e unha segunda máis frouxa. O Deportivo demostrou a súa xerarquía
(axudado en que os de Ordes tiñan coidado de non pasarse de duros). O
adestrador Neira fixo xogar a Mangana, Ponte, Modesto, Janito, Mena, David,
Tonete, Pepiño, Casteleiro, Chas e Losa. O máis destacado foi o central
Modesto. No Deportivo Lexo marcou dous goles, un no minuto 35 e outro xa
preto do descanso. Bouzas na 2ª parte metería outro máis, aínda que axudado
por un defensor. O Ordes logrou logo o "gol da honra", rematando o
partido cun marcador de 3-1. Non faltou unha merenda posterior para un equipo
visitante que tiña moi boa relación co Ordes e que adestraría un par de
semanas no precioso campo de Vista Alegre.
|
Ás 8 e
ás 11 repetiuse o baile. Ás 12 da noite houbo de novo sesión de fogos
artificiais.
O mércores 17 saíu a banda ás 9 da maña e houbo
sesión vermú á unha. Ás 6 da tarde foi o momento das carreiras de sacos e
cintas. Ás 7 e ás 11 novamente baile. E, como non, o remate sería con fogos
artificiais, bombas e elevación de globos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario