Dentro da política de grandes eventos e
custosas obras que iniciou durante o seu primeiro mandato o alcalde Manuel Regos Boquete, líder de UxO, tivo un lugar
destacado o festival Brincadeira.
FESTIVAL
BRINCADEIRA en ORDES
|
|
2007
|
|
2008
|
|
2009
|
|
2010
|
|
2011
|
Organizado pola firma Iceberg
Audiovisual o
primeiro Brincadeira en Ordes foi o sábado 25 de agosto de 2007 para aproveitar o tirón da Movida. A intención era crear un espectáculo gratuíto que
tivera continuidade en Ordes e que se convertese nunha das principais
referencias do panorama musical galego.
As actuacións dos grupos foron presentadas
por Mofa e Befa na zona do campo de fútbol e ademais houbo unha mostra de
artesanía e exhibicións de graffitis
nunha carpa.
O ano 2008
o festival xa durou dous días (venres 8 e sábado 9 de agosto) sendo os
concertos no campo da feira. O grupo máis popular era o madrileño Amparanoia na súa xira de despedida
antes de que Amparo Sánchez voase pola súa conta. Felipe González, responsable
de Iceberg Audiovisuais, promocionaba o evento dicindo que «é un festival a
nivel nacional con grupos moi importantes para un concerto de entrada
gratuíta». As actividades paralelas
foron un festival de videoclips, un concurso de arte na rúa, outro do videoxogo
da Play Station Guitar Hero e unha exposición de grafitis, tatuaxes, deseño
e moda. Habilitouse para acampar a zona do centro de saúde. O éxito foi
considerable e Ordes quedou literalmente tomado ao asalto polos 7.000 asistentes diarios.
O ano 2009
(no que viña de ter lugar a descomunal Gala Panorama contra o Cancro) celebrouse os días venres 7 e sábado 8 de agosto.
O venres uns 10.000 mozos acudiron a ver principalmente ao grupo valenciano La
Pulquería. Pero o prato forte era o sábado a denominada «superfesta hortera»
onde se invitaba ao público a acudir disfrazado para bailar ao ritmo do vello
grupo Boney M. Volveu a haber carpa
con capacidade para 15.000 persoas e lugar para acampar e, entre as actividades
paralelas, un certame de arte urbana, unha mostra de novas tendencias e un
concurso de fotografía. O éxito foi total e entre os dous días calculouse unha
afluencia de 25.000 persoas.
O ano 2010
Brincadeira empezou o venres 6 agosto con 10.000 persoas escoitando o último
disco de Siniestro Total. A festa
hortera do sábado 7 onde o público foi disfrazado para intentar gañar un premio
contaba coa Orquesta Mondragón, a
mítica banda capitaneada por Javier Gurruchaga, presentando o seu último disco "El Maquinista de la General".
Pero tamén estaban outros grupos e como broche final o indescritible Chimo Bayo. Novamente unhas 25.000
persoas asistiron ao evento.
O ano 2011
o festival botou a casa pola fiestra e durou tres días, desde o xoves 11 ao
sábado 13 de agosto, con tres escenarios para albergar aos case 40 grupos que
xirarían como satélites diante do cegador brillo de Europe na súa primeira actuación en Galicia, presentando o seu
último disco "Last Look at Even". Tamén houbo disc jockeys e
diferentes concursos. Pero nesta ocasión
o evento deixou de ser
gratis: había que pagar 25 € polos tres días.
Naquel momento Brincadeira estaba catalogado
como un dos 18 festivais máis importantes de España.
Hoxe é
inevitable recordar con nostalxia aquela xornada do 13 de agosto de 2011 cando
despois de medianoite aparecía a melena dourada de Joey Tempest berrando «Boas
noites, Galicia» diante dun público entregado e dunha boneca inchable que percorría
os ombreiros das primeiras filas. Ninguén o sabía pero aquela especie de Woodstock
galego que desafiaba aos tempos de crise estaba dando o seu último alento.
O concello viu que non saían as contas. Nesa
edición perderon preto de 200.000 euros e, a pesar da propaganda que xeraba
para Ordes, non podía asumir tanto gasto. No ano 2012 Felipe González e Julio Negueruela de Iceberg Audiovisual
levaron o festival a Cambre. Alí as
cousas tampouco foron ben e o concello perdeu uns 100.000 euros, así que os
empresarios decidiron volver a Ordes no ano 2013.
Esta vez o festival tería lugar na antiga
estación da Pontraga na Parroquia de Parada do 9 ao 11 de agosto. Alí tiñan pensado crear unha "vila pantasma"
que durante tres día acollería 40 grupos en tres escenarios coa xente
disfrazada como se fose Halloween. As entradas vendíanse a 15 € e estimaban
contar con 5.000 asistentes diarios, pero... as previsións non se cumpriron e
só 4 días antes o festival foi cancelado, deixando, iso si, un bonito cartel
publicitario de recordo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario