miércoles, 17 de julio de 2024

Os Carballidos de Poulo

   Ademais dos Carballidos do Piñeiro hai outros Carballidos procedentes do Outeiro na parroquia de Poulo, que teñen parentesco cos primeiros.
  Pero a orixe aínda está máis lonxe, na parroquia de Parada, onde viviron no século XIX Francisco Carballido Prego e a súa muller Manuela Noya  Botana. Tiveron 3 fillos: Manuel, María e Jesús. O que nos interesa é este, Jesús Carballido Noya (1884-1955) que casou con Josefa Varela Fernández (1888-1984), nacida no Bidueiro e filla de Salvador Varela Carballido e de Manuela Fernández Esteves. O matrimonio rematou por establecerse no Outeiro arredor de 1930 e tivo 9 fillos: Manuel, María, Francisca, Jesusa, Francisco, José, Evaristo, Antonio e Luis Carballido Varela.
 

Manuel Carballido Varela (1910-1989), o maior, casou con Teresa Pedreira Naveira (1908-1977), que morrería 12 anos antes ca el e coa que tivo catro fillos: María, Teresa, Jesús e Josefina. En setembro de 1979 deixou o Outeiro xunto coa súa nai para ir vivir co seu 3º fillo en Leira preto da MACOGA
María marchou en novembro de 1952 a Montevideo onde casou con Francisco González Rodríguez (1934-2015) co que tivo dous fillos. A segunda filla, Teresa, tamén emigrou estando 7 anos en Uruguay, ano e medio en Alemaña e tres en Francia. Alí casou co moi coñecido José González Pardo Pariente (1941-1994) retornando en outubro de 1970. Este matrimonio tivo 3 fillos. Jesús casou con Hortensia Mosquera Vieites coa que pasou tres anos e medio en Suiza e coa que tivo un único fillo: Óscar. Finalmente Josefina tamén emigrou, no seu caso a Francia onde coñeceu e casou con Juan Miguel García Martínez co que tivo dous fillos. Despois de vivir en Francia uns 38 anos ela e o marido volveron en maio de 2007.
 

María Carballido Varela (1912-2005) casou con Manuel Iglesias Bello (1908-1985), coñecido como Manuel de Simón, de Merelle. O matrimonio tivo 5 fillos: José, Manuel, Cándido, Francisco e Teresa Iglesias Carballido. José casou con Estrella de Che (1930-1975) e foron os pais da profesora Olga. Casaría logo con Hortensia de la Fuente Mouriño (1940-2006). Manuel Iglesias Carballido, coñecido construtor, casou con Dorinda Remuiñan Mirás do Casal coa que tivo catro fillos, entre eles as profesoras Dolores e Teresa.  Cándido estableceuse en Cambre e casou con Carmen Bregua Doval coa que tivo un fillo.  
Francisco casou con Celia Noya Castro de Gosende coa que tivo dous fillos. Finalmente Teresa casou con Ricardo García Caamaño o Riveiro, un mozo de Pereira que se estableceu en Merelle con ela e co que tivo 3 fillos, aínda que o maior morreu aos 17 anos nun tráxico accidente. 
 

Francisca Carballido Varela (1913-1987) casou cun zapateiro (procedente, como non, de Noia) chamado Manuel Agraso Olveira (1916-1984). O matrimonio estableceuse na Coruña e tivo dous fillos, Manuel e María del Carmen. Por certo que Emilio Agraso (outro dos 4 irmáns que viñeron a Ordes) casou con Esther Regos, unha das fillas de Angustias. Manuel Agraso Carballido, profesor de lingua castelá e galega, vive en Betanzos coa súa muller Consuelo Porto Porto coa que tivo dous fillos. Mª Carmen seguiu na Coruña e casou con Carlos Villamor Sánchez (1948-2004) co que tamén tivo dous fillos.
 
Jesusa Carballido Varela (1915-1985) casou con Manuel Iglesias Liñares (1909-1986) o Carpinteiro dos Murís. Con el tivo tres fillos: Carmen, José  e Flora Iglesias Carballido. Carmen casaría co construtor José Areoso Bello, tamén de Merelle, e fillo de Antonio o Churrero, co que tivo dous fillos. José Iglesias Carballido (1940-2015), propietario do coñecido Bar Saloon nos Parques Municipais, casou con Rosa Prado Moure, irmá do construtor de Reboredo, coa que tivo dúas fillas. Flora casou con Andrés Ferreiro Mouriño (1948-2004) e tiveron 5 fillos.
 
 
Francisco Carballido Varela (1917-1976) foi o primeiro dos irmáns que emigrou. Marchou en xuño de 1936 antes da guerra a Buenos Aires. Casou con Generosa Vázquez Bernárdez (1911-1994) coa que tivo unha única filla, Marta Esther Carballido Vázquez (1945-2023), que casaría con Carlos Roberto Gómez (1944-2024). Este matrimonio tivo dous fillos.
 

José Carballido Varela (1920-1984) casou con Pilar Gómez Gómez (m.1949) coa que tería un fillo chamado tamén José. Casou logo en segundas nupcias con Mercedes Gómez Gómez (1925-2010) coa que tivo unha segunda filla, Mª Carmen. En xaneiro de 1953  emigrou a São Paulo en Brasil e en xuño de 1954 reuníronse con el a súa muller e fillos, vivindo primeiro no bairro Vila Mariana e despois en Americanópolis. José Carballido Gómez (1947-2015) casou con Sueli Castro Ferrer Gómez coa que tivo dúas fillas. Mª Carmen Carballido Gómez (1951-2017) casou con Antonio Fernández Fernández  (1936-2024) e tiveron unha filla. Por certo que curiosamente ambos os dous viaxaran no mesmo barco cando foran a Brasil sen sequera imaxinar que 19 anos despois acabarían casando.
 
Evaristo Carballido Varela
(1923-2012) traballou na gasolineira de MACOGA. Viviu en Reboredo coa súa muller, Preciosa Vilariño Moar (1928-2008) Preciosa dos Murís. Tiveron un único fillo, José Carballido Vilariño (1948-2023) que casou con María Moar Pacheco. Este matrimonio tamén viviu en Reboredo e tivo dous fillos: Alejandra e Jorge. Alejandra casou con Álex Couto, fillo de Juan Couto Prado, o máis novo dos Coutos de Reboredo.


Antonio Carballido Varela (1926-2017) foi quizais o máis coñecido na vila. Emigrou en marzo de 1952 a Brasil onde viviu sete anos. Pasou dous meses en Arxentina e logo outros 7 anos en Montevideo, pero en agosto de 1966 retornou definitivamente a Ordes. Traballou na construción e en 1971 casou con Carmen Martínez Martínez. Con ela viviu na rúa Rosalía de Castro. Tiveron un único fillo, José Antonio Carballido Martínez. Este casou con María Viqueira Iglesias coa que tivo un único fillo.
 

  O último e único de todos os irmáns que naceu na casa do Outeiro, Luis Carballido Varela (1932-2001), era moi alto para a época (pasaba de 1,80 m). Tamén emigrou a São Paulo en xaneiro de 1953  xunto co seu irmán José e o seu gran amigo José Barbeito (que cumpriu 91 anos en 2024). Ían reunirse con Antonio que xa estaba na cidade. 
  En setembro de 1954 casou por poderes con Elvira Veiras Gómez, filla de Jesusa e Domingo Mingos do Coxo da Calle de Poulo. Logo reuníuse con el en abril de 1955. Este matrimonio tivo dous fillos: José Luiz e Isabel. Luis volveu 5 veces a España para visitar aos seus familiares e amigos. A primeira vez (20 anos despois da súa marcha) foi o 30 de decembro de 1972 para presentar aos seus fillos. A última foi a mediados de xullo de 1999, presentando agora aos seus netos e celebrando o 45 aniversario da voda. José Luiz Veiras Carballido Varela, enxeñeiro civil, casou con Maria Christina Themóteo con que tivo dous fillos. Isabel, administradora de empresas, é quen escribiu a maior parte deste artigo.
Isabel Veiras Carballido Varela
 

No hay comentarios:

Publicar un comentario