miércoles, 10 de julio de 2024

Dúas vodas e un funeral

   Das vodas que se celebraron en 1956 na igrexa parroquial de Ordes houbo dúas que sairon na prensa.
  A primeira, a de máis avoengo, tivo lugar en abril. A noiva era Mª Milagros del Río Sánchez. Coñecida agarimosamente como Minucha, era a 2ª filla do que fora secretario do Xulgado de Betanzos Antonio del Río Castro e de Milagros Sánchez Somoza, da distinguida familia propietaria do pazo de Marzoa. Por tanto era irmá de personaxes tan coñecidos como Antonio del Río o Chulito, Emilio o Carozo, Isabel que tiña a tenda "La Novedad", Ana e José Manuel del Río. O noivo era o veterinario Guillermo Represa Rodríguez, a quen coñecera en Betanzos.
  Foron os padriños a irmá do noivo Mª Pilar Represa de Sacristán e o pai da noiva Antonio del Río. O sacerdote foi don Joaquín Andrade que, naqueles tempos xa era coengo da Real Colexiata da Coruña.
  Representou á lei Luis Represa Rodríguez, outro irmán do noivo. Asinaron como testemuñas da noiva os avogados Carlos Ramón Ballesteros e Manuel Astray Rivas, os veterinarios Manuel Pedreira Vázquez e Pedro Carrasco Arroyo, o médico Fernando Concheiro García, o practicante Ramón Ferreiro Regos, o seu tío Manuel del Río Castro e os seus irmáns Antonio e Emilio. Por parte do noivo asinaron o enxeñeiro Manuel Represa del Prado, o veterinario Julio Picatoste Franco, Manuel Matilla e o seu irmán José Mª Represa Rodríguez.
  Ao final da cerimonia os máis de 100 invitados foron obsequiados cunha merenda-cea servida pola Cafetería Linar da Coruña.
  Despois da viaxe de vodas, o matrimonio estableceuse en Betanzos. Tiveron 4 fillos: Guillermo, Alejandro, Mª Milagros e Sonia.
 

  Ese mesmo mes de abril, o día 5, con só 56 anos faleceu Ramón Prado Carnota Ramón da Ponte, un dos máis coñecidos empresarios da vila. O enterro foi unha enorme manifestación de dó con moitísimos asistentes, como podedes ver na foto.
 
  Un par de meses despois, a principios de xullo, casaba a menor dos seus catro fillos: Luisa Prado Meijide. Tamén coñecida como Luisa da Ponte, era moi guapa e simpática, polo que tiña moitos admiradores. O noivo era Antonio Álvarez Méndez, un dos moitos fillos do Cotovío. Curiosamente ambos os dous sogros tiñan empresas de transporte pero a rivalidade empresarial non pasaba de aí.
 
  A voda foi oficiada polo novo párroco don Francisco Nimo Castro. Foron os padriños unha das irmás do noivo, Isabel Álvarez de Landeira, e un irmán da noiva, Ángel Nonito. Como testemuñas asinaron Manuel e Atilano, irmáns do noivo, Ramón Prado, o outro irmán da noiva, e Juan Viqueira Veiras.
  Polo recente loito a voda celebrouse na intimidade e tivo moi poucos invitados, pero aquí podemos ver a felicidade da parella.
  O matrimonio foi longo (58 anos) pois durou ata 2014 en que morreu Antonio e tivo tres fillos: Antonio, Gonzalo e Brígida Bris que faleceu antes de cumprir 50 anos. Luisa tivo unha longa vida e morrería no ano 2023.

No hay comentarios:

Publicar un comentario