sábado, 13 de julio de 2024

Unión por Ordes

  Aínda que UxO naceu oficialmente no ano 2007, as causas que o orixinaron viñan de moi atrás, da difícil cohabitación entre o alcalde do PP Teodosio Martino e o seu segunda espada Manuel Regos Boquete.
 
 
Non era un secreto para ninguén que este ambicionaba a alcaldía e esperaba que Martino se fixese a un lado, pero isto non acababa de suceder.
As desavinzas saltaron á luz pública en 2005 e Martino, ou ben porque o presidente provincial Juan Juncal non lle ofreceu unha saída digna, ou ben por tozudez, continuou resistindo na alcaldía e sendo o candidato do Partido Popular nas eleccións municipais de maio de 2007.
 
O NACEMENTO
  Regos sacou da manga a nova formación Unión por Ordes xa a finais do ano 2006. Nela contaba como número 2 co seu compañeiro de fatigas no PP José Luis Gómez Candal do Mesón, con Silvia Marín Pereira de Leira e con José Ramón Vázquez Raña de Montaos. Non menos importante era o apoio económico de Ramón Carro, entón o principal empresario do concello e inimigo declarado de Martino.
 
 
  UxO gañou pola mínima naquelas competidas eleccións de 2007 con case o 24% dos votos (2.039 e 4 concelleiros) empatado tecnicamente co PP con case un 20% (1.693 e tamén 4 concelleiros). Viñan logo o PSOE cun 19% (1.639 votos e 3 concelleiros), BNG co 18% (1.535 votos e 3 concelleiros), Nova Alternativa co 9% (809 votos e 2 concelleiros) e finalmente Terra Galega (530 votos e 1 solitario concelleiro) e o PG de Victorino.
  Regos logrou a alcaldía pactando cos socialistas e con Terra Galega. Incluíu no seu goberno aos socialistas Esther Couto e Xesús Pedreira como encargados de Servizos sociais e Medio ambiente respectivamente e a Roberto González en Obras. De UxO, José Luis Gómez, Silvia Marín e J.R. Vázquez serían os encargados de Feiras, Educación e Deportes. Aínda así non tiña a maioría absoluta, pero en xullo uníuselles Manuel Astray, o número 2 de Nova Alternativa que abandonou sen remorsos ao seu líder, o médico Juan Simón Torre Expósito. Curiosamente este novo goberno cobraría ao ano 150.000 €, un 36% máis que o de Martino, que fora unha das cousas que máis lle botaran en cara.
  A pesar do triunfo (ou por culpa del) UxO estivo no aire, porque inmediatamente o PSOE empezou a botarlle a cana a Regos. Eran tempos de Zapatero na Moncloa e de Touriño na Xunta, polo que a marca PSOE era a máis forte e valorada e a incorporación era moi tentadora. Doutra banda tamén era perigosa porque en Ordes o PSOE e o BNG xuntos non superaran o 36% dos votos e moitos dos seus electores verían isto como unha entrega ao antigo inimigo. Fose pola razón que fose, Regos continuou dentro de UxO e pouco despois a derrota de Touriño xa fixo menos atraente a posibilidade de militar no PSOE.
  Inmediatamente, disposto a deixar a súa pegada, Manuel Regos comezou a gastar cartos organizando grandes eventos e facendo obras unha detrás doutra. Ata cambiou o escudo do concello! (aínda que aí pode que a culpa non fose toda súa).   
 
O AUXE
  Como acostuma ocorrer coas coalicións gobernantes, se as cousas van ben a que capitaliza o éxito e a formación máis forte. Nas eleccións de 2011 o pobo demostrou que estaba satisfeito co goberno de Regos. UxO pasou do 24 ao 37% dos votos (3.098!) e de 4 a 7 concelleiros. En cambio os seus socios do PSOE baixaron do 19 ao 9% (757) e só conservaron 1 concelleiro (Pedreira). E neste gran éxito tamén estaba o xerme da súa caída, porque o PP xa non era o partido de Martino, agora estaba liderado por un ascendente José Luis Martínez Sanjurjo Martís, e aínda que perdeu, foi por pouco con só 100 votos menos que UxO, pasando do 20 ao 35% do electorado e acadando 6 concelleiros.
 
 
  Sen maiores problemas, a pesar de non ter a maioría absoluta, Regos sería de novo alcalde en xuño. Na sesión de investidura entregoulle o bastón de mando Roberto Gónzalez agora integrado tamén en UxO, pero no seu discurso Regos xa advertiu que despois de catro anos de fortes inversións chegaba o momento da austeridade e de priorizar os recursos.
  Eran os peores tempos da crise económica, difíciles para todo o mundo. Iso e o natural desgaste de estar no poder fixo que UxO perdera algún apoio. Non axudaron os problemas legais de Silvia Marín imputada por unha contratación irregular para a escola infantil municipal.
 
A CAÍDA
  Efectivamente, perdeu apoio pero non demasiado. Nas eleccións de 2015 UxO só tivo 341 votos menos que nas do ano 2011, pero resultou que José Luis Martínez logrou... 7 votos máis. Estes simples 7 votos foron o principio do fin.
  Porque eses 7 votos significaron un concelleiro máis e a alcaldía para o PP.
  UxO era unha formación concibida para estar no poder e no momento en que non se tivese o non se visen posibilidades de telo nun futuro inmediato era evidente que máis cedo que tarde  chegaría a desintegración. Inmediatamente comezaron as discrepancias que tardaron en saír á luz un par de anos. En agosto de 2017 dimitiron Silvia Marín e Lucía Iglesias Mirás (número 2 e 5 das listas), logo Roberto González e máis tarde José Ramón Vázquez e José Luis Gómez (o seu máis antigo compañeiro) abandonaron o grupo, pasándose ao dos non adscritos. Regos estaba cada vez máis illado, só acompañado polo mozo Manuel Iglesias Vieites e por Leoncio Gómez Liñares.
  Aínda así deuse unha última oportunidade e volveu presentarse nas eleccións de 2019. Agora, a pesar do que se dixera na campaña, o propósito realista xa non era gañar ao PP senón impedir a súa maioría absoluta e converterse nun partido bisagra para poder tocar goberno. Faltándolle os pesos pesados, renovou totalmente as listas do partido, levando nos postos de saída a xente moi nova.
  O resultado de UxO non se pode dicir que fose malo: 1.285 papeletas (o 16% dos votantes) e 3 concelleiros. Non obstante a maioría absoluta do PP fíxo irrelevantes estes números. Consciente de que o seu tempo xa pasara, Manuel Regos renunciou a recoller a súa acta de concelleiro. Como UxO era a súa criatura só era cuestión de tempo que tamén ela caera.
 
 
  Aínda vimos a toma de posesión dos tres concelleiros Alba Regos Mata, Manuel Iglesias Vieites e Marcos Fernández Louro. En outubro renunciaría Alba e, aínda que a seguinte na lista era Mª José Calvo, acabaría sendo substituída por Aitor Ribadas.
  Por fin, a morte oficial de UxO chegaría en xuño de 2021. Manuel Regos anunciou o seu adeus definitivo á política despois de 32 anos e disolveu o partido dando grazas aos veciños, compañeiros e aos tres concelleiros que pasarían a ser non adscritos.
  Concluían así 15 anos de intensa presenza desta formación na historia ordense.

No hay comentarios:

Publicar un comentario